A política exterior dos EEUU e a orde mundial

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

O remate da guerra fría trouxo consigo a oportunidade de que tivese lugar unha "transformación global" da política internacional. A bipolaridade e a súa noción de equilibrio de poder, a destrucción mutua asegurada, o equilibrio do terror e a coexistencia pacífica dos bloques capitalista e comunista eran sistemas sólidos con regras relativamente establecidas e previsibles que facilitaban a comprensión das relacións internacionais. A desaparición da URSS, e con ela dunha das dúas metades que garantían a existencia dunha orde mundial, deu lugar a unha situación de fluidez e indefinición no ámbito da sociedade internacional que semella ter chegado ó seu fin unha década despois do seu comezo.

Se a este momento de transición e cambios, de natureza estrictamente política, lle sumamos a aceleración do proceso de globalización, de carácter esencialmente económico (mais non por iso carente de motivacións políticas), queda claro que nos atopamos ante unha Orde Mundial que se encontra, cando menos, nun momento de re-conformación. E nesta situación, os EEUU atópanse posicionados nunha situación privilexiada para actuar na defensa do seu particular concepto do "interese nacional", un concepto que eles mesmos identifican coa extensión ó largo do planeta das súas ideas de democracia, liberdade individual e apertura económica.

Entre 1991 e 2001, no que poderíamos denominar fase de indefinición da "nova orde mundial", as sucesivas administracións norteamericanas pretenderon contribuír a "goberna-la globalización" de diversos modos sen definir claramente a través de que instrumentos perseguirían estes obxectivos xenéricos que se atopan baixo o concepto do interese nacional. Neste sentido, a política do Presidente Clinton pretendeu dotar de contidos a política exterior norteamericana nas liñas do idealismo-institucionalismo máis clásicos. Sen atarse excesivamente as mans, tal e como correspondía á súa privilexiada situación no tablero do poder mundial, desenvolveu unha política exterior que se baseaba en determinados valores e ideas de institucionalización e cooperación entre os diversos actores da comunidade internacional. Os Estados Unidos non tiñan quen lles fixese fronte na escena internacional e, nese contexto, consideraron que non era necesario exercer máis cá un liderado moral e político que non levase consigo elementos de dominación ou imposición pola forza da súa vontade política. A falla de unidade na acción exterior da Unión Europea, a debilidade rusa e o relativo illamento chinés da escena internacional permitían disipa-la idea da posible emerxencia dun poder rival que cuestionase a hexemonía norteamericana.

Durante estes anos a discusión interna nos EEUU tiña lugar en torno á pregunta ¿Como xestiona-la victoria?. O seu obxectivo era atopar o modo de volver a concilia-la súa vocación de xogar un papel activo na definición da "orde mundial" coa inexistencia de un ou varios rivais de entidade fronte ós que definirse. Dende as discusións iniciais do federalismo norteamericano entre Madison, Jefferson e Jay, os EEUU sentíronse obrigados a expandi-la súa influencia polo planeta, ben a través dun suposto "internacionalismo liberal wilsoniano" como puidemos observar no goberno Clinton, ben a través do "unilateralismo armado" da actual Administración Bush. En todo caso os EEUU considéranse a si mesmos unha nación non tradicional con elevados principios e valores que ofrecerlle ó mundo.

A partir da elección de George Bush Jr. como Presidente a finais do ano 2000, este concepto tradicional do "excepcionalismo norteamericano" comezou a toma-la forma que actualmente podemos observar. Sobre a base da común e histórica vontade de liderado, que en cada caso pode variar nos seus instrumentos de aplicación, o novo núcleo de poder en torno ó Presidente conformouse ó redor dunha serie de persoas do sector menos proclive á cooperación internacional. O tipo de apoios, tanto políticos como económicos, que uparon a Bush á Presidencia serviu para crear un círculo de poder cunha orixe extremadamente conservadora, vencellada ás corporacións petrolíferas e de vocación mesiánico-redentora a raíz da pertenza de moitos dos seus membros a sectores ortodoxos da igrexa protestante. A dinámica política resultante das orixes da súa coalición de goberno comezou a imprimir un carácter proactivo na persecución do interese nacional. Os EEUU decidiron que era necesario perseguir en solitario os seus intereses, tanto económicos como políticos, sen os constrinximentos dos principios institucionalistas-liberales que caracterizaron a década dos 90.

Os atentados do 11 de setembro de 2001 foron o detonante para que esta tendencia proactiva que permanecía latente ante a ausencia de inimigo se puidese converter no motor dunha nova acción exterior. Os EEUU necesitaban un factor conxuntural, como o é a ameaza terrorista, e unha cuestión civilizatoria, a identificación do fundamentalismo islámico como inimigo a bater, para dar renda solta á súa vocación histórica-estructural de moldea-la orde mundial en función dos seus intereses.

Da bipolaridade pasouse á multilateralidade co risco de caer na unilateralidade. Finalmente esta unilateralidade converteuse nun "unilateralismo armado" que debido á ausencia de actores que podan moldear ou limita-la hexemonía do poder norteamericano corre o risco de converterse nunha "Nova Orden Mundial" se non o fixo xa. A Administración republicana decidiu actuar en solitario cando e onde o considere axeitado. A súa estratexia é bater primeiro a través de ataques preventivos e formar para iso coalicións que dependan dunhas misións elixidas independentemente das institucións internacionais. Fronte á actitude dos gobernos demócratas anteriores, que determinaban a misión en función da coalición de intereses que lograsen conformar, a actual Administración está empeñada en conxela-la Orde Mundial sobre a base da vantaxe conxuntural coa que contan.

A guerra en Afganistán foi o primeiro exemplo, e nese caso acadaron un apoio maioritario da comunidade internacional debido á agresión que sufriran. A guerra de Iraq supón o perfeccionamento da súa hexemonía unipolar armada. As dificultades que experimentan na ocupación do país poden supor o fin da Administración Bush e devolve-lo goberno norteamericano a quen estea disposto a adoptar unha política exterior máis próxima ós principios do institucionalismo liberal e multilateral. A decisión final será tomada polos electores norteamericanos en novembro de 2004.