A Unión Europea condena a Marrocos

O Consello de Seguranza: outro paso máis cara o seu descrédito. A instancias de México e outros estados membros do Consello de Seguranza das Nacións Unidas, este tratou o pasado día 16 o tema dos últimos sucesos na antiga provincia do Sáhara Occidental en tempos de Franco. O Consello, hipotecado polos países permanentes con dereito de veto e consecuente coa súa máis que frecuente política de “facer de mangas capirotes” co Dereito Internacional, lamentabelmente só chegou a dicir, por boca do seu presidente de turno, o embaixador británico Mark Lyall Grant, que: “Os membros do Consello deploran a violencia en El Aaiún e no campamento de Agdaim Izik e expresan as súas condolencias polas mortes e os feridos que se produciron”.

Un folgo de aire da Unión Europea. Retomado o asunto o xoves pasado, 25 de novembro, polo Parlamento europeo, este, nun senso ben diferente, aprobou unha importante resolución condenatoria da actuación de Marrocos no Sáhara Occidental. Nesta resolución, a Unión Europea salienta nas súas consideracións as reiteradas posicións da Organización das Nacións Unidas (Asamblea Xeral) e da Unión Europea en relación co dereito de autodeterminación do pobo saharauí; así como o carácter pacífico do campamento de Agdaym Izik, para protestar pola situación social, política e económica e as condicións de vida do pobo saharuí, e máis a violencia levada a cabo polo exército marroquí, con resultados de mortes –entre eles un meniño e un cidadán español–; tamén o impedimento da entrada de xornalistas, deputados rexionais, estatais e da Unión Europea a El Aaiún e ao citado campamento, sendo algúns mesmo expulsados; asimesmo, que “despois de máis de 30 anos, o proceso de descolonización do Sáhara Occidental segue sen ser concluído”; e, finalmente, pon de manifesto a súa preocupación pola situación dos dereitos humanos no territorio saharauí á vista de que “os recursos naturais do Sáhara Occidental sexan explotados sen que iso aporte ningún tipo de beneficio á poboación local”.

Á vista do que antecede, nuns termos que supoñen claramente unha condena de Marrocos pola súa actuación no contencioso saharauí, a Unión Europea pon de relevo, entre outras, as cuestións de: a) a consideración das Nacións Unidas como “o órgano máis adecuado para levar a cabo unha investigación independente a nivel internacional para esclarecer os feitos, as mortes e as desaparicións”; b) a necesidade de “pedir aos órganos das Nacións Unidas que propoñan o establecemento dun mecanismo de control dos dereitos humanos no Sáhara Occidental”; c) a súa petición ao Reino de Marrocos para que “acate o Dereito Internacional no que se refire á explotación dos recursos naturais do Sáhara Occidental”; d) a conveniencia de conferirlle á Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental (MINURSO) competencias para o control dos dereitos humanos no Sáhara Occidental.

España, ao servizo do Majzen alauita. Ao noso xuízo, a resolución –aínda sendo demasiado contemplativa con Marrocos– constitúe un fito importante para a causa saharauí, máis particularmente aínda nun tempo no que o actual Goberno de España, responsábel (de acordo co Dereito Internacional) da non descolonización do territorio, amosa o seu débil peso internacional tanto a nivel xeral como, dun xeito máis palpábel, no contencioso saharauí, en relación co cal se apreza baixo un retórico “interese do Estado”, un temeroso entreguismo, sen ambaxes e contemplacións, aos desexos do soberano marroquí, pasando por enriba do dereito de libre determinación, vindo recoñecer cos seus feitos e declaracións a ocupación marroquí, infrinxindo así a prohibición de recoñecer aquelas situacións que atentan contra o principio estrutural de libre determinación dos pobos, a cal lle fora recoñecida ao pobo saharauí pola Corte Internacional de Xustiza no seu Ditame do 1975.

A “intifada” saharauí, o canto do cisne ou a Ave Fénix? Así as cousas, o máis novedoso en relación co contencioso viría ser, por unha banda, amén da resolución europea, a extensión da “intifada” saharauí nos territorios ocupados (Aminetu Haidar, campamento Agdaym Izik, levantamentos de El Aaiún, etcétera) e, pola outra, a profundización do xenocidio saharauí por Marrocos. Sen querer sobredimensionalos, xulgamos que estamos ante uns novos perfís perante os que as outras partes (Alxeria, Mauritania, Unidade Africana (da que a República Árabe Saharauí Democrática é membro dende o 1983) e, máis tarde ou máis cedo, a propia ONU –cunha MINURSO cega e xorda até agora en materia de dereitos humanos– seguramente terán que resituarse. Neste eido, tamén o Frente Polisario deberá inexcusabelmente, cal ave fénix, emprender novas dinámicas. O statu quo actual a nivel internacional non xoga precisamente en favor dos seus intereses…