afganistan atentado terrorista

Afganistán, a peza chave

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Detención sospeitoso atentado convoi militar, clic para aumentar
A crise afgana ven determinada pola presenza militar estranxeira e o inicial fracaso na estabilización, engadido a un delicado mosaico étnico e relixioso e os síntomas dun “Estado fracasado”: pobreza extrema, ilegalidade rampante, ausencia de institucións estables, fraxilidade estatal e dunha economía estruturada e a inexistencia dunha real sociedade civil. Como Iraq, Afganistán semella deslizarse cara unha guerra civil que podería ter serias repercusións no panorama xeopolítico rexional. (Foto: Policías afganos detén a un sospeitoso tralo atentado contra un convoi militar estadounidense en Cabul, a mediados de setembro, e que provocou 18 mortos).
 

Cinco anos despois dos atentados terroristas do 11-S e da operación militar en Afganistán, liderada por EEUU e os seus aliados co beneplácito da ONU e da OTAN, o panorama actual tralo derrocamento do réxime talibán neste país centroasiático presenta síntomas de caos e violencia, xerando unha sensación de fracaso na transición pro-occidental dirixida polo actual presidente Hamid Karzai.

Practicamente esquecida da atención mundial, Afganistán experimentou no verán de 2006 a ofensiva máis sanguenta da súa posguerra, enmarcada na confrontación entre as tropas da Forza Internacional de Asistencia para a Seguridade, ISAF, e as milicias talibáns, principalmente fortes nas provincias do sur do país entre Kandahar, Helmand e Uruzgan e na capital Cabul.

No que vai de ano, as vítimas mortais entre civís e militares achéganse ao millar de persoas mentres os ataques suicidas eleváronse aos 47, en comparación cos 21 ocorridos no 2005.

A aparentemente imparable explosión de violencia completouse coa activación da “Operación Medusa” por parte da ISAF a finais de agosto na rexión de Kandahar e que, segundo datos outorgados pola OTAN aínda que sen confirmar a súa total veracidade, puideron causar a morte a 420 efectivos das milicias talibán. Espérase que esta tendencia se incremente no próximo inverno, na fase final da operación militar.

A incapacidade da OTAN

Non obstante, o comandante da ISAF e da Alianza Atlántica da OTAN en Afganistán, o británico James J. Jones, recoñeceu o pasado 9 de setembro durante unha xuntanza urxente en Varsovia que estas forzas amosaban a súa incapacidade para afrontar a eficaz ofensiva talibán.

Jones pediu incluso a ampliación de 2.000 efectivos aos 40.000 soldados estranxeiros que están asentados no territorio para ser concentrados en torno a Kandahar e o sur, tralo traspaso de mando militar realizado o pasado 31 de xullo por parte de Washington á OTAN nestas rexións.

Pero, a pesares do inicial apoio de Canadá e Polonia, a súa petición foi recibida con escepticismo no seo da OTAN, a cal atópase dividida en canto á atribución de efectivos e das zoas a controlar e receosa da inesperada ofensiva talibán.

Os temores de Paquistán

Paralelamente, o 8 de setembro en Cabul, reuníronse os presidentes de Afganistán e Paquistán, Hamid Karzai e Pervez Musharraf, para tratar a actual crise provocada pola ofensiva talibán. Non obstante, as relacións entre ambos países veñen sendo tirantes desde hai meses pola incapacidade de ambos gobernos, principalmente por parte paquistaní, para poder conter aos simpatizantes talibáns que pasan da fronteira afgano-paquistaní.

Nesta estratéxica xuntanza entre dous aliados vitais de Washington, Musharraf recoñeceu oficialmente que o seu goberno celebrou recentemente xuntanzas secretas con líderes talibáns na rexión fronteiriza de Waziristán, co obxectivo de intentar conter o avance do grupo independentista Exército de Liberación de Baluchistán, unha guerrilla que acomete duros enfrontamentos co exército paquistaní. Desde xuño, Musharraf enviou 80.000 soldados á fronteira afgana para combater aos rebeldes.

Existe un triángulo fronteirizo noroccidental entre Afganistán e Paquistán, conformado polas rexións de Waziristán, Chitral e a cordilleira do Hindu Kush, preto da Cachemira, onde estímase que pode estar localizada a cúpula de Al Qaida, incluído o propio Osama ben Laden. Velaí os temores dos gobernos afgano e paquistaní, así como de EEUU, Gran Bretaña e a India.

