20090128 davos klaus schwab

Días de Foros

 Klaus Schwab; clic para aumentar
En Davos, os grupos de presión, homes de negocios, expertos e gobernantes, todos eles responsables principais das políticas que nos conduciron ao actual desastre, deberan amosar un pouco de humildade e entoar o mea culpa, pero en vez diso o que se ofreceu foi arrogancia, agora en forma de "asesoramento" ao G-20, que debe reunirse o 2 de abril en Londres. [Foto: Klaus Schwab, presidente do Foro de Davos, nunha intervención o 26 de xaneiro de 2009].
 

Davos, Madrid, Belém do Pará (Brasil)… en Foros e cumios explóranse alternativas co pano de fondo da crise financeira mundial. En Davos, os grupos de presión, homes de negocios, expertos e gobernantes, todos eles responsables principais das políticas que nos conduciron ao actual desastre, deberan amosar un pouco de humildade e entoar o mea culpa, pero en vez diso o que se ofreceu foi arrogancia, agora en forma de "asesoramento" ao G-20, que debe reunirse o 2 de abril en Londres. Dixo Klaus Schwab, o presidente do Foro, que este non ten ideoloxía e que no pasado tampouco adheriu a dogma económico ningún. Davos nunca destilou ultraliberalismo. Moitos dos participantes no evento representaron a entidades financeiras que hai semanas reclamaban inxeccións de capital por parte dos gobernos dos respectivos países para salvarse da desfeita. Agora gozaban dos hoteis de luxo en vez de responder da súa pésima xestión ante un xuíz.

Ante tanto despropósito, resulta moi difícil crer nas promesas feitas en Madrid, onde Jacques Diouf, director xeral da FAO, lembrou que a fame a nivel mundial agravouse en 2008. De seguir todo así, o obxectivo de reducir á metade a fame no mundo para 2015 non poderá acadarse antes de 2050. Mil millóns de persoas no mundo non teñen garantido o dereito á alimentación e 50 millóns son nenos desnutridos. Segue habendo 3.000 millóns de pobres que malviven dunha agricultura que non recibe máis do 4 por cento da axuda ao desenvolvemento. En Roma, en xuño pasado, prometéronse 22.000 millóns de dólares para mellorar a seguridade alimentaria, pero a maior parte dese monto non se materializou. Confrontar esta situación coas subvencionadas alegrías de Davos causa autentico arrepío.

Así as cousas, se en Belém do Pará, o Foro Social Mundial tiña pensado dedicar a edición á Amazonia e o desequilibrio ambiental do planeta, todas as discusións viraron cara a formulación de alternativas ao modelo neoliberal responsable da crise. Di un proverbio chinés que un non debe desesperar nas situacións máis adversas, pois das nubes máis negras sae un agua limpa e clara. Así sexa.