Na visión de Shinzo Abe, a volta dun militarismo a peito descoberto semella unha condición sine qua non para que Tokio poida desempeñar un papel máis activo nas relacións internacionais. | |
Os modos de Shinzo Abe, elixido sucesor de Junichiro Koizumi, presaxian cambios para Xapón. Boa parte da súa atención terá que se centrar nos problemas internos, pero a mudanza máis significativa pode afectar á política exterior. Koizumi deixa unha economía en fase de relanzamento, se ben con problemas estruturais graves como unha débeda pública astronómica (máis do 170% do PIB). Iso permitiralle a Abe concentrarse no que pode ser un dos sinais clave do seu mandato, a redefinición do papel de Xapón en Asia e no mundo. Esa é a “nova nación” que afirma querer construir. Conservador, partidario da guerra contra Iraq, aliado incombustible de Washington, o Xapón de Abe reescribirá a Constitución de 1947 para liquidar o peculiar pacifismo herdado de Hiroshima e Nagasaki que coexiste, paradoxalmente, cun dos orzamentos militares máis importantes do mundo (moi superior ao de China, por exemplo). Na visión de Abe, a volta dun militarismo a peito descoberto semella unha condición sine qua non para que Tokio poida desempeñar un papel máis activo nas relacións internacionais.
Shinzo Abe dase un prazo de cinco anos para realizar o seu proxecto. A razón de fondo da viraxe que propón non é outra que a pelexa polo liderado rexional. De América Latina a África, Asia Central ou o Pacífico-Sur, China medra en influencia por todo o mundo. Abe aspira a ese maior protagonismo de Xapón cadrando o círculo, é dicir, mellorando a un tempo as relacións con Beijing. Aínda que hoxe non representa máis da cuarta parte da economía nipona, as potencialidades de China poderían dar a volta á situación nun par de lustros. China é o seu primeiro socio comercial, pero as relacións políticas están seriamente afectadas polas desavinzas. Dende abril de 2005, os contactos ao máximo nivel están suspendidos. A presenza ou non de Abe no santuario Yasukuni dará a medida das súas intencións. Polo momento, a “falta de complexos” polo comportamento pasado na que di querer asentar o seu programa de goberno vale tanto para un roto como para un descosido. China agarda xestos conciliadores, pero ¿estará Abe disposto a amosar arrepentimento polas masacres desatadas por Xapón? Coa mirada posta nas vantaxes económicas, son os grandes empresarios nipóns os que máis están a premer a prol dunha conciliación, sempre difícil nunha Asia máis moderna pero apegada, pese a todo, aos valores tradicionais. Eses que tanto dificultan aquelo, tan necesario sempre, de saber pedir perdón.