20070731jeddah condoleezza rice e rei abdullah

Bush rearma a Oriente Medio

 Robert Gates, Condoleeza Rice e o rei saudí Abdullah; clic para aumentar
Para apuntalar o "eixe sunnita", a secretaria de Estado Condoleeza Rice e o secretario de Defensa, Robert Gates, realizaron unha xira por Exipto, Arabia Saudita e os demais países do Golfo Pérsico. Rice xustificou esta política de cooperación "para apoiar unha estratexia global que compense as influencias negativas de Al Qaida, Hizbulah, Siria e Irán". (Foto: Encontro entre Condoleeza Rice, Robert Gates (esquerda) e o rei saudí Abdullah, o 31 de xullo de 2007 en Jeddah, Arabia Saudí).
 

Enterrando o seu fracasado plan para o Gran Oriente Medio concibido no 2004, o recente anuncio de Washington de incrementar a súa cooperación militar con Israel e os países árabes considerados "aliados" anuncia escenarios de redefinición nas alianzas políticas e militares, así como posibles transformacións xeopolíticas a mediano e longo prazo para Oriente Medio. En principio, e especulando con escenarios a corto prazo, o obxectivo principal para Washington consiste en buscar un "colchón rexional" para illar e conter a Irán e ao denominado "eixe xiíta".

Armar para estabilizar. Esa parece ser a premisa adoptada polo presidente George W. Bush en Oriente Medio para os próximos meses e anos. O novo escenario rexional obrigaría a Washington a deseñar outro cálculo e redefinir unha serie de alianzas que, en principio, parecen encamiñadas a conter o avance de Irán, amparado na posible consolidación de seu programa nuclear.

A primeira medida de Bush foi anunciar un incremento substancial de cooperación militar con Israel, valorado en 22.000 millóns de euros, ata o 2018. Pero o reforzamento do tradicional eixe entre Washington y Tel Aviv terá unha significativa ampliación de cara aos países árabes aliados da política estadounidense.

Neste sentido, Exipto, Arabia Saudita, Bahrein, Kuwait, Qatar, Omán, Xordania e os Emiratos Árabes Unidos verán incrementado nun 25% a asistencia militar estadounidense para os próximos dez anos. Exipto, o gran aliado de Washington no mundo árabe xunto a Arabia Saudita, se beneficiará coa recepción de 13.000 millóns de dólares, mentres o resto dos países se dividirán os 7.000 millóns de dólares restantes.

En total, Israel e os países árabes aliados de Washington recibirán ata o 2018 un total 46.000 millóns de euros en axudas militares, un elevado gasto militar que permitirá reforzar o peso político do estamento militar e industrial estadounidense. Así, Washington se aseguraría para os próximos anos un gasto militar que corresponde ao 45% a nivel mundial e un 4% do seu PIB.

Sunnitas contra xiítas

Os cálculos de Washington se dirixen en afincar unha política oficial tendente a dividir a rexión entre espazos sunnitas e espazos xiítas, tomando en conta que a gran maioría dos países que recibirán a axuda militar estadounidense están localizados no Golfo Pérsico, próximos xeograficamente s a Irán.

O "eixe sunnita" de Washington buscaría conter a posible definición dun "eixe xiíta" eventualmente controlado por un Irán con capacidade nuclear a mediano prazo, e que incluiría a Siria (con quen Teherán acaba de reforzar a súa alianza política e militar), e os movementos islamitas Hizbuláh no Líbano e, eventualmente, a Hamas en Palestina, cuxa fortaleza actual está no territorio de Gaza.

Para apuntalar o "eixe sunnita", a secretaria de Estado Condoleeza Rice e o secretario de Defensa, Robert Gates, realizaron unha xira por Exipto, Arabia Saudita e os demais países do Golfo Pérsico. Rice xustificou esta política de cooperación "para apoiar unha estratexia global que compense as influencias negativas de Al Qaida, Hizbulah, Siria e Irán".

Irán asume completamente que Washington está cercando os seus movementos e que prepara un posible plan na súa contra. O voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores iraniano, Ali Hosseini, criticou a Washington por "crear unha política de medo e preocupación" na rexión.

Incluso, existen especulacións en Teherán de que Occidente está reforzando indirectamente a posición político do poderoso aiatolá e empresario Hashemi Rafsanjani, rival electoral do actual presidente Mahmud Ahmadíneyad, ante a presunta perda de popularidade deste último, debido á ola de execucións interna, a represión ideolóxica e á crise económica.

