As paranoias do imperio benefactor

A Administración norteamericana insiste en convencer á opinión pública do idealismo do ataque contra Iraq. Desembarazado da esixencia de desarme incondicional de Sadam Hussein, o cambio de réxime en Bagdad, dictatorial e opresor, terá como alternativa o tridente infalible da civilización occidental trunfante: liberdade, mercado e democracia. É tal a devoción e o altruismo de Bush que non lle importa sacrificar as vidas dos seus propios cidadáns nin dilapidar os recursos do seu país, cunha economía en crise, con tal de beneficiar aos sufridos iraquís. Merecería o premio Nobel da Paz.

George W. Bush está a periclitar décadas de incomprensión con Estados Unidos. Contribuiron á civilización mundial liquidando o comunismo e moi poucos llo agradeceron. Desaparecido, convencidos de que non hai rival sistémico, é o momento de acelerar a historia. Preparémonos pois para recibir ao Mesías redentor que vai liberar un a un a todos os pobos, rematando cos lideres que non amosen a vontade suficiente de aggionarse.

¿Ten que ser pola forza? Desgraciadamente, semella que si. A pacífica paciencia non vai co ritmo dos tempos que vivimos. Con Iraq intentouno polas boas, que conste. Hai que ver os avances democráticos en Kuwait na última década, despois da liberación da primeira guerra do Golfo. Ou o salto cualitativo inmenso que se produciu na solución do conflicto palestino. Xa daquela se prometía unha solución, pero non chegou de todo pola teimosía de Arafat, outro Sadam seguro de contar cun estado propio e recoñecido internacionalmente. Estes líderes árabes son algo retorcidos por que veñen doutra época e aínda non conseguiron desprenderse das hipotecas da guerra fría, non se decatan de que os tempos oscuros pasaron e estamos chegando á era da luz, aínda que sexa da luz das bombas, pero luz, ao fin e ao cabo.

Erran todos aqueles que non acertan a adiviñar as boas intencións da Casa Branca. Mesmo cando se fala do petróleo (falan os críticos equivocados, non os líderes responsables), porque debemos recoñecer o desatino de que un recurso de tan crucial valor estratéxico permaneza en mans de líderes non comprometidos co tridente benefactor. Non hai egoismo nese empeño, senón un razonamento simple e de parvulario: o control do crú por parte de Washington servirá para estimular a economía mundial e crear máis riqueza, e se hai máis riqueza haberá menos pobreza. Ese é un cambio estructural de verdade que reducirá as desigualdades e non as andrómenas nas que andan as ongds, a ONU ou eses radicais perdidos no túnel de tempo que aínda vociferan pola supresión da débeda externa. Que se preparen as petromonarquías do Golfo e incluso líderes como Chávez que non pensan máis que no seu benestar en vez de asegurar un equilibrio humano universal. Entrarán no mesmo paquete. O crú non é de ninguén, é de todos, por que todos o necesitamos. Polo tanto, semella lóxico que sexa administrado por quen está na vangarda non soamente do coñecemento tecnolóxico senon por quen amosa un maior compromiso coa mellora da humanidade, aínda a custa da incomprensión actual de millóns de persoas; natural, por outra banda, se temos en conta que a tradición ata agora foi sempre a de mirar cada un para o seu embigo.

Estou seguro de que as protestas públicas contra a guerra non desmoralizan á Casa Branca. Cando a un o move a fe e unha convicción profunda, mesmo lamentando ó boicot aos productos norteamericanos que afortunadamente poderá ser recompensado co incremento do consumo da producción armamentística, todo prezo é pouco. Ah, e as tropas deberán marchar de Oriente Medio á primeira ocasión. Non é cousa de premiar a uns excesivamente, que deses ciumes logo resultan as máis grandes crises universais. E Bush, ante todo, quere ser xusto. Por algo o elixiu o Tribunal Supremo de Estados Unidos.