A pesares de carencias de todo tipo, a República de Cabo Verde, con preto de medio millón de habitantes, estase a converter nun dos referentes do desenvolvemento no continente africano.
Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), máis de 170.000 caboverdianos están considerados pobres e, desa cifra, a lo menos 90.000 viven na extrema pobreza, con menos dun dólar ó día.
Por illas, unha das máis afectadas é a de Santiago, onde dunha poboación de case 200.000 persoas, 95.000 son pobres. A segunda pola cola sería a illa de San Antón, onde de cada 100 habitantes, 54 son pobres.
Coma contrapartida o país africano pódese sentir orgulloso de ter conseguido preto dunha ducia dos obxectivos de desenvolvemento do milenio entre os que destacan: fornecer de auga potable a máis do 70% das familias, que o 50% poida contar con baño ou retrete nas súas casas, que a pesares da masiva utilización da leña nas cociñas caboverdianas, a introducción do gas neste ámbito vaia aumentando.
Por outra banda este país esta considerado, xunto con algúns outros da zona, coma un dos máis comprometidos cos proxectos do Banco Mundial. O director de operacións do Banco Mundial para Cabo Verde, Senegal, Gambia e Guinea Bissau, John Mclntire, mantén que o arquipélago é un dos principias cumpridores dos acordos asinados coa institución.
Os proxectos do Banco Mundial na zona abarcan temas coma Infraestructuras e Transportes, Privatización e fortalecemento das capacidades de regulación institucional, Formación e educación, Enerxía, Auga e saneamento, Loita contra a pobreza, SIDA, Crecemento e competitividade…
Este país é ademais beneficiario de diversos programas de desenvolvemento subscritos coa Unión Europea, o que ten feito posible a realización de certos proxectos e infraestructuras necesarias para o progreso do mesmo. Nembargantes un dos graves problemas do arquipélago é precisamente a falta de capacitación de persoal que poida xestionar de xeito eficaz o rápido desenvolvemento do país. Cuestión na que se está a traballar de xeito prioritario dende a cooperación.
Ademais de todo isto o Primeiro Ministro, José Maria Neves, anunciou a implantación no arquipélago dun centro comercial e dunha illa libres de impostos. A idea é desenvolver mercados libres de impostos para atraer ós cidadáns da zona do oeste de África para que realicen as súas compras en Cabo Verde. Esto crearía grandes oportunidades de negocio para os empresarios nacionais e os transportes aéreos, en sectores coma o desenvolvemento da zona franca do aeroporto de Sal, o desenvolvemento de actividades industriais e comerciais, o establecemento de negocios nas áreas libres de impostos, hostalería, axencias de viaxes…
A traxectoria caboverdiana implica que certos axentes internacionais, conscientes do rexurdir deste país se interesen en establecer contactos cos dirixentes do país. De feito altos cargos do Export-Import Bank estadounidense, están a realizar unha xira por Cabo Verde, Nixeria, Ghana e Mali para promover as exportacións estadounidenses. Este banco ten por obxectivo axudar a financiar as ventas das exportacións estadounidenses, sobretodo a mercados emerxentes a traveso de garantías de préstamo, seguros de créditos á exportación e préstamos directos.