20080129 thenia atentado coche bomba

A Jihad contra Al Qaeda


 Atentado con coche bomba en Thénia, clic para aumentar
Despois de que o Grupo Salafista para a Predicación e o Combate, dirixido por Abdelmalek Droukdal, xurase lealdade á internacional terrorista de Ben Laden pasando a chamarse, en xaneiro de 2007, Al Qaeda no Magreb Islámico, o recurso dos atentados suicidas, tan á moda en Iraq ou en Paquistán, é unha constante en Alxeria onde, a pesares das elevadas cotas de violencia acadadas nos noventa, este modus operandi é toda unha novidade, dirixíndose agora tamén os ataques contra a poboación civil e contra as forzas de seguridade e institucións do Estado. (Foto: Atentado con coche bomba contra unha comisaría de policía en Thénia, o 29 de xaneiro de 2008).
 

Son moitos os ideólogos ou membros do movemento islamita radical, da “Jihad(1) global”, que teñen levantado a súa voz para condenar as recentes derivas de Al Qaeda. Un exemplo claro neste senso atopámolo no exipcio Sayed Imam, un dos mentores de Ayman Al Zawairi, o número dous de Al Qaeda, e estreitamente unido á orixe do terrorismo islamita tal e como hoxe o coñecemos, xustificando os violentos musulmáns as súas accións nos preceptos e nas ensinanzas verquidas por este teólogo musulmán coñecido como “o teórico dos jihadistas”. Sen embargo, no seu último libro, A corrección do Jihad en Exipto e no mundo, Imam distánciase das súas teorías precedentes, condenando sen ambaxes as novas derivas de Al Qaeda no que respecta á súa nova estratexia de ataques e á selección dos seus obxectivos.

“Al Qaeda non ten outra posición que a dos desexos persoais de Oussama Ben Laden e aquel que ousa obxectar calquera cousa é inmediatamente rexeitado”, declaraba o propio Sayed Imam en decembro de 2007 ó xornal Al-Hayat deixando xa ben ás claras o seu cambio ideolóxico. “Esta aproximación errónea foi a que conduciu, precisamente, ós atentados do 11 de setembro de 2001 nos Estados Unidos”, engadía o teólogo. Imam pon así en cuestión os motivos relixiosos de Al Qaeda e grupos afíns, sinalando que “aqueles que se dirixen contra inocentes traballan, sen dúbida, fóra dos límites da charia(2), poñendo os seus desexos e a súa vontade persoal por diante da de Deus”.

Sayed Imam non é o único teórico ou líder relixioso en criticar os desenvolvementos recentes da rede terrorista. Xunto coa tradicional repulsa amosada polas elites musulmáns “moderadas” e pola meirande parte da Oumma(3), son varios os ulemas salafistas de renome internacional que tamén teñen denunciado as accións de Al Qaeda. É o caso de Tartoussi, Abou Bark El Djazairi ou Youssef El Qaradhoui, para quen o insistente recurso que fai a organización de Ben Laden ós atentados suicidas é totalmente contrario ós preceptos islamitas.

Un dos mellores exemplos deste cisma no seo do campo radical islamita atopámolo en Alxeria, sobre todo despois de que o Grupo Salafista para a Predicación e o Combate dirixido por Abdelmalek Droukdal, alias Abou Mousab Abdelouadoui, xurase lealdade á internacional terrorista de Ben Laden pasando a chamarse, en xaneiro de 2007, Al Qaeda no Magreb Islámico (AQMI). Desde entón o recurso dos atentados suicidas, tan á moda en Iraq ou en Paquistán, é unha constante no país magrebí onde, a pesares das elevadas cotas de violencia acadadas nos noventa, este modus operandi é toda unha novidade, dirixíndose agora tamén os ataques contra a poboación civil e contra as forzas de seguridade e institucións do Estado.

Esta nova estratexia de AQMI non fixo senón desatar as críticas, destapando as diverxencias existentes no campo do islamismo radical alxerino con respecto á alianza entre Ben Laden e Droukdal. Segundo o testemuño de terroristas arrepentidos que se acolleron á amnistía prevista na Carta pola Paz e a Reconciliación Nacional do presidente Abdelaziz Bouteflika, un elevado número de dirixentes terían decidido suspender as súas actividades jihadistas á espera de consellos, en forma de fatuas, dos ulemas do movemento salafista, moitos dos cales se negan a dotar de lexitimidade relixiosa a estas accións.

Esta ausencia de sustento de índole ideolóxica e relixiosa é a que ten levado a un bo número de moujahidines(4) a demandar a Droukdel a xustificación da súa nova estratexia. Salim El Afghani, líder terrorista alxerino coñecido por rexeitar aliarse a Droukdel e os seus, ten comparado publicamente as actividades de AQMI coas do Grupo Islámico Armado que, baixo as ordes de Antar Zouabri, foi responsable de ducias de miles de mortes en Alxeria. Outra reacción destacada é a do tamén alxerino Abdallah Khali, alias Abou Tourab El Djazairi, emir de Al Qaeda en Iraq. “Toda esta xente ignora as regras islámicas, xa que os atentados dirixidos cara civís e soldados mal pagados non teñen nada que ver coa Jihad”, sentenciaba Khali nunha entrevista acordada en febreiro ó diario qatarí Al-Arab.


Notas:

(1) Na súa acepción hoxe máis estendida, literalmente, “guerra santa”.

(2) Lei islámica.

(3) Comunidade de fieis musulmáns.

(4) Combatentes polo Islam na Jihad.