IGADI Annual Report 2023-2024: Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade

IGADI Annual Report 2023-2024

Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade

No 2023 titulamos o IGADI Annual Report (IAR) 2022-2023 «Globalización e multipolaridade en tempos de Guerra». Un ano despois, xa superado o segundo aniversario da invasión de Rusia a Ucraína e logo do espellismo da contraofensiva ucraína, Rusia amosa a súa fortaleza. A perigosa década dos anos 20 continúa sen treguas redefinindo a multipolaridade, ameazando con escalar en diferentes rexións e coa retórica da Guerra nuclear aberta. 

Xa no Ano luar do Dragón, despois das eleccións de Taiwán no mes de xaneiro do 2024, seguimos a observar a rápida transformación dos cambios acumulados desde os confinamentos globais do 2020-2021. A multipolaridade reafírmase, da economía á seguridade. Nese orde de cousas a polarización arredor de todo o globo bebe da inercia de décadas de cambio que agora emerxen con toda a súa forza e impacto cotiá.

Ademais do escenario en Europa, hai moito máis para estar alerta. Se a Guerra da Ucraína foi o centro de atención das polémicas na sociedade internacional durante o 2023, as guerras e os conflitos de maior ou menor intensidade non deixaron de agromar e afondarse polo globo. Nesa cadea bélica, foron os eventos do 7 de outubro en Israel, co ataque de Hamás e a posterior vinganza encabezada polo moi polémico Netanhyahu, os que espertaron os titulares máis ameazantes para o malestar internacional postpandémico. O escenario en Gaza coa potencial extensión á Guerra por todos os mundo árabes parece que aínda non derramou toda a súa potencialidade, mentres que non se observa ningún horizonte final, máis alá de potenciais treguas e intercambio de reféns e presos ou o avance do proceso por Xenocidio a Israel na Corte Penal Internacional. 

Así, a Guerra e a propaganda que a acompañan, ameazan con apoderarse dunha sociedade con riscos globais cada vez máis evidentes, de maneira particular para os nosos intereses, en Europa. As normas internacionais trala fin da Segunda Guerra mundial, hai tempo caducas, agonizan, mentres que observamos o tamaño da policrise (seguridade, económica, medioambiental, organizativa) aumentar.

Máis alá do marco de época onde nos atopamos, no 2024 todos os analistas destacan que viviremos nun ano electoral global, que simultaneará os seus resultados e os re-equilibrios nacionais, cos taboleiros de seguridade, desde a xeopolítica e a xeoeconomía, delimitando novos movementos e escenarios de curto, medio e longo prazo. O ano electoral rematará coas eleccións nos EE.UU, a grande superpotencia militar mundial, o que as converte nas máis relevante á hora de redefinir os escenarios.

Índice

  1. Presentación
    • 1.1. Os contidos do IAR 2023-2024
    • 1.2. Os 32 anos do IGADI
    • 1.5. Equipo IAR 2023-2024 
  2. As Chaves de 2023
    • 2.1. A globalización enferma?
    • 2.2. Sur Global e Sur plural
    • 2.3. A Unión Europea e os EEUU unidos polas normas internacionais
    • 2.4. Risco global e multipolaridade líquida en Gaza
    • 2.5. A Axenda 2030 en retroceso
  3. As Perspectivas 2024
    • 3.1. Ano electoral global
    • 3.2. A Guerra na globalización multipolar
    • 3.3. Os BRICS no 2024
    • 3.4. O Cumio do Futuro e a reforma de Nacións Unidas
    • 3.5. A Unión Europea entre a guerra e a paz 20
  4. Reflexións por áreas xeográficas 2023-2024
    • 4.1. Balance da Presidencia Española da UE 2023: máis histórica ca mitigada, pero menos imprescincible do que se pensa. Por Serafín Pazos
    • 4.2. América Latina: seguridade e democracia. “Nin é o mesmo nin é igual”. Por Andrea Mila
    • 4.3. África reoriéntase ante os cambios globais. Por Marcelo de los Reyes
    • 4.4. Taiwán: o resultado posteleitoral. Por Raquel Isamara León de la Rosa
    • 4.5. Os extremistas xa son o establishment. Por Jared D. Larson
  5. 5. Reflexións transversais 2023-2024
    • 5.1. Claves da economía mundial no 2024. Por Diego Sande
    • 5.2. Acelerar a acción climática nunha década crítica. Por Xosé Veiras
    • 5.3. O dereito á alimentación: escasez de xustiza, chaves do 2023 e proxección para 2024. Por Alberto Trillo Barca 
    • 5.4. A cultura, o desenvolvemento sustentábel e o cambio climático. Por Christoph Schreinmoser
    • 5.5. A diplomacia deportiva: Das turbulencias no 2023 aos Xogos Olímpicos de París 2024. Por Marta Álvarez
  6. As personaxes do ano: Prigozhin, Jenni Hermoso, Elon Musk, Netanyahu, Javier Milei