A xeopolítica Alemana e os dogmas de Bruxelas

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Insistiu Angela Merkel durante toda a campaña electoral que rematou no seu trunfo o 27 de agosto en que se mantivese íntegra a actividade do Goberno e non se interrumpise ningún programa en curso. Iso vai facilitar unha continuidade que, en verdade, non estaba moi ameazada. A mudanza de socio minoritario, que será agora, conforme ás preferencias explícitas da Chanceler,  antes e agora, o Partido Liberal Demócrata (FDP) de Guido Westerwelle, influirá seguramente nalgún dos proxectos lexislativos e nos que vaian xurdindo, pero non semella que vaia ter moito peso na polìtica internacional do país.  A disparidade de votos dos parceiros é moito maior da que existía na Gran Coalición, có conseguinte aumento do poder de Merkel.  A polìtica interna non é o asunto deste comentario, pero convén deixar asinalado que o ¨reformismo¨, quer dicir o capitalismo maximalista do FDP, queda xa un pouco anticuado neste tempos.  E o da propria Merkel ven temperado pola formación xémea do seu partido, que é a CSU de Bavaria.  A esta lle corresponde ser a conciencia social da Unión de dereitas e, de certa maneira, pode cumprir esa función millor que o Partido Socialista. Haberá que ver como se reparten os Ministerios e cántos lles corresponden aos bávaros.

Un dos procesos que continúa é o do apoio á venda da Opel ao consorcio austro-canadense Magna, con financiamento do Sberbank de Rusia, gran banco estatal daquel país. Trátase dun sintoma do que se pode describir  como gravitación rusa de Alemaña. Non semella que Merkel teña dificultades para levar adiante esa operación.  E o máis curioso é que tampoco as tería Stenmeier, si fose ele o gañador das elecións.  Stenmeier é criatura do ex-Chanceler Gerhard Schröder, de quen foi estreito colaborador. E Schröder é agora elemento capital do achegamento a Rusia, como diretivo, proposto pola Gazprom rusa, de Nord Stream, a empresa de construción do gasoducto que, por baixo do Báltico, subministrará directamente gas de Rusia a Alemaña. 

A Union Europea xa se amosou contraria a ese apoio estatal á compra da Opel por Magna. A Comisaria da Competencia da UE, Nelly Kroes, expresouse xa en termos combativos.  Perfílase un conflicto máis entre os imperativos xeopolìticos de Alemaña e os dogmas de Bruxelas.

Alemaña non parece disposta a ficar de novo entre dous blocos enfrentados. Como mínimo aspira a levar a primeira voz nas relacións con Rusia.  E nunha situación internacional como a que se vai perfilando, na que os Estados Unidos de América semellan dispostos a non se opor decididamente á reconstitución dunha esfera de influencia rusa  na antiga Unión Soviética e teñen comprometida a súa capacidade  diplomática e militar en outros escenarios, nos que tamén teñen que contar con apoio ou tolerancia de Rusia, vese que Alemaña terá argumentos e forza para non estar submisa aos ditados da Unión Europea.  Apreséntase a posibilidade dun desenvolvemento polìtico e cultural de grande alcance co retorno dunha Alemaña con máis liberdade política a unha verdadeira Europa.