A guerra de Putin

Dende o 11-S de 2001 o silencio é o trazo máis característico tanto da política exterior rusa como das novas referidas ao vello e enorme estado euro asiático. Dende hai un ano son escasas as informacións recollidas nos medios internacionais sobre os conflictos armados na área ex soviética. A "prudencia" interesada é a táctica do Kremlin no convulso e conflictivo escenario das relacións internacionais posteriores á celebre data.

O disimulo de Moscova ante as iniciativas norteamericanas durante o último ano é dificilmente explicable como mera compensación pola discreción occidental sobre Chechenia e o interese por incluír a guerra do Cáucaso dentro da cruzada contra o terrorismo islámico.

Dos catro puntos nos que se baseaba o conciso programa político de Putin cando accedeu á presidencia logrou tres: abandonar o occidentalismo papaleisón, estabilizar a vida política e poñer orde no "capitalismo de gavela". O cuarto, recuperar a influencia no espacio ex soviético, non. E este obxectivo foi tamén o que se viu máis afectado polo 11-S. Acostumado a moverse nas distancias curtas. Hábil na circunstancia. Putin non tardou en mudar a súa estratexia, mesmo contra a opinión de gran parte da elite política rusa.

Dúas secuelas do 11-S provocaron o cambio de rumbo do presidente ruso: a presencia de tropas norteamericanas en Afganistán e o malestar de Washington cos seus aliados sauditas. Dende ese momento Rusia aproximouse aos EE UU, son xa amigos, aínda que non parella. Entre outras razóns por que Moscova ten que aceptar un papel modesto, ben lonxe do que tivera a URSS.

Rusia non só consentiu a presencia militar estadounidense nas Repúblicas ex soviéticas de Asia Central, e con receos en Xeorxia, senón que colaborou concedendo permiso para empregar o seu espacio aéreo na campaña contra os talibán, subministrando información e amosando a solidariedade dun aliado na loita contra o terrorismo. A nova situación mesmo acelerou a eliminación de residuos da guerra fría (radar en Cuba e base naval en Vietnam) e aumentou a comprensión rusa co proxecto do escudo antimísiles.

Pola contra Rusia logrou, por unha banda, unha maior seguridade nas súas fronteiras, a diminución da ameaza fundamentalista, mans libres en Chechenia (as novas sobre esta guerra practicamente desapareceron na prensa occidental). Noutro aspecto, pasou a ser membro de pleno dereito do G-8, recibiu unha axuda de 20.000 millóns de dólares para desactivar 6.000 cabezas nucleares en dez anos, abríronselle as portas da OMC e da súa homologación como economía de libre mercado e pasou a ser considerada case como unha aliada tras o novo acordo de colaboración Rusia-OTAN.

Si as relacións co mundo árabe se seguen deteriorando, cousa probable de producirse un ataque a Iraq nas actuais circunstancias, as posibilidades de que Rusia se converta en importante subministrador de petróleo e gas aos EE UU son máis que reais. Os acordos, reunións e seminarios entre petroleiras norteamericanas, rusas e o goberno de Moscova, para explotar o gas e o petróleo de Siberia, van por bo camiño. Rusia podería asegurarse unha gran parte do pastel das excesivas necesidades enerxéticas norteamericanas; mentres Washington dotaríase, xunto co petróleo de Alasca, dun poderoso mecanismo de control sobre as hipotéticas alzas do prezo do cru decididas pola OPEP.

Todo este tramado podería virse abaixo, ben pola insistencia norteamericana no "eixo do mal", co que Moscova non quere deixar de manter relacións, nomeadamente con Irán e Corea do Norte ou ben por que os norteamericanos abandonasen Asia Central sen ter cumprido as súas tarefas ou por que despois de telas resoltas non o fixesen.

Para evitar esta tentación de Washington e tamén para contentar a certos sectores do exercito, Putin quere a súa guerra particular. As ameazas de atacar o "santuario" checheno do Val de Panquisi van en aumento. Neste territorio xeorxiano seica se concentran varios miles de refuxiados e uns 2.000 guerrilleiros que o empregan como base nos seus ataques ás tropas rusas. Mesmo nos plans militares contémplanse operacións militares en Abxasia, territorio formalmente xeorxiano pero que na práctica o goberno de Tblisi é incapaz de controlar.

Putin lograría contentar a algúns militares, xustificar o apoio aos EE UU, esixir a colaboración das tropas norteamericanas establecidas en Xeorxia contra os terroristas chechenos, lembrar que Moscova non esquece que o Cáucaso sur foi durante séculos parte de Rusia e colocarse en boa posición na carreira polo control dos recursos enerxéticos. O silencio ruso resultaría ben pago.