timor leste mari alkatiri

Chaves na crise timorense

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Mari Alkatiri, clic para aumentar
O eventual desexo de obrigar a Mari Alkatiri a dimitir do seu cargo de primeiro ministro antes das próximas eleccións, que terán lugar en 2007, debe tamén ser tido en consideración, na medida en que puido incidir no enrarecemento da crise e poderá influír na evolución dos acontecementos no futuro inmediato. As razóns para a existencia deste anseio poderían ser internas e/ou externas.
 

Após a proclamación oficial polo presidente Xanana Gusmão da independencia de Timor Leste a 20 de maio de 2002, a atención mediática, intensa desde primeiros dos anos 90 cando se coñeceron os formidábeis abusos sufridos polos timorenses baixo a ocupación indonesia, relaxouse até o punto de se ter a impresión de que todas as dificultades tiñan sido ultrapasadas e que, agora, xa só restaba encamiñarse na dirección da consolidación democrática e crecemento da economía e xustiza social.

No entanto, a recente crise militar e a súa dexeneración en accións violentas das que se teñen derivado mortes, mesmo horríbeis, notábel destrución material e tensións sociais e institucionais, volta a traer o Timor aos medios e á actualidade para facer ver que o seu camiño cara ao desenvolvemento non será fácil. Semella, pois, oportuno realizar unha exposición, sequera groseiramente breve e non exhaustiva, dalgúns dos principais factores a ter en conta na situación actualmente padecida por Timor, a fin de contribuír a comprender mellor até onde pode chegar esta crise e até que punto o desexábel desenvolvemento timorense en todos os ámbitos pode verse obstaculizado.

Loromonú vs Lorosae

A poboación timorense pode ser dividida en dous grandes grupos, máis territoriais do que étnicos: os loromonú, que serían as persoas nacidas nos dez distritos occidentais do país, e os lorosae, que serían as persoas nacidas nos tres distritos orientais. É esta fractura a que explica, por exemplo, que as milicias proindonesias chegasen a propor inmediatamente antes do referéndum de 1999 a segregación do actual Timor Leste en Timor loromonú, que debería continuar a ser indonesio, e Timor lorosae, que debería pasar a ser independente.

Desta división xorde unha clivaxe social na que, segundo os propios militares rebeldes, está a orixe da crise, ao consideraren que os loromonú teñen menos posibilidades de accederen a promocións de rango e, porén, teñen máis probabilidades de sufriren os rigores da disciplina militar en comparación cos lorosae. Os militares rebeldes, maioritariamente loromonú, esixen medidas que muden este estado de cousas.

Ex-combatentes vs novos militares

Algúns analistas apuntan a posibilidade de que a verdadeira división no seo das forzas armadas e mesmo noutros ámbitos estea na pertenza, ou non, durante a invasión indonesia ás Falintil, forzas de resistencia cuxo nome manteñen as actuais forzas armadas timorenses, ou ao Fretilin, partido actualmente no poder e impulsor da creación das Falintil en 1975. Deste modo, a pertenza no pasado a estas institucións facilitaría a promoción e o mellor trato, en detrimento das persoas sen tales credenciais.

Presidencia e Goberno perante a crise

A Presidencia e o Goberno timorenses incorreron en erros graves na xestión da crise, tendo así contribuído non só ao seu prolongamento, senón tamén ao seu acirramento: dun lado, Xanana Gusmão, que goza do respecto dos militares rebeldes, que ostenta o cargo de comandante supremo das Forzas Armadas e ao que os tales militares pedían directamente a axuda probabelmente, deixou de dedicar a atención e o acompañamento que a situación esixía, chegando mesmo a ausentarse do país durante uns días nos primeiros tempos da mesma. Doutro lado, a decisión gobernamental de expulsar aos militares rebeldes das forzas armadas pasando a consideralos civís foi drástica e antes pretendeu evitar o problema de enfrontalo e solucionalo. A escenificación pública do conflito entre a Presidencia da República e o Goberno despois da decisión que vimos de referir encoraxou aos rebeldes ao vérense apoiados, non sen razón, pola pola Presidencia… e aínda se poderían referir outras actuacións de oportunidade cuestionábel.

Frustración de expectativas

A independencia de Timor Leste en 2002 xeraba unhas expectativas económicas (entre outras) na poboación difíciles de satisfacer, polo menos, no curto ou medio prazo. A frustración derivada do feito de non se teren alcanzado as tales expectativas, acentuada aínda pola grave situación de necesidade en que o groso da poboación vive, podería axudar a entender a violenta derivada da crise e a suma de determinados grupos tendencialmente irascíbeis, conformados por mozos subsistentes na marxinalidade, ás protestas militares.

Mari Alkatiri

O eventual desexo de obrigar a Mari Alkatiri a dimitir do seu cargo de primeiro ministro antes das próximas eleccións, que terán lugar en 2007, debe tamén ser tido en consideración, na medida en que puido incidir no enrarecemento da crise e poderá influír na evolución dos acontecementos no futuro inmediato. As razóns para a existencia desta arela poderían ser internas e/ou externas.

Do punto de vista interno, desta arela podería derivarse da identificación por parte dos soldados rebeldes da incapacidade para resolver os seus problemas coa figura do máximo responsábel do Goberno e/ou do sentimento xa referido de frustración en relación á actual situación económica do país (o máis pobre da Asia) e/ou do carácter brusco no modo de gobernar, o país e o seu partido, a el atribuído. A isto poderían aínda engadirse outros factores que, en momentos como o actual, con certeza non axudan ao nivel de popularidade do primeiro ministro, como o feito de ser musulmán nun Estado cun 90% de católicos ou de se ter exiliado durante a invasión indonesia.

Do punto de vista externo, non deixa de haber quen apunte intereses, nomeadamente estadounidenses e australianos, para mudar o actual primeiro ministro e tentar gañar influencia sobre Timor. No caso australiano non debemos esquecer que Mari Alkatiri foi un negociador especialmente duro na causa do petróleo situado na fronteira entre ambos os Estados, cuxa explotación hoxe compartillan. Os australianos, de feito, teñen feito duras críticas ao Goberno timorense durante a xestión da crise. No que atinxe aos Estados Unidos, o achegamento impulsado por Alkatiri a países como a China ou Cuba podería estar a xerar algunha inquedanza. Alén diso, estes ou outros países poderían estar fortemente interesados en que as súas empresas exploten os recursos timorenses, e moi especialmente o seu petróleo, o que chocaría frontalmente co que a profesora universitaria australiana Helen Hill ten cualificado de “política económica nacionalista” de Mari Alkatiri, máis interesada na explotación estatal deses recursos.