Estas fontes especulan que, ante o fracaso electoral dos sectores reformistas anteriormente liderados polo ex presidente Mohammed Khatami, os intereses occidentais ven a Rafsanjani como un "poderoso balance de poder" cara Ahmadíneyad e a "liña dura" dos aiatolás e a casta militar iraniana.

O cerco a Irán está confirmado trala visita á capital saudita de Robert Gates, quen debelou ante el rei Abdullah un plan militar dividido en tres escenarios de desprazamento da axuda militar: o nivel iraquí; o nivel do Golfo Pérsico; e o nivel do Mar Vermello.

Estes tres niveis de actuación recibirán una cota importante do plan de asistencia e modernización militar liderado por Washington aos emiratos do Golfo Pérsico, especialmente enfocados en desprazar mísiles aéreos e defensivos para contrarrestar os 600 cazabombardeiros que Teherán ten no seu poder, principalmente avións MIG e Sukhoi de fabricación rusa.

A carreira de armamentos

Precisamente, e posiblemente para non quedar fora desta carreira de armamentos en Oriente Medio e contrarrestar así o decidido apoio militar occidental aos emiratos do Golfo, o presidente ruso Vladímir Putin aprobou a finais de xullo a venda a Irán de 250 mísiles SU-30 de longo alcance e 30 cazabombardeiros.

Os intereses rusos tamén inclúen vendas militares a aliados estadounidenses como Arabia Saudita, Xordania e Qatar. Siria tamén entra na ecuación militar de Putin, pero para o Kremlin, o principal aliado rexional segue a ser Irán, que tamén se beneficia do armamento chinés, tal e como se evidenciou coas recentes vendas de Beijing a Teherán de mísiles antinavío e superficie-aire, así como avións de transporte.

Paralelamente, Gates falou en Riad de utilizar a illa de Masirah, en Omán, próxima ao Estreito de Ormuz e a costa occidental iraniana, como posible cabeza de ponte para operacións aéreas e militares contra Teherán. Fontes militares no Golfo Pérsico aseguran que Washington está por emprazar un aumento de efectivos da súa Mariña en Kuwait, a 130 km. do reactor nuclear iraniano de Bushehr, na costa sur do país.

Redefinición de eixes

Paralelo á xira de Rice e Gates polo Golfo Pérsico, o presidente Bush reuniuse en Washington co primeiro ministro británico Gordon Brown, de quen recibiu a certificación de que Londres seguirá contribuíndo con Washington en "estabilizar a Iraq w Afganistán", así como comulgou coa "loita ideolóxica" de ambos países contra Al Qaida e o yihadismo salafista.

Esta sorprendente "reconversión" de Brown, un destacado detractor do apoio do seu antecesor Tony Blair á guerra en Iraq, pode revelar novos campos de actuación e transformación xeopolítica para Oriente Medio.

Asumindo o seu novo cargo de representante do Cuarteto para a Paz en Oriente Medio, o ex primeiro ministro británico Tony Blair estivo en Tel Aviv e Cisxordania para reunirse co primeiro ministro israelí Ehud Olmert e con Mahmoud Abbas, presidente da Autoridade Palestina y do movemento Al Fatah.

O obxectivo de Blair era definir o cumio sobre a paz en Oriente Medio, que espera concretarse en outubro próximo probablemente en Exipto ou Arabia Saudita, e anunciar o novo plan de Bush para Palestina.

Bush, Blair e Olmert están decididos a fortalecer financeira e militarmente a Abbas e Al Fatah en Cisxordania, a fin de illar definitivamente a Hamas en Gaza e evitar a súa posible expansión en Cisxordania. Washington acaba de acordar vendas de equipos militares a Al Fatah por valor de 60 millóns de euros. Nos medios políticos falase de "pau para Hamas en Gaza e cenoria para Al Fatah en Cisxordania".

Non obstante, Abbas obtivo un duro golpe político e estratéxico coa renuncia de Mohammed Dahlan, un influínte xefe de seguridade de Al Fatah en Cisxordania, que deixa unha situación complexa dentro de seu partido e goberno. Os temores de fracturas e friccións dentro de Al Fatah pola "guerra de xeracións" no seu liderado, pode constituírse nun incómodo e delicado problema para Abbas, Olmert, Blair e Bush.

Por outra banda, o ministro de Asuntos Exteriores español, Miguel Ángel Moratinos, seguiu a estela iniciada polo seu homólogo francés Bernard Kouchner, de entrevistarse con diversos actores políticos e ex "señores da guerra" no Líbano, incluíndo ao "número dos" de Hizbulah, Naim Qassem, a fin de buscar alternativas de goberno de unidade nacional nun país que volve a estar no centro de atención polo posible desenlace doutra cruenta e prolongada guerra civil.

