Nas primeiras tres partes desta serie sobre tráficos ilícitos internacionais, os temas de análise centráronse nun narcótico (fentanilo), unha especie animal protexida (pangolín) e unha forma de trata de seres humanos (explotación laboral). Nesta ocasión, porén, o enfoque cadrarase nun punto xeográfico que funciona como centro de distribución de bens ilícitos cara o mundo: Nixeria.
Xeograficamente, Nixeria é un país africano que se atopa nunha posición privilexiada, con acceso ao golfo de Guinea. Isto posibilita un importante acceso ao mar a través do océano Atlántico, así coma a importantes rutas comerciais marítimas.
Na última década, organizacións internacionais de primeiro orde como Nacións Unidas (ONU) veñen facendo fincapé no feito de que Nixeria está a se consolidar coma o principal centro de acumulación e distribución de tráficos ilícitos dentro do continente africano —e, en consecuencia, tamén do mundo—. As cidades de Lagos e Abuja son so dous centros de tráfico máis importantes dentro do país.
Algúns dos tráficos máis abundantes, e tamén beneficiosos —xa que os controis son menores e as penas xudiciais, menos severas— son aqueles relacionados con bens naturais protexidos. Preocupan de xeito especial dúas especies: o pangolín e o palisandro.
No ano 2019, máis da metade dos materiais de pangolín incautados no mundo tiñan coma orixe algún punto de Nixeria. É habitual, polo que demostran as operacións contra o tráfico ilícito de especies protexidas, atopar grandes alixos en casas de particulares. Este tendencia indica que hai unha porcentaxe importante de participación da poboación de a pé no comercio de pangolín e outros bens similares.
O palisandro (Pterocarpus erinaceus), coñecido en Nixeria co nome local de kosso, é unha árbore moi apreciada pola coloración e outras características da súa madeira. Trátase dunha especie protexida baixo o convenio CITESi. Vietnam e China acostuman a ser os destino clave, tanto para o palisandro como para outras especies protexidas animais e vexetais.
Outros materiais, coma o marfil, tamén se atopan entre os máis solicitados nos mercados ilegais. Estas pezas proceden de distintas especies tanto de elefantes coma de rinocerontes.
Esquema de tráfico de especies de pangolín e elefante
Pero non só son especies animais e vexetais co que se trafica en e dende Nixeria. O tráfico de narcóticos sintéticos procedentes do sueste asiático, así coma o tráfico e a trata de seres humanos, atopan en Nixeria un panorama favorable para desenvolverse. Os opioides distribúense por rutas terrestres que alcanzan todo o continente —e, eventualmente, tamén Europa—, mentres que o tráfico de persoas enfócase na trata de nenos soldados e a explotación sexual.
A corrupción dentro de elementos da administración oficial, así como a incrible porosidade que presentan as fronteiras da rexión do Sahel, son dous dos principais elementos que, combinados, permiten a existencia de importantes redes de tráfico que alcanzan máis aló de África. Os baixos salarios e a pobreza non fan senón incrementar a necesidade da poboación de acceder a un xeito de gañarse a vida, xa que a participación en tráficos ilícitos desta clase a miúdo é máis proveitosa do que pode ofrecer un salario medio.
Tras a pandemia de Covid-19, as autoridades chinas teñen reforzado o seu control sobre os tráficos ilícitos que entran no país. Porén, o destino só é unha parte do problema, xa que existen verdadeiras cadeas de valor entrelazadas por todo o globo. O que é máis importante, tomar medidas illadas ás veces resulta, incluso, contraproducente, xa que a capacidade de adaptación dos mercados ilícitos acostuma a ser moito maior que o das administracións públicas.
Referencias
- Chalk, P. (2004). “The politics of the Southeast Asian heroin trade”. En D. M. Jones (ed.), Globalisation and the new terror: The Asia Pacific dimension. Cheltenham: Edward Elgar Publishing, 255–266.
- Ekott, I. (2022, 4 de marzo). In Nigeria, a decade of payoffs boosted global wildlife trafficking hub. Mongabay: News and Inspiration from Nature’s Frontline. https://news.mongabay.com/2022/03/in-nigeria-a-decade-of-payoffs-boosted-global-wildlife-trafficking-hub/ [Consultado a 07/12/23]
- Elephant Crisis Fund. (2023, 27 de xullo). Some signs of hope in a wildlife trafficking hotspot. https://elephantcrisisfund.org/signs-of-hope-in-a-wildlife-trafficking-hotspot/ [Consultado a 07/12/23]
- Munshi, N. (2021, 31 de decembro). Nigeria emerges as a hub for illicit pangolin trade. Financial Times. https://www.ft.com/content/fd581c7d-b2b5-41c1-b2c5-0b24e3db51a1 [Consultado a 07/12/23]
- United Nations Office on Drugs and Crime. (s.d). Wildlife and forest crime. https://www.unodc.org/nigeria/en/wildlife-and-forest-crime.html [Consultado a 07/12/23]
- United States Department of State. (2023). 2023 Trafficking in Persons Report: Nigeria. https://www.state.gov/reports/2023-trafficking-in-persons-report/nigeria [Consultado a 07/12/23]
- i Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres.