A “guerra civil” de Sharon

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

Israel está a vivir unha convulsa e decisiva encrucillada. En xullo pasado, unha cadea humana de 130.000 persoas dende Gaza ata Xerusalén, protestou en contra do plan de retirada do goberno de Sharon. Hai poucos días, unha nova manifestación de milleiros de colonos israelís en Xerusalén, manifestou o desafío cara Sharon e o seu plan. Posteriormente, o ex primeiro ministro Benjamín Netanyahu sorprendeu coa solicitude de someter ese plan a un referendo. Estes escenarios deixan ao envellecido Sharon e o seu gabinete ante unha nova etapa de crise política nunha sociedade cada vez máis fortemente polarizada.

O plan de retirada de Sharon, estipulado nun principio para finais do 2005, enfronta unha enorme oposición interna, especialmente nos sectores máis ultrarrelixiosos e de extrema dereita, ámbolos dous a base do apoio político para os 8.000 colonos que habitan nos 21 asentamentos en Gaza, onde tamén atópanse 1,3 millóns de palestinos. En maio, o propio partido Likud rexeitou o plan de retirada de Sharon, anque en xuño o gabinete o aprobara.

Curiosamente, son os partidos relixiosos como o Shas, Agudat-Israel e o Partido Nacional Relixioso, quen formaron parte ata hai poucas semanas da fracasada coalición de goberno co dereitista Likud de Sharon, os que teñen maior empatía cos 200.000 colonos de Gaza e Cisxordania. Pero a causa dos colonos non é compartida por amplos sectores da sociedade israelí. As influentes Forzas Armadas amosan o nerviosismo polas tensión internas. Polo tanto, a posibilidade de celebrar o referendo podería complicar un clima político e incrementar a crispación social.

A repentina reaparición de Netanyahu tamén pódese analizar como un posicionamento persoal cara as eleccións xerais do 2005, o cal revela tamén a pouca renovación política no liderazgo israelí. No bando laborista, aínda se descoñece que político podería ascender. Os ex primeiros ministros Simon Peres e Ehud Barak aínda manteñen sólidas cuotas de poder, e o primeiro forma agora parte da inédita coalición de goberno con Sharon, trala retirada dos partidos relixiosos e ultradereitistas.

Israel camiña por un sendeiro laberíntico, sen principais nin novedosas referencias políticas, cunha feroz loita polo poder entre os chamados "líderes históricos" e unha cada vez máis patente confrontación entre os sectores laicos e os ultrarrelixiosos.

Por outra banda, Sharon atópase coa cada vez maior oposición interna e a desaprobación internacional, gracias á decisión do Tribunal Internacional da Haia de ilegalizar o Muro de Defensa. Só conta co decidido apoio dun presidente Bush demasiado ocupado nas eleccións de novembro. Ao mesmo tempo, o primeiro ministro israelí non logra atopar unha solución ao conflicto palestino nin tampouco aos cambios que experimenta nestes momentos Oriente Medio. Todo isto sen contar os escándalos de corrupción inmobiliaria que o ameazan directamente co enxuizamento, tanto a él como ao seu fillo.

Ante o reto interno dos colonos e Netanyahu e a posibilidade dunha escalada da violencia, Sharon removeu a pantasma da "guerra civil" nun desesperado intento por manter a súa cuota de poder, evitar unhas eleccións anticipadas e rematar o seu plan, o cal significa finiquitar a dirixencia palestina, impoñer as súas condicións de seguridade e remodelar o que consideraría o posíbel Estado palestino, sometido aos designios israelís.

Pero fracasa na súa análise do xadrez político de Oriente Medio. Israel non pode sentirse seguro cun Iraq convulsionado. A estratéxica relación militar con Turquía pasa por un mal momento, por mor do conflicto palestino. A veciña Siria confirmou a súa dominación militar e política no Líbano, a pesar das queixas das Nacións Unidas. E os grupos radicais palestinos, principalmente asentados na franxa de Cisxordania, renovaron os ataques terroristas contra obxectivos israelís, como o recente en Beersheva que deixou 16 mortos.

No caso palestino, as cousas tampouco transitan por bó camiño. A paz atópase prácticamente morta, mentres o illado e envellecido Arafat segue a manter a súa hexemonía política interna. Os líderes moderados amosan unha clara incapacidade para ascender nunha estructura política fortemente militarizada. Os grupos máis radicais aumentan a súa popularidade, especialmente Hamás, quen xa anunciou a súa intención de participar nas próximas eleccións municipais de finais de ano. Ademais, a obstinada política de Sharon de acabar con Arafat e Hamás así coma calquer evidencia de identidade palestina deixan pouca marxe de manobra para os eventuais novos arquitectos dos acordos de paz.

Pero o perigo xa non se atopa únicamente en Gaza e Cisxordania. É Israel a chave do que poidera pasar no moderno Oriente Medio da post-guerra iraquí. Sharon, Peres e Netanyahu coñecerán a magnitude da crise, pero pouco fan por resolvela.