construcion europa

A Europa viva

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Construción Europa, clic para aumentar
O debate da construción europea non depende só de que todos os membros asinen e ratifiquen un acordo, senón que existe unha vida a nivel micro da que ninguén fala, moitas veces imposta por sentencias condenatorias do tribunal europeo de xustiza, que teñen un impacto fundamental á hora de construír un entorno común a tódolos europeos. (Foto: ©European Community).
 

Nestes días é doado escribir cun aquel derrotista, de desencanto, sobre o destino da UE. Tampouco faltan aqueles que menosprezan os beneficios, para eles menores, que o nacemento da Unión nos reportou. Acaso houbo algunha vez a facilidade de movemento de capitais e persoas que temos hoxe no contexto continental? Houbo antes no pasado unha institución que dera as axudas comunitarias que nós os galegos abondosamente recibimos e que non gobernamos? Dende cando é que acontece que os enxeñeiros galegos participan dos proxectos da axencia espacial europea? Porqué os capitais españois participan dos proxectos de Airbus, porqué existen os acordos de Kyoto, ou como é que veñen de Bruxelas mirar polo coidado da ría de Vigo…

En que nos prexudica Europa? Na nosa produción leiteira? Cárnica? Na explotación dos recursos mariños? Tal vez é a culpa de Europa que a cultura galega estea ameazada? Non haberá que buscar outros culpables? Eu persoalmente, non estou tan seguro de que no fondo esteamos sendo prexudicados pola ampliación non só das fronteiras europeas que nos leva cara un mellor coñecemento non só dos mercados senón dos nosos veciños e da súa forma de proceder, da que temos moito que aprender.

A UE non é Nacións Unidas, e tampouco a Sociedade de Nacións doutra época, porque non naceu para facilitar o entendemento dos Estados na orde internacional, senón para integralos política e economicamente e evitar os conflitos do pasado. É ese dinamismo, e esa vitalidade propia, moitas veces nacida dos intereses endóxenos recentemente creados en Bruxelas, o que leva a que cada día se meta man en ámbitos integratorios novos cada vez que un problema común xurde, para atallalo da mellor maneira para todos, alén dos intereses estatais egoístas que pretenden temporalmente bloquear o proceso, se beneficien.

Agora que se fala dunha Europa a dúas velocidades, os vetos e os enrocados á inglesa desmóntanse en canto os que traballan en común obteñen un beneficio maior, e teñen maior capacidade de chantaxe internacional, que actuando individualmente. Así pasou co Reino Unido que deixou o proxecto mercantilista da EFTA para suspirar por mesturarse na CEE, cando se deron conta de que os veciños continentais obtiñan maiores taxas de crecemento poñendo os recursos e os mercados en común.

A constitución europea non é máis que un símbolo de tódalas políticas reunidas sobre as que se xa se traballa nun nivel de máis ou menos detalle, e sobre das que existe a ambición de posta en común de cara aos retos globais. Cando a necesidade de actuar en conxunto se impoña definitivamente, paseniño e en cada aspecto da vida cotián, a necesidade de ser europeo tamén se imporá nos cidadáns de tódalas nacións de Europa que percibirán realmente o que Europa lles aportar, sen que os políticos locais en función das súas prioridades egoístas e axenda políticas, se convertan nos beneficiarios da acción benéfica comunitaria.

Afirmar que Europa permanece inmóbil, é falso. Porque as prioridades da axenda europea son as prioridades e urxencias comúns dos seus estados, que medran poñéndose de acordo con maior ou menor rapidez noutros ámbitos que non son tan só o económico-financeiro, que é dende logo un eixo básico, como a política social, o desenvolvemento sostíbel, a política enerxética, a harmonización dos plans educativos, a política de investigación, etc. En definitiva, o debate da construción europea non depende só de que todos os membros asinen e ratifiquen un acordo, senón que existe unha vida a nivel micro da que ninguén fala, moitas veces imposta por sentencias condenatorias do tribunal europeo de xustiza, que teñen un impacto fundamental á hora de construír un entorno común a tódolos europeos.

Afirmar que todo é un fracaso porque dous líderes estatais bloquean un novo tratado nunha conferencia intergobernamental é simplificar demasiado e obviar todo o que se ten acadado, cando non existe ningún precedente similar na historia. Os estados como parece lóxico non renunciarán sen tempo á súa soberanía; pedir unha Europa forte en dous días sería un sacrificio tan grande para os dirixentes estatais incrustados nas súas capitais como conceder o dereito de autodeterminación de vascos, galegos, corsos, escoceses, cataláns e demais, de súpeto. É dicir, unha quimera.