A détente Irán-EUA na “nova” xeopolítica global

O “retorno” de Irán á escena internacional, actualmente determinado pola apertura dunha etapa de distensión na súa relación con EUA e da reinserción de Teherán no marco das negociacións do programa nuclear iraniano dentro da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), anuncia transformacións significativas no contexto xeopolítico global, particularmente entre Oriente Medio, Asia Central e Eurasia, contextualizadas coa actual tensión entre Rusia e Occidente tralas crises de Ucraína e Crimea e ante a obsesiva necesidade de Washington de afirmar un marco de contención contra China.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

O “retorno” de Irán á escena internacional, actualmente determinado pola apertura dunha etapa de distensión na súa relación con EUA e da reinserción de Teherán no marco das negociacións do programa nuclear iraniano dentro da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), anuncia transformacións significativas no contexto xeopolítico global, particularmente entre Oriente Medio, Asia Central e Eurasia, contextualizadas coa actual tensión entre Rusia e Occidente tralas crises de Ucraína e Crimea e ante a obsesiva necesidade de Washington de afirmar un marco de contención contra China.

As consecuencias desta inédita e non menos incerta distensión entre Teherán e Washington terán implicacións directas e indirectas nos respectivos sistemas de alianzas en países e rexións estratéxicas para a seguridade internacional e o subministro enerxético (Afganistán, Paquistán, Iraq, Líbano, Exipto, Arabia Saudita e Catar, entre outros) toda vez esta eventual détente irano-estadounidense ó mesmo tempo implicará hipotéticas transformacións nas relacións de poder e nos imperativos xeopolíticos de potencias como Rusia e China.

Neste sentido, a vitoria electoral de Rouhaní explica algunhas destas variables. En primeiro lugar, puxo fin á prolongada tensión internacional establecida durante a etapa presidencial do seu antecesor Mahmud Ahmadíneyad (2005-2013). Neste sentido, Rouhaní contemporiza o predominio da “liña dura” fortalecida polo apoio do aiatolá Alí Jamenei e da Garda Revolucionaria Islámica ás políticas de Ahmadíneyad, e que persuadiron (e aínda persuaden) ao núcleo de poder en Teherán para afianzar unha política de maior confrontación con Occidente.

Baixo esta perspectiva, Teherán fortaleceu a súa alianza con Moscova e Pequín, principalmente no cometido da cooperación económica e de apoio ás demandas nucleares iranianas dentro do Consello de Seguridade da ONU.

Rouhaní e a “revolución do esquisto”

Para o presidente estadounidense Barack Obama, fortalecer a posición de Rouhaní constitúe unha carta estratéxica imprescindible. O acordo entre Irán e a AIEA de finais de novembro pasado, fortalecido polo restablecemento da cooperación nuclear e económica o pasado 20 de xaneiro(1), implicaron para Teherán un retorno á area internacional determinado polo aval estadounidense.

Neste sentido, a distensión entre Rouhaní e Obama permitirá a Teherán a habilitación de axudas financeiras e ampliación de mercados para o cru iraniano, elementos imprescindibles para salvagardar unha economía iraniana golpeada durante anos de sancións por parte da AIEA.

Pero será o curso xeopolítico o aspecto máis salientable desta distensión, en gran medida fraguado polos cambios enerxéticos que se anuncian a nivel global para os próximos anos. A denominada “revolución do esquisto”(2) permite a Washington abrir os canais dunha máis que probable independencia enerxética co respecto ao Golfo Pérsico e, particularmente, de aliados tradicionais como Arabia Saudita. Para principios de 2013, EUA producía 7 millóns de barrís diarios de petróleo, a tenor dun incremento do 20% anual, estimándose que para 2020, o país converteríase no primeiro produtor mundial de hidrocarburos, por riba de Arabia Saudita(3).

As potencialidades do esquisto como arma enerxética estratéxica permitirían a Washington moderar novos equilibrios na xeopolítica de Oriente Medio. A distensión con Irán permitiría asegurarse un espazo de reacomodo de imperativos xeopolíticos que van dende Afganistán ata Iraq, tomando en conta a irreversible retirada militar anunciada por Obama en ambos países, a formalizar definitivamente para finais de 2014, e as tensións sectarias nos mesmos, que ameazan coa súa precaria estabilidade.

Neste sentido, Washington espera concretar novos marcos de cooperación con Teherán que lle permitan diminuír o gasto militar que supón o mantemento de tropas en Afganistán e Iraq, tomando en conta que a influencia xeopolítica de Teherán en ambos países (con maior incidencia no caso iraquí a través da maioritaria comunidade xiíta) pode implicar unha especie de “cordón sanitario” para Washington entre Asia Central e Oriente Medio.

