Coraxe en Corea

China pediu a todas as partes (China, Corea do Norte e do Sur, Xapón, Rusia e EEUU) implicadas nas conversas a seis bandas sobre o futuro da península coreana, unha “expectativa razoable” para que as negociacións retomadas esta semana poidan seguir avanzando. Esta é a terceira rolda de conversas con este formato e desenvolverá as súas sesións na histórica Residencia para Hospedes do Estado de Diaoyutai, en Pequín. A xulgar polas declaracións previas, uns son optimistas (Rusia), outros pesimistas (Xapón), mentres predominan os escépticos (EEUU e Corea do Sur). O bloque “occidental” (Xapón, Corea do Sur, EEUU) acude á mesa de negociacións coas súas posicións coordinadas nunha xuntanza previa. As diferencias entre EEUU e os socios locais véñense manifestando hai tempo, agrandadas pola actitude inquisitiva da Administración Bush.

Sabido é que practicamente ninguén cre nin desexa unha unificación nin a curto nin a medio prazo. Non é iso o que se debate. Do que se discute é da defensa pacífica do statu quo e da implementación de medidas de confianza que garantan o control dunha rivalidade que de desbordarse pode causar inmensos cataclismos en toda a rexión de Asia oriental. Afondar no proceso iniciado en 2000 despois do encontro entre os dous Kim, para que a cooperación económica e humanitaria abra paso ao tratamento das diferencias políticas, hoxe insalvables, que separan ás dúas Coreas, semella unha “expectativa razoable”, na liña do expresado pola diplomacia chinesa.

Un problema está en Corea do Norte, co seu programa nuclear e balístico que utiliza como caixa de resonancia para súa inquietante situación interna. O outro está en Corea do Sur e del falase menos. A alianza militar con EEUU está no centro da política de defensa de Seúl. O tratado de defensa mutua, asinado polos dous países en 1953, se traduce na subordinación das forzas sudcoreanas a un mando americano, en tempos de crise e de guerra. 37.000 solados –a expensas de reduccións xa anunciadas– permanecen en solo sudcoreano. Pyongyang acusa a Washington de dispoñer de armamento químico ao sur do paralelo 38.

China aparece como a grande beneficiaria da aproximación entre as dúas Coreas, gracias á sunshine policy do Sur e a mellor disposición do Norte. A súa influencia aumenta e se impón polo momento á que poidan exercer EEUU ou Xapón. Unha Corea reunificada militar e economicamente representa o peor dos escenarios desexados por Tokio, pero tampouco interesa a China que rexeitaría a absorción do Norte polo Sur (iso sería hoxe a unificación) perdendo a protección dun Estado tampón que lle garante unha protección natural moi necesaria na súa costa oriental.

Recentemente Kim Jong-il cumprimentou aos novos dirixentes chineses para demandar maior cooperación económica e harmonizar posicións ante esta nova rolda. Hu Jintao pediu ao dirixente norcoreano o abandono do programa nuclear a fin de evitar unha carreira de armamentos en Asia que ameazaría a estabilidade rexional e dificultaría o proceso de modernización chinés. En Xapón, Pyongyang é o mellor argumento para xustificar a fin do pacifismo imposto a seguir da segunda guerra mundial.

A promoción do modelo chinés e o continuo intercambio de visitas tenden a destacar o papel de China e a súa aposta por unha estabilización baseada no desenvolvemento económico e quizais na promoción dun modelo político similar na perspectiva dunha reunificación sobre a base da fórmula “un país, dous sistemas”. Pero ese futuro aínda está lonxe e antes de chegar a el todos os reunidos en Pequín van precisar de moita coraxe.