Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
IGADI 17 de Outubro de 2016 Mansilla Blanco

Repensar o Kurdistán (II)

Fonte: https://newrozeuskalkurduelkartea.wordpress.com/2015/02/28/comprendiendo-la-revolucion-de-rojava/

Nun artigo anterior (“Repensar o Kurdistán”, http://www.igadi.org/web/analiseopinion/repensar-o-kurdistan) explicábase o histórico momento no que se atopa o Kurdistán de cara á eventual reconstitución xeopolítica que se presume para Oriente Próximo por mor dos intereses estratéxicos que se moven dentro do conflito sirio. A este escenario debe engadirse o efecto, directo e colateral, do contexto post-golpe en Turquía, particularmente trala decidida viraxe autocrática do presidente Recep Tayyip Erdogan. Por tanto, coincidindo coa recente visita a Galicia de Eyyup Doru, representante en Bruxelas do pro-kurdo Partido Democrático dos Pobos (HDP), a cuestión kurda merece ser revisada á luz destes recentes acontecementos. 

Imponse aquí dúas novas variables que clarifican un panorama aínda envolto en sinuosas complexidades e claroscuros. Unha en chave política interna, relativa á aparición do HDP como un interlocutor político e social con notable capacidade para reconducir non só a causa kurda senón novas representacións políticas. E a outra en chave rexional, coa paralela consolidación dun modelo autoxestionario na rexión kurda de Rojava, ao norte de Siria fronteirizo con Turquía, factor que pode supoñer un punto de inflexión para a causa kurda.

Con 59 dos 550 escanos da Asemblea Nacional turca, o HDP é actualmente a terceira forza política no contexto turco. Tralas eleccións lexislativas de novembro pasado, o HDP é igualmente o partido maioritario a nivel municipal no Kurdistán turco, sendo a única forza política pro-kurda legalizada.

Actualmente erixido como o principal baluarte da causa kurda, o HDP redimensiona o seu papel político asumindo a pluralidade de demandas progresistas nunha sociedade turca “post-kemalista” en constante mutación.

Nesta estratexia mantén un importante papel a igualdade de xénero e a paridade de representación política entre homes e mulleres. Na principal cidade kurda en Turquía, Diyarbakir, goberna unha muller do HDP. Tamén amplía o seu caudal de apoio dentro da comunidade LGBT, así como grupos ecoloxistas, defensores das minorías, feministas, libertarios e seculares, entre outros, que lle permite a esta partido consolidarse como unha forza política heterodoxa en ascenso, tentando atraer a aqueles grupos e movementos de protesta cidadá que en 2013 simbolizaron a súa loita nos sucesos da praza Taksim de Istambul.

Tanto como defensor da causa kurda, a vocación de paridade de xénero na súa representación política lle permite ao HDP desafiar a viraxe islamita “neo-conservadora” e reaccionaria impulsada por Erdogan a través do seu partido AKP desde a súa chegada ao poder en 2003. Impulsar o radio de representación política das mulleres supón un avance progresista contra os impulsos hexemónicos de Erdogan e do AKP que, nos derradeiros tempos, permitiron unha inédita compatibilización de intereses co seu histórico inimigo, o kemalista Partido Republicano dos Pobos (CHP).

A Turquía “erdogiana” ofrece así un pacto tácito entre aparentes inimigos irreconciliables (AKP e CHP), a fin de moldear un novo establishment de poder post-kemalista no que o poderoso estamento militar turco vese reconvertido pola profusión de lealdades “erdogianas” asimiladas a través dun AKP ansioso por erixirse como bastión dun “neoislamismo” inserido dentro dos sistema capitalista, e como forza política hexemónica sen contrapesos nin rivais, como é o caso da rede Gülen. Un contexto difícil para o HDP, particularmente visibles trala ruptura de negociacións cos kurdos por parte de Erdogan (desde agosto de 2015), que permite a represión contra medios disidentes principalmente kurdos, así como o apoio turco á ofensiva militar en Siria, focalizada para neutralizar a eventualidade dun Kurdistán independente de feito.