China, Rusia e o “eixe wahabbita”

Pero a aposta da carta iraniana por parte de Obama determina considerar outras variables. Washington intensifica a súa obsesiva necesidade por conter o avance de China, fraguado na periferia chinesa de Asia Oriental a través da Asociación Trans-Pacífico (TPP), e ampliando esta perspectiva coa percepción de “atraer” a Teherán, tradicional aliado chinés. Esta ecuación obviamente implica tamén a Rusia, outro tradicional aliado iraniano, particularmente ante o actual contexto de tensión nas relacións ruso-occidentais polas crises de Ucraína e Crimea.

O avance de China e o “retorno” de Rusia explican igualmente o reforzamento da xeopolítica e dos marcos de seguridade como prioridades centrais para Washington, que teñen agora a Irán como prioridade estratéxica. No caso de Rusia, este contexto implicará unha recuperación do papel da OTAN como elemento de “contención” cara un Kremlin que regresa ao taboleiro internacional reforzando os seus imperativos xeopolíticos dentro do espazo euroasiático, neste caso a través da Unión Económica Euroasiática prevista para 2015.

Este escenario implicaría directamente observar a eventualidade dunha concreción de intereses entre Rusia e China en Eurasia, expectativa que pode incluír unha reorientación das perspectivas xeopolíticas de Turquía (país membro da OTAN), a observar con maior atención a eventualidade dunha alianza con Moscova e Pequín.

Na contorna de Oriente Medio, a distensión entre Irán e EUA permitiría a Washington reorientar unha xeopolítica rexional sumamente imprevisible, así como establecer “toques de atención” cara aliados tradicionais cuxas recentes relacións vense determinadas pola tensión e os roces diplomáticos.

Compre aquí observar os casos de Arabia Saudita, Catar e incluso de Israel, irritados pola aposta iraniana de Obama e  temerosos de verse desprazados dentro da nova ecuación xeopolítica fraguada por esta distensión con Irán e, indirectamente, pola potenciación da “revolución de esquisto” como elemento enerxético e estratéxico de Washington. Neste sentido, non sería descartable unha inédita reconsideración das alianzas rexionais, con especial atención na posibilidade dun marco de cooperación alianza saudita, catarí e incluso israelí con China(4) e, moderadamente, con Rusia, principalmente no aspecto militar.

Washington parece persuadido a reconsiderar diversas perspectivas asumidas como inalterables no mundo árabe e musulmán. Con iso, Obama semella alterar a  obsesión saudita, catarí e israelí de observar a Irán como a principal fonte de conflitos en Oriente Medio, desestimando moderadamente que o pretendido “eixe xiíta” liderado por Teherán (con incidencia en Iraq, Siria, Líbano, Palestina, Exipto e Bahrein) sexa esta fonte constante de conflitos contra os intereses estadounidenses.

Máis ben, e a pesar de habelos apoiado no pasado, particularmente desde a invasión soviética a Afganistán, Washington comeza a focalizar ao “eixe wahabbita” como a principal ameaza aos seus intereses de seguridade, particularmente pola persistencia destes apoios ao Talibán afgán así como noutros grupos “yihadistas salafistas” imperantes entre os rebeldes sirios así como en determinadas comunidades sunnitas en Iraq.

Neste “eixe wahabbita” están directamente involucrados Arabia Saudita, Paquistán(5) e Catar como berces de apoio financeiro, loxístico e militante a estes grupos, actualmente visibles con caso sirio. Por tanto, e coa carta iraniana na man, Obama calcula alterar ese apoio estratéxico que o seu antecesor George W. Bush focalizara precisamente en Arabia Saudita e Paquistán como socios estratéxicos da súa “guerra contra o terrorismo”.

Ten futuro esta distensión?

O curso dos acontecementos e, principalmente, os manexos de poder en Teherán e Washington, determinarán ata qué punto a actual conxuntura de achegamento irano-estadounidense terá unha repercusión palpable na reconfiguración dos cambios que acontecen na xeopolítica internacional.

Para Rouhani e o sistema de poder iraniano, a distensión con Washington e o retorno ás negociacións na AIEA supoñen factores esenciais para romper un prolongado illamento e o cerco exterior potenciado principalmente por EUA durante a “era Ahmadíneyad”. Precisamente, este contexto de tensión e illamento exterior permitiu fortalecer a Teherán unha rede de alianzas e de cooperación económica, militar e nuclear con China e Rusia.

