Serie "A Acción Exterior das Comunidades Autónomas en España", Artigo 2
Fonte: Web Universidad Complutense de Madrid

A paradiplomacia dentro da Unión Europea: Entrevista a Francisco Aldecoa

Como xa se aventurou no artigo anterior, a Unión Europea concede cada vez máis importancia á acción rexional. O Comité das Rexións ou a participación destas entidades nas Conferencias Sectoriais son os mellores exemplos para demostralo.

É por iso que hoxe contamos coa presenza de Franciso Aldecoa, catedrático de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Facultade de Política e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, e un dos primeiros en utilizar o termo “paradiplomacia” en España fai máis de 30 anos. Entre as súas áreas de especialización destacan a integración europea e a cooperación internacional. Actualmente exerce como presidente do Consello Federal Español do Movemento Europeo.

Durante os últimos anos, o mundo foi testemuña dunha considerable degradación do papel do Estado-Nación como forma de organización, que en opinión de moitos especialistas aumentou o papel dos actores subestatais. Cal é a importancia da paradiplomacia para as relacións internacionais na actualidade?

Sen dúbida o feito máis importante ao respecto, no tocante á cuestión española, é a constitución das delegacións das comunidades autónomas en Bruxelas. Destaca sobre todo a delegación galega, que na miña opinión é agora a máis importante.

A paradiplomacia segue o seu camiño pouco a pouco, xa se articula dentro do Estado principalmente dende a cultura, a economía… E prevese que no futuro teña máis peso na xestión da Unión Europea, cun maior impacto do Comité das Rexións.

A Unión Europea aboga pola integración dos Estados nun ente supranacional, pero ao mesmo tempo defende ese rexionalismo do que falabamos, que mesmo pode debilitar a unidade nacional dos Estados membros, como podería ser o caso de Cataluña en España. Entón, como contribúe a paradiplomacia á integración e á cohesión dentro da Unión Europea?

O problema radica tanto en canto se produce a “protodiplomacia”, que é ao que máis se asemellan as actuacións de Cataluña. A protodiplomacia, a diferenza da paradiplomacia, vai acompañada de movementos separatistas e nacionalistas. Busca a independencia da rexión.

Porén, coa paradiplomacia, o que se fai é integrar estas estratexias rexionais na acción global do Estado, potenciase esta acción conxunta. E por suposto que no caso da UE prodúcense sinerxías e xérase unha cooperación transfronteiriza moi relevante. Como exemplo temos o Arco Atlántico, que abrangue máis de 20 rexións coa sinatura dun convenio entre España, Portugal, Francia e Irlanda.

No caso concreto de España, aínda que non desapareceron as conviccións e os ideais políticos, normalizouse a relación entre os dirixentes das comunidades autónomas e o Goberno central. Sobre todo daqueles lugares como Cataluña ou Euskadi, cuxa relación sempre fora máis tensa.

Cales son os retos aos que se enfronta a UE en materia de paradiplomacia de cara ao futuro?

Os principais retos da Unión Europea residen nos procesos de ampliación e profundización. Pero se falamos de paradiplomacia, creo que a clave está en outorgar un mellor status ás rexións, cunha maior participación.

Mesmo se falou dunha terceira cámara, vinculada ao Comité das Rexións, pero eu non son un gran partidario desta medida.

Tamén deberían ampliar algunhas políticas, especialmente en materia sanitaria. Basicamente, hai que darlles un novo peso.

Agora que está moi de moda a cuestión da securitización, do aumento da defensa despois da guerra de Ucraína, etc. Cres que dalgún xeito a paradiplomacia pode contribuír á estabilidade e á seguridade rexionais?

Cústame crer que as rexións teñan un papel nisto. Non é propio da paradiplomacia. A paradiplomacia céntrase máis nas cuestións sociais, na economía… pero non na seguridade.

As rexións focalízanse máis que nada na cooperación e no desenvolvemento. No caso español, moitas delas teñen a súa propia lei autonómica ao respecto. Por exemplo, Euskadi conta coa Lei 1/2007, do 22 de febreiro, de Cooperación para o Desenvolvemento, que lle permite articular unha serie de medidas ao respecto.

Ademais, tamén aproveitamos para falar doutros temas de actualidade de especial relevancia. Como é o ascenso da extrema dereita en Europa, da que os medios españois auguraron un “varrer” nas eleccións europeas ao Parlamento, e do que o profesor Aldecoa considera unha “esaxeración dos medios”. Explica ademáis que polo momento aínda non teñen capacidade de actuación suficiente como para paralizar as medidas que se vaian tomando.

Sen dúbida, una entrevista moi apropiada para poñer un pouco más en contexto a acción exterior das comunidades autónomas en España, que agardamos comezar no próximo artigo co caso da Xunta de Andalucía.