Entrevista a Xulio Ríos: “O destino das revolucións nos países árabes é incerto”

Vinte anos do IGADI (III)

Durante os últimos vinte anos o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) debullou polo miúdo a situación internacional e as repercusións que podían ter para Galicia. “Nun contexto de internacionalización no que as fronteiras se dilúen, tentamos poder tirar proveito e universalizar a identidade galega”, asegura

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

"En termos xerais", asegura o director do Igadi, "a democracia avanza no norte de África e Oriente Medio. E está claro que non vai haber pasos atrás en termos de dereitos políticos"

Durante os últimos vinte anos o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) debullou polo miúdo a situación internacional e as repercusións que podían ter para Galicia. “Nun contexto de internacionalización no que as fronteiras se dilúen, tentamos poder tirar proveito e universalizar a identidade galega”, asegura 

Xulio Ríos, fundador deste think tank , o único da Península que xungue a análise do contexto internacional e a proxección do territorio dende o que se estuda nese mundo coma “as facianas dunha mesma moeda”. Dende a súa creación, o Igadi centrouse nomeadamente en países que eran sobranceiros para “calquera estratexia galega de acción exterior” coma Polonia, no Leste de Europa, ou China, en Asia. O centro que naceu cunha revolución democrática –a dos estados que deixaron de orbitar arredor da URSS logo do esborrallamento do imperio soviético– cumpre dúas décadas de vida co pano de fondo doutra: a das sociedades árabes do Norte de África e Oriente Medio que se revoltan contra os seus ditadores. Ríos debrúzase sobre as claves desta vaga de revolucións, o seu futuro e as súas consecuencias na xeoestratexia da rexión.

Cales son os factores que deron pulo á vaga de revolucións sociais que varren o Norte de África e Oriente Medio?

Entre ese abano de características comúns está unha situación social similar, caracterizada polo feito de que o desenvolvemento económico que se ten producido non se trasladou socialmente. As desigualdades e os déficit sociais son importantes nesa zona que presenta características demográficas, e logo hai un feito político que é o feito da propia apropiación do poder por parte de determinadas elites. Esa combinación determina que toda esa faixa se convertese nun volcán que entrou en erupción neste último mes e medio. E a iso habería que engadir unha situación que varía moito de país a país e que é un actor decisivo en todo este tipo de crise, o exército, decisivo no desenlace en Tunisia, Exipto, Iemen ou Libia.

Ignacio Ramonet asegura en La catástrofe perfecta que a alza dos prezos nos alimentos ten a ver coa desbandada dos capitais cara a refuxios seguros coma o das colleitas, logo do crack do 2008. Foi esta a pinga que fixo rebordar o vaso nos países árabes?

Evidentemente, é un factor máis a ter en conta, pero que non explica por si só esta situación. A alza dos prezos afecta o Norte de África, pero tamén América Latina e países asiáticos e as consecuencias non son as mesmas aló. As circunstancias da crise económica do ano 2008 inciden na alza do prezo dos alimentos e iso afondou aínda máis as desigualdades que sofren amplas capas da sociedade norteafricana.

Hai unha revolución dos cidadáns contra as ditaduras, pero paralelamente a esta estase a producir outra, a das redes sociais e a de Al Jazeera. Tería sido posíbel que se producise a primeira se non existise a segunda?

Indubidabelmente, as novas tecnoloxías demostran a través destes exemplos que poden ser un elemento acelerador do cambio político. Non o explican por si soas, pero está claro que facilitan este tipo de transformacións e por iso este tipo de redes son obxecto de peculiar atención por parte de réximes autocráticos, porque supoñen un desafío de calado. Neste tipo de revolucións, é fundamental o control da información e hoxe, coas novas plataformas de comunicación, para calquera poder resulta complexo monitorizar eses fluxos. O que está a demostrar internet é que é unha ferramenta moi poderosa á hora de acelerar o cambio social e a mensaxe de Hillary Clinton de hai un par de semanas na que consideraba o uso da rede coma unha ferramenta de cambio social en todo o mundo vén recoñecer este feito.

Cúmprense dúas décadas da caída da URSS e as revolucións democráticas nos países do Leste. En comparanza con hai vinte anos, semella que Occidente non saúda as revoltas árabes co mesmo entusiasmo.

