Cabo Verde-Guinea Bissau, unha traxectoria común

O arquipélago de Cabo Verde divide as súas illas principais en dous grupos; Barlovento (Boa Vista, Branco, Raso, Sal, San Antonio, Santa Lucía, San Nicolás, San Vicente) e Sotavento (Brava, Fogo, Maio, Rombo, Santiago). Foi descuberto polos portugueses no século XV e utilizado como fornecedor de escravos no comercio coas Indias.

Unha vez rematada a Segunda Guerra Mundial, o movemento de liberación das colonias colle impulso, o que afecta tamén, como é lóxico, ás colonias portuguesas.

Guineanos e caboverdianos unirán os seus esforzos no Partido Africano para a Independencia de Guinea e Cabo Verde, impulsado por Amílcar Cabral, que morreu asasinado en 1973, antes de facerse efectiva a independencia.

A Revolución dos caraveis en Portugal dará lugar ó inicio de conversacións coas colonias propiciando á súa vez o recoñecemento dunha Guinea Bissau independente e a constitución dun goberno de transición en Cabo Verde, que obterá a súa independencia o 5 de xullo de 1975. As dúas colonias pasan a constituírse en estados soberanos, pero baixo a dirección dun mesmo partido. De feito, no II Congreso do PAIGC, celebrado en 1977, formaba parte do programa político a intención de unificar os dous países.

Foi o golpe de Estado de 1980 en Guinea Bissau o que deu ó traste co proxecto unificador ó depoñer a Luís Cabral da Secretaría Xeral do Partido, provocando a formación, en 1981, do Partido Africano para a Independencia de Cabo Verde, PAICV.

Serán os sucesivos fiascos económicos dos gobernos de orientación socialista e a crecente oposición política, os factores que darán lugar a que na década dos 80 se adopten unha serie de Plans Nacionais, con reformas económicas e políticas que terán como consecuencia a celebración dunhas eleccións multipartidistas nas que o Movemento para a Democracia ( MPD ) substituirá ó PAICV no poder.

A pesares do cambio de orientación do novo goberno, que pasa dunha economía planificada a unha economía máis próxima ós estados europeos, este país de expresión portuguesa segue a depender, e moito, da axuda exterior.

As similitudes co caso guineano son múltiples, alto índice de pobreza, alta taxa de analfabetismo, poboacións pequenas…, non hai que esquecer que Cabo Verde está por debaixo do medio millón de habitantes, elemento este agravado polo alto índice de emigración existente. Unha diferencia fundamental é que a República de Cabo Verde non conta, polo menos en principio e de xeito oficial, máis que cunha agricultura pouco desenvolvida e afectada por unha climatoloxía moi irregular, e cunha pesca arcaica, o que non impide que haxa países occidentais interesados en establecer acordos pesqueiros co arquipélago.