Dun “Caracazo” a outro

O 27 de febreiro cúmprese 25 anos dun dos sucesos máis violentos e reivindicados da historia contemporánea venezolana, o “Sacudón” ou “Caracazo”, unha explosión popular acaecida en 1989 pola alza de prezos dos combustibles decretado polo entón presidente Carlos Andrés Pérez, baixo o amparo dos programas de “axuste” do FMI e do Banco Mundial, e que levaron ao pobo ás rúas en violentas manifestacións, saqueos vandálicos e unha forte represión policial, con saldo de milleiros mortos, sen alcanzarse ata agora un consenso sobre a cifra oficial de vítimas.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave crise Venezuela Caracazo
Idiomas Galego

O 27 de febreiro cúmprese 25 anos dun dos sucesos máis violentos e reivindicados da historia contemporánea venezolana, o “Sacudón” ou “Caracazo”, unha explosión popular acaecida en 1989 pola alza de prezos dos combustibles decretado polo entón presidente Carlos Andrés Pérez, baixo o amparo dos programas de “axuste” do FMI e do Banco Mundial, e que levaron ao pobo ás rúas en violentas manifestacións, saqueos vandálicos e unha forte represión policial, con saldo de milleiros mortos, sen alcanzarse ata agora un consenso sobre a cifra oficial de vítimas.

Con esta onomástica en mente, resulta inevitable realizar unha comparación, en perspectiva histórica e política, sobre o acontecer actual venezolano. O historiador venezolano Agustín Blanco Muñoz definiu o 27/F como “o día en que a pobreza saíu á rúa”. Ese acontecemento foi, por tanto, o punto de creba decisivo que desmontou o mito da “Venezuela saudita”, baseada no rentismo petroleiro e a “democracia pactada” vixente desde 1958. Un mito ironicamente establecido polo entón presidente Pérez durante o seu primeiro mandato (1974-1979) e que baixo a conxuntura do 27/F acometía o seu segundo período presidencial.

Sen abondar nos acontecementos posteriores, o 27/F de 1989 deu inicio a unha prolongada etapa de turbulencia, convulsión e transformacións da Venezuela contemporánea. En 1992 ocorreron dous alzamentos militares (4 de febreiro e 27 de novembro), o primeiro liderado por Hugo Chávez. En 1993, e por decisión da entón Corte Suprema de Xustiza, Pérez converteuse no primeiro (e ata agora único) presidente venezolano en ser separado da presidencia para ser sometido a xuízo por peculado. Ese mesmo ano gañou a presidencia outro expoñente da “vella política”, Rafael Caldera. Pero os síntomas de descontento político xa comezaban a anunciarse.

Nun país que comezaba a experimentar os efectos da crise económica motivada polo paulatino esgotamento do modelo rentista petroleiro (creba bancaria de 1994) e da insatisfacción social cara o seu establishment político e os cada vez máis agudos síntomas de desigualdade socioeconómica e de pobreza, en 1998 chegou á presidencia un modelo alternativo, o Movemento V República, impulsado polo propio Chávez, dando paso á concreción do modelo da revolución bolivariana e, posteriormente, do Socialismo do Século XXI.

De sobre é coñecido a perspectiva focalizada na Venezuela “chavista” desde 1999. Con todo, o factor que máis comunmente define este contexto ten que ver coa aguda polarización social e política, que levou a intensificar os factores de permanente tensión, convulsión e incluso de violencia política. Pero alén dos evidentes progresos sociais do “chavismo”, principalmente orientados en focalizar o combate á pobreza como elemento central de calquera proxecto de desenvolvemento nacional, das súas prioridades en asistencia educativa e sanitaria así como a súa consolidación dentro do espazo político venezolano como un movemento hexemónico traducido dentro dun contexto de eleccións democráticas, o país segue a estar tensamente polarizado e dividido.