A diplomacia de Rouhaní permite inferir en qué medida Irán busca un reequilibrio das súas relacións internacionais. A falta de saber en qué medida afectará a súa relación con Rusia e China, a distensión iraniana con Washington permitirá abrir perspectivas de mercado petroleiro e de cooperación económica, toda vez tentará eventualmente diluír a tradicional percepción exterior de observar a Irán como un “inimigo” inalterable, un “berce do terrorismo internacional”, percepción fortemente asentada en diversos círculos de poder en Washington, así como en Israel e tanxencialmente Arabia Saudita.

Precisamente, un achegamento a Washington que colateralmente explique un distanciamento estadounidense co respecto a Riad, supón para Teherán un equilibrio de forzas con Arabia Saudita e Catar en escenarios estratéxicos para a xeopolítica iraniana, como o Golfo Pérsico, o Golfo de Adén, Iraq e Siria, onde os pulsos dos eixes “xiíta e wahabbita” cobran maior intensidade.

No obstante, Rouhaní deberá equilibrar os contrapesos de poder en Teherán que amósanse inquietos pola posibilidade de que a distensión con Washington implique modificar os imperativos xeopolíticos iranianos, en particular en sectores da “liña dura” teocrática e, especialmente, ante o peso da poderosa Garda Revolucionaria Islámica, directamente acosada dende Washington e Tel Aviv baixo acusacións de presunto financiador de grupos islamitas como Hizbulá e Hamás.

Resta, por tanto, observar con cautela cales serán as consecuencias reais que, para a xeopolítica rexional e global, implica esta etapa de distensión entre Irán e EUA. Con todo, o trasfondo do mesmo exemplifica mais ben as tentativas de Washington por reconducir as súas prioridades estratéxicas, diminuíndo o peso e a preponderancia de Oriente Medio, especialmente en materia enerxética, e propiciando “marcos de contención” principalmente orientados cara Rusia no espazo euroasiático, e China, principalmente en Asia Central e Oriental así como en Oriente Medio.

 

 

 



(1) As chaves deste acordó e as súas implicacións xeopolíticas poden consultarse no artigo de MANSILLA BLANCO, Roberto “A chave de Teherán”, IGADI e Praza Pública (Galicia), 23 de xaneiro de 2014. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/a-chave-de-teheran

(2) O gas esquisto ou “shale gas” que desde fai uns anos produce EUA en Alaska e outros estados como Dakota do Norte, é unha técnica determinada pola mestura de auga, area e produtos químicos de alta presión para liberar os hidrocarburos. A pesar dos temores de contaminación ambiental que a súa produción xeraría, a “revolución do esquisto” promete converter a EUA no primeiro produtor mundial de petróleo, por riba de Arabia Saudita e Rusia, aspecto que lle confire un arma estratéxica chave para modificar os parámetros xeopolíticos, enerxéticos e económicos dende o Golfo Pérsico e o mundo atlántico ata Asia Oriental. Para observar os efectos destes cambios, consultar o artigo “Gas esquisto: la revolución energética mundial”, Semana (Colombia), 12 de outubro de 2013. Ver en: http://www.semana.com/mundo/articulo/gas-esquisto-revolucion-energetica/360764-3

(3) “¿EE.UU quiere aliarse con Irán contra la influencia china?”, RIA Novosti (Rusia), 30 de outubro de 2013. Ver en: http://actualidad.rt.com/actualidad/view/109972-eeuu-iran-china-arabia-saudita-alianza

(4) En abril de 2014, o presidente israelí Shimon Peres visitou China para concretar aspectos de cooperación económica. Non obstante, existe unha forte polarización na  opinión pública israelí sobre as vantaxes e os riscos económicos dunha vaga de investimentos chineses en Israel. En Tel Aviv semella predominar a cautela na relación con Pequín, toda vez o cada vez mais emerxente rol de China en Oriente Medio e a distensión entre Irán e EUA pode obrigar a Israel (así como a Arabia Saudita e Catar) a buscar outras alianzas inédita, con perspectivas incertas. Consultar o artigo “Un arma de doble filo: inversiones chinas en Israel, ¿oportunidad o amenaza?”, RIA Novosti (Rusia), 14 de abril de 2014. Ver en: http://actualidad.rt.com/economia/view/125133-inversiones-china-israel-cooperacion-amenaza

(5) Nos derradeiros anos amosase un notorio distanciamento nas relacións entre EUA e Paquistán, en particular pola persistencia do apoio de grupos paquistanís aos Talibán afgáns, dentro do anteriormente denominado radio de actuación do “eixe wahabbita”. Tanto como acelerar a distensión con Teherán como elemento de persuasión cara Arabia Saudita, Catar e Israel, Washington acelera acordos de cooperación militar con India cuxas repercusións igualmente afectarán a Paquistán e China, en particular ante a pretensión de Nova Delhi de construír un escudo antimisiles. Un escudo antimísiles que, curiosamente, conta coa cooperación israelí.