IGADI Annual Report 2011-2012

IGADI Annual Report 2011-2012: Un mundo de novos liderados e de declive das vellas hexemonías

Un mundo de novos liderados e de declive das vellas hexemonías

Un mundo de novos liderados e de declive das vellas hexemonías

 

IGADI Annual Report 2011-2012Por quinto ano consecutivo, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org) publica o seu IGADI Annual Report 2011-2012”, un documento elaborado como síntese analítica dos principais acontecementos do 2011, as perspectivas no escenario internacional para o 2012, así como diversas reflexións transversais e por escenarios xeográficos.

Baixo o título “Novos liderados avantaxan ás vellas hexemonías”, o IGADI Annual Report 2011-2012ilustra a paulatina configuración dunha nova orde mundial, definida polo ascenso das potencias emerxentes (en especial dos BRICS), impulsada baixo o prisma da multipolaridade e marcada polo declive das outrora vellas e poderosas hexemonías euroatlánticas. Un cambio de poder que se está operando nunha conxuntura definida pola crise e recesión económica global, en paralelo á manifestacións de diversas resistencias cara o modelo económico e político ata agora imperante.

Así, no marco das Claves de 2011, analízanse o impacto e as incertezas da Primaveraárabe; a situación do yihadismo e do terrorismo global trala morte de Osama ben Laden; unha Europa sacudida polos rescates financeiros e a crise económica; a consolidación dun proceso de integración autóctono en América Latina; e a definición da rexión do Asia-Pacífico como novo epicentro global.

No aspecto das Perspectivas 2012, identifícanse como principais tendencias o cambio de liderado na cúpula do poder en China, trala celebración do XVIII Congreso do Partido Comunista Chinés previsto para finais de ano; a carreira pola reelección de Barack Obama en EUA; eleccións clave en México e Venezuela; o retorno presidencial de Putin ao Kremlin; e unha reflexión sobre a crise europea dende unha perspectiva cidadá.

No marco das Reflexións por áreas xeográficas, establécense as análises da rivalidade entre EUA-China (artigo de Jaume Giné Daví) e o xiro asiático da política exterior estadounidense (Jared D. Larson). O ascenso electoral islamita no Magreb a carón daPrimavera árabe (David Alvarado) e o desconcerto do ideal europeísta (Xosé Luís Franco Grande) compleméntanse coa análise das complexidades do MERCOSUR na nova conxuntura de integración latinoamericana (Ignacio Covelo).

Finalmente, o IGADI Annual Report 2011-2012 aborda nas súas Reflexións transversais, a ambigüidade do intervencionismo “humanitario” (Roberto Montoya); a rebelión popular e as resistencias na orde global (Xabier Macías); unha perspectiva do control dos océanos (Marcelo Javier de los Reyes) e da situación dos denominados “Estados fráxiles” (Fernando Soto Maceiras), para finalizar cunha análise sobre o ascenso e o novo poder das economías emerxentes (Alfredo Toro Hardy).

IGADI Annual Report 2011-2012 concreta, pois, un amplo esforzo reflexivo sobre os cambios e escenarios que ocorren nun sistema internacional en constante transformación e permite, ao mesmo tempo, constituír unha guía de referencia baixo unha perspectiva plural e diversa.