O domingo 4 de xuño, 16 millóns de peruanos elixirán como presidente entre dous candidatos, Alan García e Ollanta Humala, postulados a substituír ao actual e impopular mandatario Alejandro Toledo. As enquisas outorgan unha lixeira vantaxe para García, cando hai un mes esta diferenza estaba ao redor dos 20 puntos a respecto de Humala.
Na verdade, máis que entre García e Humala, a campaña electoral peruana semellaba unha elección "indirecta" entre o pasado recente do país, personificado en Alan García, o ex presidente Alberto Fujimori co seu polémico asesor de seguridade, Vladimiro Montesinos, e a constante presenza do presidente venezolano Hugo Chávez, o mandatario con maior proxección na rexión andina.
As acusacións e insultos directos entre García, Humala e Chávez foron a tónica dunha campaña electoral pobre en presentación programática de contidos electorais. Alan García e Ollanta Humala semellaban máis concentrados (e interesados) en fomentar unha serie de acusacións directas, crimes incluídos, que debuxan un futuro preocupante para o Perú, que acrecentan escenarios de máxima tensión rexional.
Como abandeirado do partido socialdemócrata APRA, García mobiliza unha boa parte do voto centrista, conservador e liberal. Representa unha imaxe internacional máis favorable á súa candidatura, grazas á plataforma internacional do seu partido, outrora dominador do escenario político peruano, a traveso da Internacional Socialista. Só así pode interpretarse a presenza no seu mitin de campaña de Trinidad Jiménez, responsable de política internacional do PSOE.
Pero, como no caso de Humala, o pasado de García xógalle un papel negativo a súa candidatura. Presidente entre 1985 e 1990, o seu goberno foi proclive á masiva nacionalización da banca, tivo hiperinflación económica e houbo un ascenso da ofensiva terrorista da organización Sendeiro Luminoso. As acusacións de posterior vinculación con dous personaxes tan vilipendiados e polémicos como Fujimori e Montesinos tamén semellan afectar os intereses de Alan García.
Pola súa banda, Ollanta Humala personifica unha nova faciana no escenario político nacional, non exenta de polémica. De orixe indíxena e formación militar, ex golpista e cun discurso nacionalista, antiimperialista e populista, o candidato de Unión Polo Perú é presentado pola oposición como o "candidato de Chávez". A principios de 2006, Humala estivo en Caracas, recibindo un apoio público tanto por parte de Chávez como do presidente boliviano Evo Morales. No pasado mes, Morales e Humala se reuniron en Bolivia para fomentar o renacer do indixenismo andino.
Esta percepción da influencia chavista aumenta diante das constantes intervencións de Chávez, como verdadeira "estrela" da campaña electoral peruana, acusando a García de "ladrón", mostrando o seu interese na vitoria de Humala e, caso contrario, ameazando con romper as relacións diplomáticas entre Caracas e Lima, tal como fixera antes ao decretar a saída de Venezuela da Comunidade Andina de Nacións, porque Perú e Colombia negociaban o Tratado de Libre Comercio con EEUU.
Independentemente desta presunta influencia exterior, na que García afonda con informacións sobre a presunta infiltración de axentes venezolanos en Perú para fomentar desordes públicos no caso de que Humala non gañe, a candidatura de Humala, vencedor na primeira volta electoral o 9 de abril, constitúe unha evidencia do empuxe dos candidatos de orixe indíxena e das novas alternativas políticas na rexión andina. Fronte ao pasado que García pode personificar, Humala intenta presentarse como a imaxe dun "Novo Perú", aínda que a indefinición e a incerteza sobre as súas ideas aumente a sensación de risco que existe sobre estas eleccións.
Segundo estimacións oficiais, o crecemento económico de Perú no 2005 foi do 4,5%, superior incluso a Brasil, cousa que se considera como un logro do goberno de Toledo. Pero a metade dos peruanos vive na pobreza e o aumento do desemprego e a delincuencia incrementa os problemas sociais. Unha enquisa de 2005 sinalou que un 60% dos peruanos querían marcharse do país. Neste sentido, o Perú poderá decidir entre Alan García e Ollanta Humala, pero son moitas máis as variables que se xogan nas eleccións do próximo domingo. E pouco o tempo para resolvelas.