Compre considerar que o contexto 2014 anuncia, dalgún xeito, unha nova etapa. Por simbólico que pareza, Pérez e Chávez, protagonistas do contexto fraguado antes e despois do 27/F de 1989, xa non están con vida. A “Venezuela Saudita” do “puntofijismo” cuxa encarnación era precisamente Pérez, foi diluíndose aínda que sen desaparecer por completo, dentro da “Venezuela chavista” impulsada polas transformacións políticas, institucionais e sociais de Chávez, cuxo sistema segue en pe, polarizado e antagonizado por outros actores e realidades.

Cuestión de lexitimidade

Os sucesos que desde fai semanas sacoden a Venezuela, cunha renovación das protestas, barricadas e enfrontamentos violentos  aderezados pola peor crise social e económica da Venezuela contemporánea (elevada inflación e inseguridade cidadá, problemas de abastecemento, etc) define inevitablemente outro contexto, aínda que algúns dos seus síntomas xa foron anunciados no “Caracazo” do 27/F de 1989.  Este contexto ven traducido nun prolongado pulso e tensión non só polo control do poder (estatal, social, etc) senón do modelo de desenvolvemento e de transformación que precisa o país.

No epicentro desta definición e destes pulsos está o tema da lexitimidade política, o cal tensa permanentemente o panorama en distintos niveis, con particular incidencia dentro do goberno, de cara á oposición e igualmente de cara ao contexto exterior.

Neste sentido, ao presidente Nicolás Maduro se lle presenta o reto estratéxico de consolidar o seu liderado tanto dentro do “chavismo”, como sucesor do legado de Chávez, como a nivel nacional, particularmente de cara a sectores opositores cada vez más radicalizados e que descoñecen a súa lexitimidade presidencial, en particular ante a contestada elección presidencial do 14 de abril de 2013 e a pesar do maioritario triunfo de Maduro e do “chavismo” nas eleccións municipais de decembro pasado. Con este contexto en xogo, Maduro e o “chavismo post-Chávez” enfróntanse ao seu principal reto.

A renovación da violencia nas rúas nestas derradeiras semanas intensifica a magnitude deste desafío. A grandes resgos, a actual crise política non semella cuestionar a capacidade e integridade do goberno de Maduro para xestionar a mesma, en particular tomando en conta o respaldo ao actual presidente por parte do partido de goberno (PSUV), da Forza Armada, da institucionalidade estatal, da bases sociais do “chavismo” e, con diversos graos de intensidade, da práctica totalidade dos gobernos rexionais, a excepción de EUA, persuadido de que a actual crise pode minar a popularidade do “chavismo” e a perdurabilidade do liderado de Maduro.

Este factor, o da lexitimidade política, planea claramente nos recentes disturbios e na radicalización da atmósfera política, intensificando a confrontación verbal e nas rúas. O contexto de 2014 difire claramente neste sentido do 27/F de 1989, tomando en conta que esta foi máis ben unha protesta social baseada na evidencia das desigualdades socioeconómicas e o factor da pobreza. A crise actual define, máis ben, fortes enfrontamentos pola lexitimidade política, tanto para Maduro e o “chavismo post-Chávez” como para os diversos liderados dentro da oposición, razón que da pe a focalizar en diversas lecturas e perspectivas que gravitan nesta crise, desde precisamente a lexitimidade cidadá para protestar ata a percepción (igualmente lexítima) do goberno de Maduro sobre o eventual cariz conspirativo destas protestas, orientadas a propiciar un “golpe de Estado”.

A mutua desconfianza entre os diversos actores políticos da realidade venezolana da pe para especular sobre os verdadeiros intereses existentes. Dentro e fóra de Venezuela, ao goberno de Maduro se lle acusa de propiciar un clima de represión policial e militar contra manifestantes civís, aparentemente amparando a presunta utilización de grupos armados existentes dentro do “chavismo”, xenericamente denominados “colectivos”, así como da creación a partir de 2007 dunha Milicia Bolivariana, o que para moitos sectores opositores certificaría a entronización dunha especie de “garda pretoriana”, independente do control estatal e militar.

Ó carón da cooperación estratéxica establecida entre Venezuela e Cuba desde 2000, diversos sectores da oposición constantemente acusan ao “chavismo” de presuntamente ampararse na utilización de “represores cubanos” a nivel policial, militar e institucional, nas tarefas de represión. Esta realidade intensifica aínda máis as perspectivas dunha anarquía política que pode igualmente minar os factores de lexitimidade política (especialmente para Maduro), incluso cando esta confrontación utiliza o delicado tema da soberanía nacional.