Hai un pecado orixinal nesta situación. E hai unha diferenza co que acontecía nos países do Leste, co socialismo real e coa propia Unión Soviética: Occidente, daquela, non apoiaba eses réximes. Porén, no Norte de Africa e Oriente Medio un factor que non hai que ignorar é que até hai moi pouco, até os primeiros momentos da crise, Occidente –incluíndo a Unión Europea– seguía dalgún xeito apoiando os réximes existentes nas últimas décadas. E tamén hai que ter en conta que a situación que estamos a vivir actualmente se pode cualificar de sobresalto democrático, pero o seu destino é bastante incerto. De feito, todo este proceso de cambio que vive esta rexión aledou o réxime iraniano e a Hamás antes ca a Occidente, que finalmente acabou sorrindo. Pero resulta difícil aventurar quen vai xestionalo. Ábrese unha situación de incerteza que pode ter resultados moi diferentes país a país en función de cal sexa a correlación de forzas. Tanto en orixe como en canto ao futuro, aínda que podemos dicir que a democracia avanza, a situación é moi diferente á que viviu Europa do Leste hai vinte anos.

Durante anos, tanto os EUA coma Europa aseguraron que cumpría apoiar os ditadores árabes porque eran os valos que podía coutar o islamismo radical. Porén, agora atopámonos con revolucións laicas...

Os procesos que estamos a vivir non teñen nada que ver coa revolución iraniana. O islamismo é un factor que está presente e cuxo pulo dependerá de como se xestione a saída da crise en cada un dos países. Pero a motivación relixiosa está ausente ou é residual na maior parte dos casos. O que sobrancea é un devezo democrático alimentado por ese desexo de amplas capas da sociedade, lideradas en boa medida pola clase media e pola xuventude, de aspirar a un estilo de vida semellante ao occidental tanto en termos de bens materiais coma en termos dunha vida política moito máis normal e, dende logo, democrática.

O feito de que os partidos islamitas entren no xogo democrático non é a mellor vacina contra calquera tipo de radicalismo?

Eu penso que si, pero non todo mundo participa desa idea. Hai moitas persoas que teñen moitos receos contra ese islamismo. Coido que ese islamismo evoluíu nos últimos vinte anos e que un sector avoga polo xogo democrático. E coido que debe integrarse na vida política coma calquera outro partido. Pero non temos a garantía de que estas revoltas vaian acabar en democracias.

Nos países onde xa se produciu o derrocamento das ditaduras –Tunisia e Exipto–, hai infraestruturas políticas mínimas para avanzar cara a unha democracia real?

Os procesos son diferentes en Exipto e Tunisia. É difícil xeralizar tanto nestes países coma nos do resto da rexión. Probabelmente, en Tunisia haxa unha alternativa dende a sociedade civil liderada polo movemento sindical que é importante e pode influír de xeito cualitativo na transición dos próximos meses. A situación de Exipto é outra porque o proceso de saída da crise e a marcha de Mubarak presenta unhas características que non se advirten no caso de Tunisia no referente ao papel do Exército, que optou por dar un golpe de estado para atallar a crise. É, xa que logo, o principal actor da transición. Esa é unha circunstancia que non se dá ao mesmo nivel en Tunisia, onde as opcións están abertas e a influencia da sociedade civil segue a ser moi importante.

Turquía podería ser un modelo de democracia a seguir nos países árabes?

Pode ser un referente e será un dos modelos a ter en conta no deseño desa transición pero todo ese proceso está moi aberto e todas as variantes son posíbeis. Houbo un punto e á parte coa situación anterior. E a xestión dese proceso determinará se o modelo a seguir é o turco, o iraniano ou un modelo propio de cada país que xurda dun proceso propio. O que é indubidable é que pasos atrás non vai haber e que calquera que sexa a situación, as cidadanías poden gañar peso específico en termos de dereitos políticos.

Como afectarán á xeoestratexia de Oriente Medio os cambios que se poden producir?

Aínda é moi cedo para determinar en que sentido pode evoluír mentres non saibamos cal é o signo político predominante en cada un destes países. A posición de Israel é ben clara: estaba moi conforme coa situación actual na medida en que lle permitía desenvolver unha política moi previsíbel en todos os sentidos Agora, a situación tornouse moi incómoda para Tel Aviv porque abre grandes incertezas de cara ao futuro. En Israel, hai preocupación até o punto de que non só se expresan as dúbidas sobre a viabilidade democrática destas sociedades, senón que tamén se estuda en que medida os procesos democráticos nestes países poden beneficiar a Israel na zona. Polo tanto, teremos que agardar a coñecer cal é o signo político final de cada un destes países.

