Tempo exterior, revista de análise e estudos internacionais dirixida por Xulio Ríos, ofrece no seu Nº 35, período Xullo-Decembro de 2017, as Actas correspondentes ao II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, organizado en Pontevedra polo IGADI e o Observatorio de Gobernanza G3 da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, os días 18 e 19 de setembro de 2017.
Baixo o título “Repensar Europa desde aquí”, este congreso reflexionou sobre o que está actualmente a acontecer en Europa, da man de expertas e expertos tanto galegos como provenientes de España e Portugal.
Neste sentido, Tempo exterior Nº 35 ofrece unha testemuña deste congreso a través das súas diferentes achegas. Destacan na Sesión de Apertura as palabras de inauguración da man Xosé Manuel Baamonde Silva, Decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo; Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde do Concello de Pontevedra; Jesús Gamallo Aller, Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia; Ernesto Pedrosa Silva, Presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Carlos López Font, Deputado Provincial pola Deputación Provincial de Pontevedra; e Daniel González Palau, Director do IGADI desde abril de 2017 e membro do comité directivo deste II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia.
Posteriormente, a Conferencia Inaugural baixo o nome de “Galeguismo e Europeísmo”, foi realizada por Camilo Nogueira Román, quen fora representante galego ante o Parlamento Europeo (1999-2004).
Tras esta conferencia, o monográfico especial de Tempo exterior reproduce ás diversas actas divididas nas súas respectivas sesións organizativas: a sesión Político-Institucional (cos relatorios de Antonio C. Pereira Menaut, Argimiro Rojo Salgado e Ana Ramos Barbosa); a Sesión Económica (relatorios de Anxo Calvo Silvosa, Xavier Vence Deza, e Xavier Martínez Cobas); a sesión Socio-Cultural (relatorios de Albino Prada Blanco, Celso Cancela Outeda e Constantino Cordal Rodríguez); a sesión de Política Exterior e de Seguridade (relatorios de Rafael García Pérez, Sandra Dias Fernandes e Cristina Manzano); e finalmente a sesión de Clausura, coa conferencia de Eduardo Olier Arenas.
Este monográfico especial inclúe igualmente dous relatorios adicionais na sesión de Comunicacións, a cargo de Diego Sande Veiga e Rubén Rivas de Roca García. Finaliza este número de Tempo exterior coas Conclusións do II Congreso como anexo documental da Memoria do mesmo.
Para máis información e subscricións: Tlf: 986 84 34 36. E-mail: info@igadi.org
Pontevedra. 5 de marzo de 2018.