Dise que no Iraq hai entre 5.000 e 15.000 desaparecidos dos que non se sabe nada. Os iraquís din que agardaron 23 anos para dar cos ósos dos parentes nas fosas comúns de Sadam e que agora van ter que agardar outro tanto para dar cos desaparecidos despois da invasión.
Esta situación é moi grave: non se sabe onde están os presos, nin se están vivos ou mortos, cando parece que chega unha noticia que permite unha certa esperanza resulta que é negada polas autoridades, moitas prisións son secretas, mandan calar con ameazas aos que ousan preguntar, a extorsión é moeda común a todos os niveis…
Cada vez é máis claro que no Iraq están escribíndose hoxe as páxinas máis tenebrosas que pode escribir o ser humano, un ser humano cheo de miseria espiritual, de indignidade e de brutalidade propias de instintos carniceiros e primitivos. Se un chegou a pensar que o Holocausto e o Gulag son pasado, trabucouse. Iraq lémbranos unha vez máis que somos os humanos un becho perigoso. E ao mellor sen remedio, por non mellorable.