20060308 bos aires centro galego 01

Centros Galegos

 Centro Galego de Bos Aires, clic para aumentar
Os Centros deben deixar de ser dos galegos para acoller neles a todos aqueles que están interesados en coñecer Galicia e a súa economía ou cultura e, por iso, deberían multiplicar as súas actividades para captar o interese do conxunto da cidadanía do país de acollida. (Foto: Detalle da fachada do Centro Galego de Bos Aires).
 

Sería desexable que o novo goberno galego impulsara unha visión máis rica en certos aspectos da problemática da diáspora. Cabe saudar o esforzo en materia de clarificación e erradicación de prácticas perversas e mesmo o esforzo por sacudirse algunhas inercias, pero bótase en falla a elaboración dun discurso novo que debe partir da asunción doutra concepción da diáspora e dos Centros Galegos, propostas que complementen a acción social cunha afirmación da achega á nosa paradiplomacia máis activa. Aínda que cheguemos a dispor proximamente das nosas delegacións no exterior, a primeira en América, os Centros Galegos deberían desempeñar un papel clave, en estreito contacto coa Secretaría de Relacións Exteriores.

O primeiro reto a acometer é o da renovación. E no inmediato pode vir por tres vías. Unha primeira, atraendo aos sectores que no pasado estiveron afastados, ben sexa por discrepancias políticas ou por non compartir a propia orientación, tan introvertida, dos Centros. Na diáspora, hai moitos galegos fóra dos Centros que poderían aportar moito a eles e a Galicia. En segundo lugar, facendo dos Centros un punto de referencia para os novos emigrantes, é dicir, os profesionais con formación (ou que precisan ampliala fóra) que hoxe están presentes de forma voluntaria en numerosos países e aos que poderíaselle aportar oportunidades de adaptación e inserción na nova realidade. Por último, abrindo moito máis os centros ás sociedades de acollida, apostando sen medo por unha universalización que os faga menos galegos desde o punto de vista do seu soporte asociativo. Os Centros deben deixar de ser dos galegos para acoller neles a todos aqueles que están interesados en coñecer Galicia e a súa economía ou cultura e, por iso, deberían multiplicar as súas actividades para captar o interese do conxunto da cidadanía do país de acollida.

Os Centros constitúen un faro privilexiado para a proxección exterior de Galicia e poden desempeñar un papel clave na difusión da nosa identidade. Cómpre tirar proveito deles. O seu papel histórico, a veces controvertido, debe gozar de pleno recoñecemento por parte das autoridades e da sociedade galega, pero é tempo xa de formular en común unha estratexia de reformulación que teña en conta as profundas mutacións que experimentou a realidade galega, española e internacional e que brinda novas oportunidades se as sabemos aproveitar.