Está entón por ver se o HDP logrará consolidarse como o novo estandarte político tanto da causa kurda como da pluralidade de demandas progresistas que están tentando ocupar o seu espazo na Turquía post-kemalista baixo hexemonía “neoconservadora” de Erdogan. Do mesmo xeito, o eventual éxito político do HDP servirá de atenuante a unha causa kurda ata agora historicamente monopolizada pola loita política e armada do ilegalizado Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) e doutras milicias e agrupacións existente no amplo e frecuentemente polarizado abano de representacións políticas dos kurdos tanto en Turquía como en Iraq, Siria e Irán.

A eventual consolidación do HDP como vector contestatario do novo establishment de poder en Ankara, monopolizado polo AKP, o CHP e a casta burocrática e militar “erdogiana”, terá outro desafío no caso de que o denominado “modelo Rojava” logre acentuarse e consolidarse dentro do volátil panorama rexional, particularmente en caso de verificarse a hipotética desintegración estatal e territorial siria.

Se o HDP eventualmente está desprazando a histórica órbita gravitacional da causa kurda anteriormente monopolizada polo PKK, o “modelo Rojava” implica reconsiderar igualmente o novo equilibrio de forzas que se anuncia non só dentro da causa kurda senón na recomposición xeopolítica rexional.

O modelo de autoxestión de Rojava ten igualmente paralelismos en materia de igualdade de xénero, similar ao proxecto de representación política defendido polo HDP. Entre ambos estaríase fraguando un novo modelo de representación política no corazón de Oriente Próximo e das sociedades islámicas, onde o papel da muller como activo político e miliciano ten capacidade de influencia.

Este modelo implicaría fortes incidencias nunha rexión tradicionalmente condicionada por unha cultura política autocrática e patriarcal, desafiando igualmente o reforzamento das opcións reaccionarias e “neoconservadoras” imperantes non só na Turquía de Erdogan senón de cara ao propio yihadismo salafista encarnado no Estado Islámico e igualmente de cara aos sistemas rigoristas e inflexibles e existentes en Arabia Saudita e Qatar. Todos eles aliados estratéxicos occidentais aínda que, no caso turco, membro estratéxico da OTAN, reoriente un xiro euroasiático con Rusia  de consecuencias imprevisibles. Non obstante, todos eles buscan recuperar esferas de influencia no novo mapa xeopolítico que se anuncia para Oriente Próximo.

Esta perspectiva amplíase incluso de cara ao Kurdistán iraquí, depositario das expectativas de independentismo kurdo de feito, cortexada ironicamente por Turquía, Arabia Saudita, Qatar, EUA, Israel e incluso Rusia por mor de intereses enerxéticos, hidráulicos e comerciais. No Kurdistán iraquí gobernado polo clan Barzani establecido no Partido Democrático do Kurdistán (PDK), preséntase igualmente unha loita intestina polo poder a través de rivalidades de clans tribais establecidos igualmente na Unión Patriótica do Kurdistán (UPK) e incluso o marxista PKK.

Neste sentido, tanto para Washington e Israel como para a Turquía “erdogiana” e o eixe rexional sunnita liderado por Arabia Saudita, convén a procreación dun Kurdistán iraquí independente de feito pero tutelado por estes intereses xeopolíticos e enerxéticos. Pero o trasfondo obedece igualmente á necesidade destes actores de potenciar un aliado kurdo rexional que desactive as opcións alternativas establecidas polo HDP e o “modelo Rojava”.

Por incerto e complexo, o crebacabezas kurdo non ofrece escenarios definitivos. Pero o certo é que novas expresións teñen acadado o seu espazo de representación, desafiando os intereses existentes e polarizando aínda mais un escenario que eventualmente anunciaría cambios históricos. Velaí a importancia de revitalizar a causa kurda, establecida nesas alternativas progresistas representadas polo HDP e o “modelo Rojava”.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais