Brasil: a hora de Dilma Rousseff

Dende unha perspectiva preliminar, é preciso tomar en conta o histórico momento da actualidade brasileira. A sucesión de Lula en mans de Rousseff consolida a transición democrática e a estabilidade institucional brasileira iniciada en 1985, trala caída da prolongada ditadura militar no poder desde 1964.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Brasil ingresa nunha nova fase política, certificada trala vitoria en segunda volta electoral de Dilma Rousseff (Partido dos Traballadores, PT), o pasado 31 de outubro. O peso do legado da presidencia progresista de Lula da Silva, cunha popularidade superior ao 70%, son factores que planearán constantemente na figura da súa sucesora Rousseff, dentro dunha serie de retos orientados a consolidar a senda do crecemento económico, a superación das desigualdades sociais e o fortalecemento da proxección exterior dun país cada vez máis emerxente no escenario internacional. Pero o Brasil 2010 é, potencialmente, un país moito máis complexo do que asumiu Lula trala súa chegada á presidencia en 2003.

Dende unha perspectiva preliminar, é preciso tomar en conta o histórico momento da actualidade brasileira. A sucesión de Lula en mans de Rousseff consolida a transición democrática e a estabilidade institucional brasileira iniciada en 1985, trala caída da prolongada ditadura militar no poder desde 1964. Cun novo período de goberno da esquerda, o Brasil actual ofrece un mapa moito más progresista, fortalecido por unha economía en crecemento con tentativas de equidade social pero que, a todas luces, ilustran un país politicamente máis complexo.

O evidente protagonismo político de Lula da Silva trasládase agora a súa sucesora Rousseff, quen deberá perfilar un novo estilo de goberno ao mesmo tempo que medirá os desafíos dun país que recibirá millonarios investimentos nos próximos anos, especialmente a tenor da celebración do Mundial de Fútbol 2014 e dos Xogos Olímpicos 2016.

Por iso, compre considerar se a consecuente ausencia de Lula permitirá a Rousseff finalmente impor o seu peso dentro do PT e do novo goberno brasileiro. Sen o carisma do seu antecesor, Rousseff moi probablemente determinará unha xestión marcadamente tecnócrata, sen modificar sensiblemente as pautas políticas marcadas na axenda de goberno do seu partido. Consolidando a hexemonía política do PT, Rousseff proseguirá cunha política exterior sumamente activa nos foros internacionais, aínda que esta nova etapa política en Brasilia certificará cal será a súa real capacidade de influencia no contexto internacional.

O Brasil post-Lula

A vitoria electoral de Dilma Rousseff consolida a hexemonía política do Partido dos Traballadores (PT), no poder desde 2003. Asegurada así a súa sucesión presidencial para o período 2011-2015, o ex mandatario Lula da Silva acometerá agora unha nova etapa política, moldeada en torno a erixirse como mentor político e “poder na sombra” de Rousseff, ou ben acometer a responsabilidade de dirixir un novo cargo a nivel internacional.

Con estas variables, imponse o momento político de Rousseff, cuxos retos preliminares orientaranse a acicalar unha nova imaxe presidencial, menos carismática que o seu antecesor baixo un perfil probablemente máis tecnócrata. A pesar de posuír un pasado guerrilleiro, ninguén dubida das credenciais democráticas de Rousseff, aínda que poden existir incertezas sobre o seu verdadeiro peso político dentro do PT e, a consecuencia, no escenario político brasileiro.

Estas incertezas se incrementarán na medida en que o peso decisivo do legado de Lula dominen a xestión presidencial de Rousseff. Tras oito anos de goberno, Lula deixará un país con menos pobres, a tenor da eficacia dos Programas Fame Cero, Bolsa Familia e Bolsa Escola, que reduciu a pobreza para quince millóns de familias brasileiras. Esperase que Rousseff outorgue maior continuidade e ampliación a estes proxectos sociais.

Cunha clase media fortalecida polo prolongado crecemento económico da “era Lula” e un cadro macroeconómico sumamente favorable, o Brasil actual amosa unha maior estabilidade institucional, en aras de ampliarse cara unha maior democratización do tecido político e social. O peso de Brasil como potencia global emerxente, a través dos grupos BRIC, IBSA, etc., consolidan a súa imaxe exterior como indiscutible polo emerxente a nivel rexional e global.

Tras certificarse a elección de Brasil como organizadora do Mundial de Fútbol 2014 e de Río de Xaneiro como sé dos Xogos Olímpicos 2016, o presidente Lula ofreceu un plan de investimentos a actores públicos nacionais e internacionais valorado en case 30.000 millóns de euros. Cun gasto público en expansión, Rousseff xestionará millonarios investimentos tentando afianzar un clima de confianza para os inversores.

Baixo esta perspectiva, o Brasil de Rousseff acelerará o proxecto de desenvolvemento fraguado na súa importante potencialidade enerxética, a través das concas hidrográficas do Río Amazonas e dos recen descubertos xacementos petrolíferos na plataforma atlántica (con reservas estimadas en 35 miles de millóns de barrís), que garantirán o abastecemento para un país de case 200 millóns de habitantes.

Nesa perspectiva, imponse a posibilidade de que Brasil se converta nunha posible potencia enerxética a nivel mundial, ampliada ante a posibilidade de que o xigante sudamericano avance na súa decidida pretensión de converterse nunha nova potencia nuclear con fins pacíficos.

Un panorama máis complexo

Velaí que continuar a senda progresista e de crecemento económico de Lula constituirá un reto ineludible para Rousseff. Pero existen outros retos, como a corrupción, moi enquistada no poder administrativo e con perspectivas de ampliarse de cara á riada de investimentos destinados para os próximos anos. O fracaso gobernamental no combate á corrupción foi un dos aspectos máis criticados durante a xestión de Lula.

A erosión política dentro do PT que provocaron diversos casos de corrupción nas primeira etapa gobernamental de Lula (2003-2007), así como ás críticas sobre a ortodoxia do seu modelo económico, deron paso á marcha de determinadas personalidades da esquerda brasileira, como as ex candidatas presidenciais Marina Silva e Heloísa Helena. Esta perspectiva amplía as rivalidades dende a esquerda dentro do novo mapa político brasileiro, un escenario que pode complicar a xestión gobernamental de Rousseff e do PT.

Con este novo panorama dende a esquerda, Rousseff deberá calibrar as críticas sobre a ortodoxia liberal do legado económico de Lula. Aquí imponse a figura de Marina Silva, ex ministra e disidente do PT, que logrou na primeira volta presidencial electoral de comezos de outubro un 20% dos votos co seu Partido Verde (PV), evitando así a vitoria de Rousseff por maioría absoluta. A neutralidade de Silva cara á segunda volta electoral entre Rousseff e José Serra (Partido Social Demócrata Brasileiro, PSDB) da a entender as pretensións de Silva e do PV de converterse nunha alternativa de oposición dende a esquerda que pode dar moito xogo nos próximos anos.

Silva premerá nas súas demandas sobre un plan de conservación ambiental, especialmente na reserva amazónica, un tema que adquirirá un cariz político de gran envergadura para o próximo goberno, especialmente ante os previstos proxectos de desenvolvemento hidroeléctrico e do seu consecuente impacto ambiental.

Rousseff coñece da importancia do tema ambiental e do papel que Silva xogará durante a próxima lexislatura, polo que veuse na obriga de rescatar un plan ambiental concibido anteriormente por Lula. Antes da segunda volta electoral do pasado 31 de outubro, Rousseff presentou unha “carta de compromiso medioambiental”, na que estipulaba a redución do 40% dos gases contaminantes e a preponderancia que terá a política ambiental dentro das políticas públicas do seu goberno.

Outro aspecto a tomar en conta por Rousseff será o proxecto de Defensa Nacional de Brasil, que coloca á defensa da rexión do Amazonas como elemento central destinado a xustificar un maior incremento do gasto público militar, un aspecto que pode propiciar recortes nos gastos sociais. Tanto a conservación do medio ambiente como a “militarización” do tema amazónico pode traducir un duro enfrontamento político entre Silva e Rousseff.