O pulso pola lexitimidade e a utilización de canais de confrontación como móbil político é unha perspectiva que igualmente enfócase dentro dunha oposición visiblemente radicalizada e fracturada nos seus liderados e programas políticos, onde igualmente existen sectores que tensan constantemente a conxuntura para propiciar unha caída presidencial de Maduro e do “chavismo”.

A evidencia deste contexto ten que ver coas diferenzas existentes entre o principal liderado da Mesa da Unidade (MUD), Henrique Capriles Radonski, mais proclive a abrir canais de negociación co goberno; e a reemerxencia de novos liderados, como o recentemente apresado Leopoldo López e a deputada María Corina Machado, decididos a prolongar as “accións de rúa”.

Ó carón da actual crise, o lema instaurado por López, Machado e Antonio Ledezma, recen elixido alcalde metropolitano do Distrito Capital, para xustificar estas accións e incluso a radicalización, non pode ser máis expresivo: “La Salida”. Neste sentido, estes sectores opositores fan referencia da crise ucraína e doutras anteriormente existentes en países con problemas de lexitimidade política e de polarización social.

As fracturas dentro da oposición determinan e condicionan ese factor de lexitimidade política. A recente posta en marcha por parte de Maduro dunha Conferencia Nacional para a Paz, na que participaron sectores empresariais, sociais, sindicais e a propia Conferencia Episcopal, entre outros, foi finalmente desestimada por unha MUD atomizada, desconfiada por esta oferta de diálogo gobernamental, correndo así o risco de “auto” excluírse como un actor lexítimo de negociación, erixíndose así como un factor perpetuo de confrontación política.

Nin diálogo nin xordos

Como móbil de confrontación e de polarización está o tema da comunicación política, amplamente radicalizada durante esta década e motorizada pola mutua utilización de epítetos que en nada contribúe á concreción de espazos de consensos. Desde goberno e oposición, a Venezuela “chavista” desde 1999 asiste a un ritual diario de descalificativos mutuos (“fascistas”, “castristas”, “escuálidos”, “golpistas”, “cubanización”, etc) aderezado nalgúns casos de complexos de carácter “clasista” e incluso racial, que dilúe a capacidade de consenso entre os diversos actores, radicalizando o espazo público de comunicación.

Este factor confirma igualmente a escasa capacidade de recoñecemento mutuo, motorizada pola arriscada mobilización de identidades de carácter político, social e ata racial, que procrea unha dicotomía de polarización tendente a obstaculizar e principalmente radicalizar os canais de lexitimidade política.  

Máis ben, esta radicalización da comunicación política confirma a capacidade, permanente ou transitoria, de unificación interna nas filas de “chavistas” e “opositores”, os cales interpretan o espazo político como un marco de confrontación cada vez que se senten “ameazados”, e que escapa incluso ao poder de actuación e de persuasión por parte do tecido institucional.

Se ben a turbulencia e a polarización seguirán moi probablemente definindo o contexto da crise venezolana, non se deben desestimar outros factores. Tras quince a nos de “chavismo” no poder, e aínda que non exactamente visibles nos seus liderados e programas, en Venezuela emerxen outros actores sociais con cada vez maior capacidade de mobilización e, transitoriamente, de lexitimidade política.

Estes actores conflúen desde sectores estudantís, tanto opositores como “chavistas”, cunha notable capacidade de mobilización, ata outros de carácter civil e independente, inseridos en diversas capas sociais, e na que moi probablemente destaque o que se pode denominar como “chavismo de base”.

A pesar da polarización e da radicalización política do actual contexto venezolano, a emerxencia destes sectores moi probablemente definirá un novo reto no marco da lexitimidade política, e que repercutirá progresivamente de cara ao establishment actualmente existente. Con distintas perspectivas, lecturas e actores en cuestión, a persistencia da polarización na sociedade venezolana revela claramente as feridas aínda abertas do “Caracazo” do 27/F.