20070725 la habana viva el 26

En vida de Fidel

 Viva el 26, clic para aumentar
O que se desprende do discurso de Raúl é que as reformas deben comezar xa, en vida de Fidel e contando con el, co seu respaldo, indispensable para garantir a cohesión e a unidade partidaria. Sexa cal sexa o desenlace da súa enfermidade, despois dun ano de retirada da primeira liña da vida pública, para Raúl é tempo de actuar, de aplicar medidas imperativas e estimulantes, aínda que sen abdicar da "defensa das ideas" que predica o Comandante en xefe. (Foto: Un home pinta na rúa "Viva o 26" o día antes do aniversario do inicio da Revolución cubana co frustrado asalto ao Cuartel Moncada o 26 de xullo de 1953).
 

O discurso de Raúl Castro do pasado 26 de xullo espertou e esperta numerosas especulacións. Non é tan novedosa a súa autocrítica radiografía de Cuba. Na miña opinión, o que viu a dicir son, basicamente, dúas cousas. A primeira xa se sabía: o principal problema de Cuba actualmente non é político ou social, senón económico, e urxe adoptar medidas para mudar esa situación, non soamente con retórica senón con certo atrevemento nas formas para garantir a elevación da produción, obxectivo que non é posible acadar unicamente reforzando a disciplina laboral.

Con todo, Raúl reincidiu de forma incisiva en temas esenciais (os baixos salarios, a alimentación, etc) que tanto preocupan na sociedade cubana. Para iso, dixo, serán necesarios tamén cambios estruturais e de conceptos, que afecten a algo tan elemental como a xeración de estímulos que motiven aos campesiños e aos traballadores a producir máis e mellor. Mentres o problema da alimentación está a agrandarse na illa, case a metade das terras agrícolas está en desuso e só o 18 por cento das cultivables dedícanse a cultivos temporais. Co 32 por cento das terras de labor, uns 100.000 produtores privados e cooperativistas producen máis do 50 por cento dos alimentos. Segundo datos oficiais, a importación de alimentos básicos de orixe vexetal e animal aumentou un 35 por cento nos dous últimos anos. Cuba ten dificultades para pagar esa factura. Segundo Raúl, o incremento do prezo do leite no mercado internacional suporá en 2008 o desembolso de tres veces máis do gastado en 2004.

Na produción industrial acontece outro tanto e Cuba precisa, ademais, capital, tecnoloxía e mercados exteriores cos que establecer unha cooperación mutuamente beneficiosa.

O segundo, con todo, paréceme máis importante. O que se desprende do discurso de Raúl é que as reformas deben comezar xa, en vida de Fidel e contando con el, co seu respaldo, indispensable para garantir a cohesión e a unidade partidaria. Sexa cal sexa o desenlace da súa enfermidade, despois dun ano de retirada da primeira liña da vida pública, para Raúl é tempo de actuar, de aplicar medidas imperativas e estimulantes, aínda que sen abdicar da "defensa das ideas" que predica o Comandante en xefe.

Fronte aos que pensan que nada se moverá en Cuba ata que desapareza Fidel, o desafío de Raúl consiste en demostrar o contrario, e lograr incluso que Fidel non se opoña. Veremos se pode facelo. Os primeiros movementos serán lentos, pero semellan tan inevitables como desexables.