Finalmente, compre igualmente considerar a posibilidade de que Rousseff prosiga cos intentos de Lula por acelerar os xuízos contra os responsables da ditadura militar brasileira (1964-1985) en materia de dereitos humanos, un aspecto sensible para a propia Rousseff polo seu pasado guerrilleiro, así como para unha boa parte da militancia do PT, de diversas organizacións de defensa dos dereitos humanos e da recuperación da memoria histórica.

Neste aspecto, restará observar cómo a nova presidenta manexará un asunto tan sensible como ata agora escasamente atendido, e cómo o manexo deste aspecto influirá nas relacións entre o poder civil e o estamento militar brasileiro.

Pulsando á “potencia emerxente”

Dentro do contexto rexional, o Brasil post-Lula deberá definir unha posición clave como epicentro de poder na área sudamericana, en particular a través de organismos como a UNASUR e MERCOSUR, e como moderador dunha esquerda pragmática que irradie a súa influencia rexional. América Latina está inmersa nunha nova etapa electoral, que durará ata o 2012, e que pode presentar cambios políticos en países clave como Venezuela, Arxentina, Perú e México.

No aspecto da política exterior, Rousseff deberá igualmente medir o seu peso. Lula foi o presidente brasileiro con maior proxección internacional, constituíndo a súa política exterior unha dimensión estratéxica da súa xestión. O PT definirá o mesmo marco de actividade internacional, agora cunha presidenta como Rousseff con escasa proxección internacional e sen o perfil do seu antecesor. Así, en sen Lula no poder, a próxima presidencia brasileira deberá medir con certeza ata qué punto é factible esa condición de potencia emerxente de Brasil no plano internacional.

Rousseff acometerá igualmente un legado internacional de Lula que deixa incertos escenarios abertos no plano internacional, en especial a polémica suscitada pola relación estratéxica de Lula con Irán, a través dunha alianza fraguada tamén con Turquía. Deste modo, a diplomacia brasileira ingresa como actor con notable presenza nunha rexión tan conflitiva como Oriente Próximo.

 Paralelamente, están as relacións entre Brasil e EEUU, especialmente en materia de integración hemisférica, pero que tamén se definirán de cara á percepción do novo goberno en Brasilia sobre as súas relacións con Cuba, tomando en conta as criticas internacionais pola situación dos dereitos humanos na illa caribeña e do aparente inmobilismo político de cara ás reformas democráticas. As simpatías ideolóxicas trazadas no pasado guerrilleiro e esquerdista de Rousseff deberán agora poñerse a proba neste apartado.

En materia de política rexional, Rousseff deberá consolidar o papel moderador de Brasil como actor diplomático clave para a resolución de crises rexionais, como as existentes entre Colombia e Venezuela, ou ben ante hipotéticos focos de inestabilidade política que poden acontecer en Paraguai, Ecuador ou Bolivia. Ao mesmo tempo, o reforzamento da potencialidade militar brasileira, especialmente ante a súa pretensión de afianzar a nivel global a súa industria de armamentos, potenciar o seu sector nuclear e premer por un posto no Consello de Seguridade da ONU, son elementos que definirán tamén outros vértices de actuación para Rousseff, especialmente ante as reticencias hemisféricas que pode recrear un Brasil militarmente potente e rearmado.

Dende calquera perspectiva, o Brasil post-Lula definirá todo tipo de expectativas asentadas nun Estado federal politicamente máis complexo, con maiores actores e demandas dentro dunha sociedade politicamente mais madura. Máis democrático e estable, menos desigual e economicamente mais potente, sen esquecer o desafío de superar a crónica desigualdade socioeconómica, a próxima presidencia brasileira afrontará unha serie de retos aínda maiores dos que tivo que afrontar o propio Lula cando chegou por vez primeira á presidencia en 2003.