Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 8 de Setembro de 2014 Mansilla Blanco

Venezuela: o “sacudón” de Maduro

    A ampla reestruturación realizada esta semana polo presidente venezolano Nicolás Maduro, denominada por el mesmo como o “sacudón”, supón un golpe de temón de estratéxico sentido político, principalmente dirixido a varios sectores, entre eles a tecnocracia imperante no “chavismo post-Chávez”, aos sectores populares e radicais da revolución bolivariana e, igualmente, á atomizada oposición política.


    Os obxectivos estratéxicos de Maduro enfócase en dúas perspectivas: a primeira, dotarse dun equipo político e de goberno consolidado e institucionalizado, onde a Forza Armada Nacional (FAN) adquira un maior protagonismo político, en conxunción co denominado “chavismo civil” vinculado directamente coa familia de Chávez.
    Aquí ocupan a atención os recentes nomeamentos do novo equipo de goberno. A designación do xeneral Rodolfo Marcos Torres como novo xefe do equipo económico fortalece a “á militar” nun momento sumamente complexo tomando en conta a aguda crise socioeconómica derivada dunha elevada inflación (61% no que vai de ano, segundo recentes medicións), das incertezas derivadas dos diversos tipos de controis de cambio, do desabastecemento de produtos básico e da escaseza de liquidez financeira, parcialmente aliviada pola estratéxica asistencia monetaria acordada por China, e que supón um elemento estratéxico para as políticas públicas e os gasto en programas sociais que consolidan a popularidade do “chavismo”..
    Paralelamente, a designación de Asdrúbal Chávez, irmán do falecido ex presidente Hugo Chávez, como ministro de Petróleo e Minería, un dos cargos chave no goberno ata agora en mans do ex presidente de Petróleos de Venezuela (PDV), Rafael Ramírez, así como a confirmación de Jorge Arreaza, xenro do ex presidente Chávez, como primeiro vicepresidente executivo, son outras variables que definen a estratexia política de Maduro con esta reorganización gobernamental.  
    Con Asdrúbal Chávez e Arreaza en postos chave do goberno, Maduro tenta  compensar levemente as críticas establecidas polos sectores populares do denominado “chavismo de base” cara a preponderancia existente das elites tecnocráticas e económicas establecidas por Ramírez dende a industria petroleira nos derradeiros anos. A sorpresiva designación de Asdrúbal Chávez define efectivamente ese mensaxe simbólico de preservación da “pureza” política e ideolóxica do “chavismo”, entronizando así a un dos membros da familia Chávez.
    Con todo, o anuncio mais sorprendente foi a rotación de Rafael Ramírez, considerado o “zar” económico do goberno , no seu novo cargo de Ministro de Asuntos Exteriores. Ramírez, um recoñecido tecnócrata cun estratéxico peso político dende os seus tempos na presidencia de PDV e amplamente coñecido no exterior, será agora o encargado de dirixir unha diplomacia “chavista” que ten visos de adquirir unha connotada realpolitik. Ramírez foi substituído na presidencia de PDV por Eulogio del Pino, ata agora vicepresidente da estatal petroleira.
   A segunda perspectiva está claramente deseñada de cara aos comicios lexislativos pautados para decembro de 2015. Con máis dun ano de distancia para a celebración dos mesmos, Maduro espera consolidar un equipo político orientado a fortalecer unha nova etapa na revolución bolivariana que lle permita, cando menos, manter a maioría “chavista” na Asemblea Nacional do Poder Popular, a pesar das tensións provocadas pola crise socioeconómica e das arremetidas dos sectores máis radicais da oposición..
    Neste sentido, e preventivamente reducindo a preponderancia do sector tecnócrata, Maduro espera reconstituír ao “chavismo” ante a presumible reformulación de obxectivos dos sectores radicais opositores, que poden intensificarse ao longo de 2015, previo aos comicios lexislativos. A renuncia en xullo pasado de Ramón Guillermo Aveledo como secretario executivo e auténtico factor de equilibrio dentro da atomizada Mesa da Unidade Democrática (MUD) parece indicar a paulatina preponderancia que eventualmente comezará a cobrar o sector radical denominado “La Salida”, dirixido pola ex deputada María Corina Machado e o ex alcalde Leopoldo López, actualmente en prisión. Esta perspectiva ameaza con erosionar a lexitimidade política do líder da MUD, Henrique Capriles Radonski.
    Alén dos obxectivos políticos e electorais a mediano prazo, a Maduro se lle esixirá con maior atención a adopción de medidas económicas inmediatas para paliar a grave crise socioeconómica, auténtico termómetro que dirimirá a súa xestión gobernamental. Consolidada a súa autoridade e lexitimidade no III Congreso do gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) celebrado en xullo pasado, Maduro deberá impulsar medidas efectivas e inmediatas a fin de garantir un marco de estabilidade e
credibilidade para a economía venezolana.Entre estas medidas, a máis expectante ten que ver co presumible aumento do prezo da gasolina, un factor sensible para a economía venezolana.
Todo isto baixo unha perspectiva de elevada burocratización gobernamental, con 30 ministerios e mais de 100 viceministerios, e ante as presións emanadas dende diversos sectores, que poden erosionar a popularidade do presidente venezolano de cara aos próximos comicios lexislativos..Con todo, o “sacudón” de Maduro implica un exercicio de equilibrio político, onde a FAN e os sectores afíns cobrarán un protagonismo estratéxico.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais