A tutela americana

As insistentes ameazas a Siria e Irán por parte de Donald Rmusfeld fan pensar en escenarios da guerra moito máis amplos que os actuais. En febreiro pasado, John Bolton, subsecretario de Estado, declaraba ao xornal israelí Ha’aretz que despois da liquidación do réxime de Sadam, os Estados Unidos se ocuparían de Irán, Siria e Corea do Norte. En agosto de 2002, lembraba recentemente Paul Krugman en The New York Times, un dirixente británico próximo ao equipo de Bush declaraba a Newsweek: "Todo o mundo quere ir a Bagdad. A xente seria quere ir a Teherán". A guerra contra Iraq, pois, podería non ser máis ca outra experiencia piloto pero cunha onda expansiva deliberadamente prevista.

O reforzo desa idea estaría alentada por unhas declaracións dun congresista demócrata de Virxinia, James Moran, no sentido de que de non ser polo forte apoio da comunidade xudea á guerra contra Iraq, EEUU non se embarcaría nela; e polos vencellos de figuras clave da Casa Branca (Paul Wolfowitz, Elliot Abrams ou o "retirado" Richard Perle) co Likud e Ariel Sharon. Pat Buchanan, candidato presidencial republicano, chega a afirmar que o lobby dos neoconservadores xudeus secuestrou a política exterior de Washington en beneficio dos intereses de Israel baixo o pretexto de "exportar a democracia" a Oriente Próximo.

Pero eses plans tamén poderían complicarse. A guerra comeza a ser todo menos un paseo militar como anunciaron dende o Pentágono para disipar os temores dunha sociedade que aínda lembra a secuencia terrible de Vietnam. Incluso contemplando a información oficial nada invita a pensar que a entrada das tropas angloamericanas vaia a resolverse de xeito fulminante e co aplauso pacífico dos iraquís. A resistencia, mesmo agora en forma de atentados que poderían estenderse ata límites insospeitados, pode ocasionar serios problemas á Casa Branca, máis alá do ámbito estrictamente castrense.

Se EEUU pretende demostrar ao mundo que unha tutela universal é imprescindible e que soamente eles están en condicións de exercela, un revés en Iraq podería dar ao traste cos seus propósitos en todas as frontes: no liderato universal, no plano diplomático, no económico, etc., reforzando as ideas e actores contrarios: a multipolaridade como realidade inevitable no momento actual, o relanzamento da Unión Europea a partir dun novo impulso dos seus fundadores, como sinala J.H.H. Weiler, catedrático Jean Monnet na Universidade de New York.

A guerra que impulsa Bush está a recibir un aluvión de críticas de boa parte da opinión pública mundial. No seu propio país, as protestas están a medrar de xeito exponencial e cabe imaxinar que as restriccións informativas do momento dificilmente resistirán meses de conflicto con milleiros de mortos. Bush e o seu gabinete equivalen en boa medida a Le Pen, Fortuny ou Haider, son a extrema dereita coa agravante das súas fortes implicacións co sector enerxético e armamentístico. Un trunfo dos seus propósitos crearía de certo non soamente unha nova orde imperial senón de signo máis que preocupante. Motivos dabondo para que ninguén quede na casa.