A rendición preventiva de Gadafi

O anuncio libio de desmantelar, baixo control internacional, a totalidade do seu armamento biolóxico, químico e nuclear, retira a Al-Yamahiria da listaxe de países definidos por Washington como non fiables e en todo caso indignos de posuír armas de destrucción masiva. ¿Trípoli cambia de bando? No medio do desconcerto duns poucos, para Gadafi todo son eloxios dos seus vellos rivais. Libia pasa a ser o segundo estado, despois de África do Sur, que renuncia voluntariamente á posesión deste tipo de armas.

Culmina así o longo proceso iniciado hai catro anos cando as autoridades de Trípoli accederon a entregar aos dous presuntos culpables do atentado de Lockerbie e que permitiu ao ano seguinte que Libia non figurase no informe anual sobre a situación dos dereitos humanos no mundo e as actividades antinorteamericanas que elabora o Departamento de Estado USA. Aquel lento camiñar ía recibir un severo empuxe despois do 11S: Gadafi foi dos primeiros líderes no mundo árabe en condenar os atentados. Chegou a organizar unha colecta de sangue para socorrer as víctimas do WTC e encargouse de lembrar a todos que seis anos antes xa ordenara a detención de Ben Laden, quen daquela financiaba o Grupo de Combate Islámico Libio (GCIL), que tiña por misión principal o seu asasinato. Daquela non xogaba no mesmo campo que hoxe. Tampouco Ben Laden.

En xaneiro de 2002, a colaboración dos seus servicios secretos cos angloamericanos (ofrecendo valiosa información sobre a suposta ambigüidade de países como Siria ou Arabia Saudita en relación a Ben Laben) permitiu incluír ao GCIL na relación de organizacións terroristas do Departamento de Estado e quedando Gadafi, se sobreentende que nesa dinámica de “ou comigo ou contra min”, do lado bo da historia.

Detrás de todo este cálculo non podían faltar os intereses petroleiros que converxen no inocente interese de sacar a Libia e a Gadafi do seu illamento internacional. As concesións de sociedades como Amerada Hess, Marathon, Occidental e Conoco, conxeladas dende hai quince anos, expiran en 2005 e o lobby petroleiro estadounidense agradece infinito o xesto de Gadafi de reabrir Libia aos seus investimentos no sector.

A fase final da cancelación dos agravios do pasado se opera en marzo de 2003 cando o líder libio autoriza a inspección secreta do seu arsenal por parte de expertos da CIA e do británico MI6. Libia non é Iraq, aseguraba un Gadafi empeñado en demostrar a súa boa vontade. Agora, agarda o levantamento das sancións por parte de Washington e a progresiva normalización despois de catro anos de intensas negociacións entre bastidores.

Gadafi asegurou en todo este proceso a participación activa do seu fillo, Seif el-Islam, partidario das reformas económicas e dunha apertura democrática, sinónimos da conciliación con Occidente da que é principal valedor e un dos seus cerebros. Modernización para salvar o réxime, cousa imposible sen o apoio dos inimigos de onte. Despois de tantos proxectos de integración rexional abandeirados, de tanta inquebrantable solidariedade árabe proclamada, Gadafi opta por deixar a Siria soa ante o perigo. A culminación desa nova estratexia de supervivencia non pode conducir máis que ao restablecemento das relacións diplomáticas con Israel. Poderase ver axiña.