fundacion galicia europa

A acción exterior nos programas electorais: PSdG-PSOE

 Fundación Galicia-Europa; clic para aumentar
A "Fundación Galicia-Europa" parece que vai ser a principal ferramenta da Acción Exterior socialista. As súas competencias serían ampliadas e estendería as súas actuacións a (sic) Asia e Iberoamérica. Como volve aparecer a creación da "Delegación da Xunta de Galicia" en Bruxelas, haberá que supor que a "Fundación" pasará a ser algo distinto ou se poden dar graves duplicidades no futuro pero o programa non aclara máis. [Foto: Logo da Fundación Galicia-Europa].
 

Luchino Visconti tardou dous anos en rodar unha das súas grandes películas: O Gatopardo. Perfeccionista ata a desesperación, dise que esixiu que os luxosos armarios do palacio do Príncipe Salina estivesen cheos de roupa, aínda que permanecesen pechados durante as escenas. O espectador nunca o sabería pero os actores e técnicos sentirían que a viaxe á Sicilia do século XIX era máis "real". Esa "verdade", ese enbruxo, traspasaría a pantalla e, non se sabe moi ben como, chegaría aos espectadores.

Os programas electorais dos partidos son as sabas e a roupa de época que Visconti colocaba nas cómodas de "Donafugata", o feudo do Príncipe Salina: case ninguén os coñece, poucos son os que os len pero sobre eles descansa a "credibilidade", a "verdade" da candidatura. Sen os programas todo é máis falso, puro márqueting político e, non se sabe moi ben como, os electores percíbeno. Nas próximas semanas imos analizar as alternativas máis importantes dos tres partidos para a acción exterior de Galicia. Empezamos polo PSdG.

A principal novidade da proposta socialista, comparada co programa de 2005, é un certo cambio de ton: a globalización no 2005 era fonte de oportunidades, o Tratado da Unión ou a Estratexia de Lisboa servían de incentivos e marcaban os obxectivos polos que había de traballar. No programa do 2009 nótase o peso da crise, a apatía pola que esta pasando a construción da UE e poida que a responsabilidade de goberno. O ton xeral é máis cauto, abundan as medidas contra a crise e desaparecen as referencias máis ambiciosas (v.g: "Galicia quere participar… no sistema de gobernanza global a favor da paz…" páxina 23, ano 2005).

A "Fundación Galicia-Europa" parece que vai ser a principal ferramenta da Acción Exterior socialista. As súas competencias serían ampliadas e estendería as súas actuacións a (sic) Asia e Iberoamérica. Como volve aparecer a creación da "Delegación da Xunta de Galicia" en Bruxelas, haberá que supor que a "Fundación" pasará a ser algo distinto ou se poden dar graves duplicidades no futuro pero o programa non aclara máis. Outro cambio importante é que desaparece o "Instituto Rosalía de Castro" proposto nas anteriores eleccións. A acción cultural que debería desenvolver o "Rosalía" pasa a ser substituida pola "colaboración co Instituto Cervantes", ou polos centros galegos ou outro tipo de redes ou organismos.

Para os socialistas hai emigrantes ou "cidadáns galegos" que viven non exterior. Non utilizan o concepto Diáspora que, para moitos especialistas, reflicte mellor a realidade actual: os fillos ou netos dos "cidadáns no exterior" son arxentinos ou suecos, é difícil que se poidan cualificar de emigrantes ou exiliados. Para todos eles ofértanse propostas moi concretas: financiamento dos medicamentos aos emigrantes cando estean en Galicia, inscrición desde o seu país de residencia no Servizo Galego de Emprego, e outras moitas medidas asistenciais. Sobre a representación política hai un cambio fundamental: no 2005 propúñase a creación de circunscricións electorais para o exterior e, neste ano, faise fincapé nas garantías do voto. Tamén cambia o papel dos medios públicos de comunicación: a misión da difusión exterior e o contacto cos emigrantes trasládase ás "novas canles de difusión", aínda que non se explicita claramente como será.

O programa socialista para o 2009 contén unha perla que abunda na tradición política hispánica de confundir os desexos coa realidade. Na páxina 20 pódese ler, como primeira medida a adoptar, que: "acadaremos non 2013 a plena converxencia en renda coa Unión Europea". Tamén a Constitución de 1812 convertía aos españois en bos e benéficos pero, por desgraza, a mera enunciación dunha intención non a converte nalgo real a pesar do que parecen pensar moitos publicistas.