Nestes días se celebra en Valencia unha cimeira hispanolusa que debe abordar numerosas cuestións pendentes de diverso signo. En primeiro lugar, asinarase o Tratado hispano-portugués sobre cooperación transfronteiriza entre entidades territoriais que recolle as Comunidades de Traballo como organismos de cooperación "sen personalidade xurídica", é dicir, negando a satisfacción dunha vella e modesta demanda que obrigará a reformular boa parte dos instrumentos cooperativos para transformalos en Consorcios. A maiores, son previsibles avances en materia de comunicacións físicas (os enlaces por autoestrada e as ferroviarias) e do espiñento asunto do mercado eléctrico ibérico. A cimeira vén precedida dun Forum bilateral celebrado en Funchal e, entre outros, do anuncio de que parlamentarios ibéricos se reunirán en Xaneiro próximo en Lisboa. Avanza, pois, moi claramente, o eixe que une as dúas capitais estatais. E mentres, dez meses despois da demisión de Guterres, nada se sabe aínda sobre quen será o responsable da Comisión de Coordinación do Norte de Portugal. ¿Demora inxustificada? ¿Demora buscada?
Nese Norte, aínda moitos sectores siguen confiando en Galicia e intúen razonadamente esa problemática reorientación dos investimentos cara o área de Lisboa. Pero ¿responde Galicia a esas expectativas? ¿Facemos unha aposta, de verdade seria, por Portugal? Un dato: entre nós temos dous Consulados de Portugal, un de carreira e outro honorario; temos unha oficina do ICEP e Turismo de Portugal; outra do Instituto Camoes; un Centro Portugués, etc. ¿Cal é a visibilidade de Galicia, xa non en todo Portugal senón só Norte? Nula. Non estou a falar só do goberno galego, senón do país. Vexamos: Sería moi importante contar en Porto cunha Casa de Galicia, donde poideran atoparse os nosos empresarios, os nosos escritores, os nosos deportistas, os nosos cociñeiros, os nosos artistas, os nosos profesionais… para dar conta do que somos como país e visualizar con nitidez unha identidade que desexa recuperar a mistura co veciño.
E digo non só do goberno, tamén da sociedade, dos partidos, especialmente daqueles que experimentan Portugal non soamente como unha estratexia senón como un estado de espiritu, que nos diría Plácido Castro. Non existen, non se crearon, non se propoñen mecanismos informais de reflexión e debate entre as forzas políticas galegas e portuguesas. ¡Imos ao Avante! Pero ¿por qué non instituir unha reunión de deputados galegos con deputados do Norte de Portugal? ¿Por qué non crear un grupo de traballo "ou o que diga o regulamento da Cámara- para imaxinar un conxunto de políticas sólidas e coherentes en relación ao país veciño? Poida que aquí as dificultades para establecer un encontro de pareceres sexa moito máis verosímil que no relacionado coa participación nas instancias comunitarias.
Probablemente en Portugal deberán tomar decisións importantes nos próximos meses. Interreg III está aí e o 2006 á volta da esquina. Pero aquí tamén, aínda que soamente sexa para outra vez evitar que unha cuestión importantísima como a dotación de personalidade xurídica específica ás Comunidades de Traballo transfronteirizas pase con pés de lá por diante de todo un país sen que ninguén abra a boca para dicir nada. Iso si, seguiremola enchendo sempre que falemos de Portugal. ¿Menos mal? Non nos queda Portugal.