Con Palestina e o Líbano en fase delicada, a estratexia de Washington e os seus aliados occidentais parecen encamiñadas a enterrar o fracasado plan para o Gran Oriente Medio concibido por Bush no 2004, baseado nunha democratización rexional "á occidental", e substituílo por outro mais acorde cos seus imperativos militares e xeopolíticos.

Con este plan, Bush esperaba afincar no poder a movementos laicos e prooccidentais como axentes do "cambio democrático" para Oriente Medio, pero os acontecementos terminaron levando ao poder por medios democráticos a diversos partidos islamitas, así como reforzando as posicións xeopolíticas de membros do seu particular "eixe do mal", como Irán e Siria.

Os factores turco e curdo

Velaí que resulte necesario destacar o contundente triunfo electoral o partido islamita AKP en Turquía, cuxa estela de pragmatismo e moderación está sendo observada con gran interese e satisfacción en Europa e EEUU.

A consolidación política do AKP en Turquía e o triunfo do seu primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan no seu pulso particular coa poderosa casta militar turca, anuncia momentos de importancia para redefinir o papel xeopolítico de Turquía en Oriente Medio.

Occidente se enfocará en presentar ao partido islamita turco como un "exemplo de moderación e pragmatismo" co respecto aos demais partidos islamitas en Oriente Medio, a fin de evitar calquera expansión de movementos máis radicais e integristas, cunha mensaxe mais acorde coa visión salafista e yihadista antioccidental.

Outro aspecto do apoio occidental ao AKP pode figurar na intención de minorar os efectos sociopolíticos de partidos islamitas xa consolidados en triunfos electorais, tales son os casos de Hizbulah, Hamas e os Irmáns Musulmáns.

Pero Erdogan e o AKP deberán traballar con sumo coidado nas súas relacións coa casta militar turca, especialmente nunha conxuntura que anuncia posible intervención militar turca e iraniana no Curdistán iraquí, cuxa posible independencia pode fraguarse a finais de 2007.

O Curdistán pode constituírse no foco dunha nova guerra que transforme xeopolíticamente a Oriente Medio e que defina inesperadas alianzas militares para Europa e EEUU , como sería o caso dun hipotético eixe entre Turquía, Irán e Siria, que prexudicaría os intereses occidentais.

Tampouco está claro o total apoio saudita a Washington, a pesares da versión oficial deste país en apoiar esta iniciativa militar contra Irán. El rei Abdullah ven criticando nos derradeiros meses a "ocupación militar ilegal" de EEUU en Iraq, mentres amosa a súas diferenzas ante o apoio estadounidense e israelí a Al Fatah en Palestina.

Tamén Bush ha criticado a negativa saudita de incrementar a sua produción petroleira, a fin de minorar a subida de prezos do cru, actualmente oscilando nos $80 o barril e cun horizonte que anuncia os $100 p/b a curto e mediano plaro.

O Magreb tamén conta

Tanto como as transformacións que Oriente Medio pode comezar a experimentar a partir de agora, resulta importante analizar a proposta mediterránea do presidente francés Nicolás Sarkozy, de incluír a Alxeria e Libia dentro dun eixe magrebí e mediterráneo de claro carácter enerxético e antiterrorista.

A recente crise das enfermeiras búlgaras, acusadas de contaminar a decenas de nenos con SIDA, e a súa liberación por parte das autoridades libias que as apresaron, tras un hábil manexo diplomático exercido polo matrimonio Sarkozy, revela a redefinición do papel de Francia como actor de importancia nunha área estratéxica que abarca a rexión mediterránea, o norte de África e Oriente Medio.

As recentes visitas de Sarkozy a Alxeria e Libia tamén ten un claro carácter enerxético, a fin de concretar un eixe con ambos países como socios europeos na distribución de petróleo e gas natural, principalmente enfocados a diminuír a excesiva dependencia enerxética europea de Rusia. Incluso, Sarkozy tenta acercar a Libia con Occidente a través dunha presunta cooperación militar, tal e como recentemente denunciou un deputado socialista francés.

Desde o rearme e a cooperación militar de Bush en Oriente Medio ata os plans enerxéticos de Sarkozy no Magreb, esta ampla, estratéxica e conflitiva rexión parece anunciar a chegada dunha nova etapa de transformacións, de eminente carácter militar e xeopolítico, que pode afondar a súa explosiva situación.