As ondas sísmicas da revolución chegaron a Gaza e a Cisxordania. Podería producirse nos territorios palestinos algo semellante ao que aconteceu en Exipto ou Tunisia?

É difícil facer previsións neste sentido. Pensabamos hai algunhas semanas que todo este proceso podería cinguirse a Tunisia e Exipto. Porén, malia os signos de aparente estabilidade que podían chegar dende Libia, a revolución acabouse estendendo até alí. As posibilidades de que prenda en Marrocos ou a Arabia Saudí xa non son descartábeis. O problema é que, en boa parte, as causas que actuaron coma caldo de cultivo das revolucións de toda esta rexión –a crise social, a crise política, a corrupción, a apropiación do poder– tamén se lle poden atribuír ao goberno da Autoridade Nacional Palestina. En Gaza e Cisxordania houbo manifestacións de solidariedade con Tunisia e Exipto, o cal sitúa boa parte desa poboación fronte a líderes que nalgún momento actuaron de colaboradores da causa palestina en certos niveis. As condicións obxectivas e materiais para un estoupido social en Palestina existen, e é unha hipótese que nas actuais circunstancias non podemos descartar. Todo depende de como evolúa a situación nas próximas semanas.

A semana pasada houbo mobilizacións en Pequín e Shangai. China di non estar preocupada polo tremor revolucionario árabe, pero ten razóns para estalo no medio dun contexto de inflación e de posíbel suba dos prezos dos alimentos básicos?

As circunstancias obxectivas para un alzamento existen en China. Cando se emitiron as imaxes dos manifestantes en Tahrir, a moitos lembráronlles as dos manifestantes na praza de Tian’anmen, en 1989. Os problemas da inflación e alza de prezos son fenómenos comúns con diferente intensidade que están presentes en China, no resto de Asia e no Norte de África. E, de feito, as autoridades tomaron moitas precaucións para evitar posíbeis contaxios: dende o control de internet até o dos disidentes. Porén, é difícil que se produza agora unha situación dese tipo en China porque, malia todas as fendas e desigualdades que presenta a sociedade, as melloras experimentadas nos últimos anos repercutiron na poboación. Na cidadanía chinesa hai malestar, pero a percepción é que vai adquirindo dereitos en determinadas materias, a diferenza do Norte de África, onde a repercusión económica nas diferentes capas sociais foi insignificante cando non foi a peor nalgúns casos. E, por outra banda, está o factor de apropiación do poder. China está gobernada por un partido único, pero o poder muda. De feito é impensábel que alguén estea na presidencia durante trinta anos ou que existan fenómenos de sucesión dinástica coma en Cuba ou Corea do Norte. Pequín limita a dous os mandatos presidenciais. Con todo, hai unha mensaxe importante para China en todo isto: a inestabilidade é un factor que pode irromper na vida do país de xeito acusado sempre e cando as reformas políticas non acompañen todos os procesos de cambio que se dan nestas sociedades. E as reformas chinesas son extremadamente lentas. Hai signos que apuntan a que se non é agora, máis adiante, e se cadra dun xeito diferente, se poidan dar crises que afecten a estabilidade do país.

Occidente leva décadas ollando con moitos prexuízos cara ao mundo árabe. Despois destas revoltas haberá que revisar a visión que temos sobre esa cultura?

Occidente é moi ignorante con respecto aos países árabes. E o positivo destes procesos de cambio é que poden permitir que estas sociedades se apropien do seu futuro e creen marcos de realización democrática que respondan ás súas propias necesidades e idiosincrasia. Occidente defende un modelo democrático universal ao que lle cómpre tornarse máis complexo, adaptarse moito máis á sociedade tentando garantir a satisfacción de dereitos básicos e eses pluralismos inevitábeis e desexábeis. Pero sobre o papel, a democracia ten que ser máis rica e complexa. As nosas democracias son enormemente deficitarias e están en retroceso en moitos aspectos. Unha das maiores expectativas no mundo árabe é que estas revoltas deriven en procesos democráticos que permitan un enriquecemento da democracia universal incorporando as propias claves locais.