A República Islámica víctima dos seus éxitos

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

Os reformistas iranianos fixéronse co 70% dos 133 escanos en xogo na primeira volta, deixando encamiñada a victoria, que se pode completar, cando dentro de dous meses, se adxudiquen os 157 restantes.

Mohamed Jatami ven de acender un novo andar na conquista do poder. Acadado xa o poder executivo e municipal, apréstase a facerse co poderoso lexislativo, co inequívoco apoio dunha mocidade que devece máis por un cambio de costumes ou un de desexo de liberdade, que por plantexarse viraxes radicais no modelo económico.

A rixidez da República Islámica está en perigo gracias ás súas propias conquistas e víctima dos seus dogmas. Nos 21 anos de revolución islamista dedicaron inxentes esforzos á unha implacable campaña de alfabetización que dividiu por catro as taxas de analfabetismo vixentes á caída do Sha. Xeneralizouse o ensino gratuíto e a enorme masa de mozos, froito dunha desbocada política de natalidade, encheu as universidades de inquedos e documentados mozos que xa superan os catro millóns. É precisamente nestes sectores onde os reformistas de Jatami atopan unha maior sintonía. Esta mocidade, encamiñada en boa parte cara ao desemprego está farta das caprichosas normas que coartan a súa liberdade. É tamén nestes sectores onde prende con máis forza un póxante movemento feminista que traballa pola igualdade de dereitos nun contexto social desfavorable.

Hai sete meses foran os universitarios os que puxeran contra das cordas ao réxime, cando saíron en masa a protestar polo peche do xornal esquerdista Salam. A violenta resposta dos estamentos máis duros, deixou o ronsel sanguento de catro estudiantes mortos e 1000 detidos ou feridos. A corda estivo a piques de rachar e só a intelixente e parcial recuada de Mohamed Jatami salvou a situación.

Son moitos os que acusan ao presidente de goberno de mover o ritmo das reformas ao seu capricho, acelerando e freando segundo a súa subxectiva discreción, deixando na estacada ás vangardas do cambio.

Outros ven, precisamente na prudencia e habilidade de Jatami, o éxito do avance desesperadamente paseniño, pero sen volta atrás, do proceso de reformas. Houbo analistas que chegaron a temer pola vida do presidente, ao que lle profetizaban un destino semellante ao dos trescentos intelectuais asasinados, ou un violento apartamento do poder mediante un golpe de estado propiciado polo sector teocrático desta sociedade dual que pugna por facer prevalecer o poder civil.

O vitalicio Guía da Revolución islámica Alí Jamenei aínda detenta o control dos sectores claves como as forzas armadas ou a capacidade de nomear ao membros do cuarto poder, que no caso iraniano é o Consello dos Gardiáns da Revolución. Exercen, con man de ferro, o control ideolóxico nos medios de comunicación verificando ao seu conservador criterio a conformidade das informacións impresas co espírito islámico. Dictan as normas de conducta e teñen a potestade de declarar aptos, ou non, aos aspirantes a candidatos. No proceso electoral que rematou o 18 de febreiro os Gardiáns da revolución peneiraron a 576 candidatos, todos eles das candidaturas de M. Jatami.

O 23 de maio do 1997 a elección dun novo presidente espertou unha ilusión que se ocultaba por medo ou por prudencia, hoxe os seus seguidores xa non disimulan a satisfacción, pero deberán seguir confiando no tino e intelixencia do seu presidente para evitar unha, cada vez máis improbable, ruptura desta sociedade dual.