Un Iraq en Asia Central

A crise afgana ven determinada pola presenza militar estranxeira e o inicial fracaso na estabilización, engadido a un delicado mosaico étnico e relixioso e os síntomas dun “Estado fracasado”: pobreza extrema, ilegalidade rampante, ausencia de institucións estables, fraxilidade estatal e dunha economía estruturada e a inexistencia dunha real sociedade civil.

Como Iraq, Afganistán semella deslizarse cara unha guerra civil que podería ter serias repercusións no panorama xeopolítico rexional.

A autoridade presidencial de Karzai e do seu Parlamento, a Loya Jirga, non semella provocar unha total lexitimidade estatal e territorial, precisamente pola anarquía existente en determinadas zoas, onde predomina a ausencia do poder central, suplantada pola autoridade tradicional e coactiva dos xefes tribais e os “señores da guerra” e os códigos xurídicos tribais por riba da estrutura legal mixta islámica e occidentalizada de Karzai.

O factor político étnico é aínda mais relevante e determina as constantes negociacións do poder central cos “señores da guerra”, a fin de garantir un mínimo de gobernabilidade. Karzai pertence á etnia pastuna, maioritaria no país e principal soporte étnico dos talibáns, pero a actual estrutura de poder en Afganistán céntrase nas etnias tadxika e uzbeca, cuxos funcionarios ocupan a maior parte dos cargos dentro da débil estrutura administrativa estatal.

O poder dos “señores da guerra” da conta do dividido mapa político e territorial afgano. Dentro dos comandantes da Alianza do Norte, aliada de Washington e Londres contra o réxime talibán, destaca a seguinte división: os herdeiros do comandante tadxico Ahmed Shah Massoud, agrupados en torno ao movemento Jamiat-e-Islami e o seu líder Burhanuddin Rabbani, dominan Cabul e o nordeste; o grupo do comandante uzbeco Rashid Dostum controla unha parte do noroeste, xunto ás milicias de Ismail Khan en torno á estratéxica cidade de Herat; e os xiítas da etnia hazara, do movemento Hezb-i-Wahdat, controlan o centro montañoso de Hazarajat.

Droga e corrupción

A principios de setembro, o informe anual do Organismo da ONU para a Loita contra a Droga e as Mafias, UNODC,e a ONG europea The Senlis Council, confirmaron que no 2006, Afganistán producirá o 92% da produción mundial de opio, cun crecemento dun 49% no cultivo das amapoulas opiáceas, dentro dunha superficie dedicada a este cultivo do 59% do territorio afgano.

Do mesmo xeito, o fracaso na erradicación e control do cultivo permitiu o descontento social, capitalizado polas milicias talibán, e a existencia dun “estado de guerra” nestas provincias. Como en Colombia, o factor da droga alimenta e reactiva a conflitividade interna, principalmente desde a perspectiva socioeconómica.

Existen tamén acusacións de que diversos ministros do goberno de Karzai están implicados en tráfico de drogas e corrupción, feito que provocou nos derradeiros meses diversos enfrontamentos políticos internos na administración. Tamén acúsase o excesivo énfase de Karzai e Washington en materia de seguridade militar, en detrimento da axenda social necesaria para remediar agudos problemas como as infraestruturas e os servizos sanitarios, de vivenda e asistencia social.

O risco de “talibanización” rexional

Así como refuxio de Al Qaida e os “yihadistas internacionais”, para Washington o réxime talibán en Afganistán constituía un factor de preocupante inestabilidade en Asia Central, pola potencial capacidade de expansión rexional deste movemento nas veciñas Paquistán, Tadxikistán, Uzbekistán e Kirguizistán.

Reorganizados no sur do país, existe o temor en Occidente de que as milicias “neotalibáns” comecen a configurar relacións de cooperación con grupos e movementos islamitas en Paquistán, Uzbekistán, Tadxikistán e Cachemira. Tamén sospéitase que aínda reciben un sólido apoio externo loxístico e financeiro procedente de Arabia Saudita e algúns emiratos petroleiros do Golfo Pérsico.

A presenza de réximes corruptos e autocráticos en Asia Central, algúns deles aliados militares occidentais, e as evidencias de violacións dos dereitos humanos por parte de Washington na súa estratexia antiterrorista potencia o posible aumento dos grupos islamistas “yihadistas”, proclives a manter contactos cos talibáns e outros movementos locais asociados a Al Qaida e a súa estratexia da “yihad global”.

Non se debe esquecer que Asia Central é unha ampla rexión de importancia xeopolítica e enerxética, onde EEUU, Rusia, China e Irán, así como os movementos islamitas, puxan por obter cotas de poder. Neste xadrez xeopolítico, Afganistán é unha peza clave.