20090415 porto espanha trinidade e tobago

A Cuba de Obama

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego
 Porto España, Trinidade e Tobago; clic para aumentar
Tralo golpe de efecto de Obama, con toda probabilidade aumentarán as demandas de finalizar o anacrónico embargo contra Cuba existente desde 1962. O próximo Cumio das Américas servirá como escenario proclive para que se incremente esta presión cara Obama. Pero, moi probablemente, o final do embargo está, cando menos, lonxe no tempo, basicamente polo seu marcado carácter político que determina as relacións entre Washington e A Habana. [Foto: Unha muller cunha camiseta de Barack Obama pasea polas inmediacións onde se celebrará o V Cumio das Américas, en Porto España, Trinidade e Tobago, o 15 de abril de 2009].
 

Un auténtico golpe de efecto. Só así pode cualificarse a iniciativa tomada o pasado 13 de abril polo presidente Barack Obama de eliminar diversas restricións económicas cara Cuba. Estas medidas foron realizadas a tan só catro días de celebrarse o V Cumio das Américas en Trinidade e Tobago, un escenario onde o tema cubano vai a ser (e agora máis) o eixe central de discusión.

Obama comeza así a sentar as bases dunha nova diplomacia que cobra a súa dimensión a piques de cumprir os seus primeiros "cen días" de presidencia, algo tan simbólico como revelador á hora de medir a xestión inicial dos distintos presidentes estadounidenses. Tras unha triunfal xira europea, onde deixou a súa pegada nos cumios do G-20 e da OTAN, o presidente estadounidense espera inaugurarse no seu primeiro cumio hemisférico cunha decisión de gran impacto político.

Aínda que Cuba non supón un eixe preponderante nin primordial na política exterior estadounidense, o impacto que a illa caribeña ten no imaxinario latinoamericano exerce unha gran carga política e simbólica. Obama coñece con exactitude que o momento actual demandaba cambios de percepción tanto en Washington como na Habana.

Este momento está determinado por diversas sinais. A apertura exterior experimentada nos últimos meses por Cuba, coa visita de mandatarios e altos cargos de países tan diversos como Rusia, China, Chile, Brasil, Arxentina e República Dominicana (sen esquecer a estratéxica alianza que mantén A Habana co presidente venezolano Hugo Chávez), así como a recente visita de congresistas estadounidenses á capital cubana, recibidos polo presidente Raúl Castro e o seu irmán Fidel, persuadiu a Obama a tomar a iniciativa e dar curso a unha nova estratexia.

Estas medidas de Obama benefician, a grandes resgos, tanto á poboación cubana como á comunidade cubano-estadounidense, reaccionaria ante medidas aperturistas que contribuíron a debilitar a súa posición política en Washington nos últimos tempos.

A eliminación de restricións de viaxe para os cubano-estadounidenses, así como o envío de remesas monetarias, ven acompañada por unha cláusula de claro carácter político, esbozada na demanda do goberno estadounidense de que a dirixencia cubana non se beneficie destas medidas. Non obstante, en EEUU diversas voces criticaron que estas medidas non foran ampliadas ao resto da poboación estadounidense, penalizada para visitar Cuba.

En clave indirecta, Obama envía outra mensaxe de contido político ao goberno cubano, quen deberá medir agora cal será a estratexia a seguir no plano interno e externo. É probable que Raúl e Fidel Castro elaboraran xunto a Chávez unha estratexia de acoso contra Obama no próximo Cumio das Américas que, aparentemente, queda agora desarticulada. Isto pode, moderadamente, explicar o silencio inicial do goberno cubano unha vez se anunciaran en Washington as novas medidas.

Tralo golpe de efecto de Obama, con toda probabilidade aumentarán as demandas de finalizar o anacrónico embargo contra Cuba existente desde 1962. O próximo Cumio das Américas servirá como escenario proclive para que se incremente esta presión cara Obama. Pero, moi probablemente, o final do embargo está, cando menos, lonxe no tempo, basicamente polo seu marcado carácter político que determina as relacións entre Washington e A Habana. Aínda así, o paso elaborado por Obama pode abrir escenarios insospeitados para EEUU, Cuba e o resto de América Latina.