O ministro de defensa, Serguei Ivanov, envía mensaxes intermitentes de signo contrario. Uns van na dirección da pronta retirada das tropas rusas que invadiron Chechenia por mor da teórica normalidade que progresivamente se asenta na zona, outras mensaxes camiñan en dirección oposta e propoñen un incremento no número de efectivos na infantería para facer fronte aos múltiples a ataques indiscriminados da guerrilla chechena. Moscova non da esmagado pola forza aos rebeldes independentistas, aínda que utilice obscuros medios de limpeza étnica, métodos que lle valeron a condena da Comisión de Dereitos Humanos da ONU.
¡Por fin! Chegou a condena internacional a Rusia. Cando xa moitos daban por boa a teoría de que Rusia era un país demasiado importante como para ser amonestada pola salvaxe limpeza étnica posta en marcha na República de Chechenia, veu a decisión da comunidade internacional. Reunida en Xenebra, o 21 de abril, a Comisión de Dereitos do Home aprobaron a resolución presentada pola Unión Europea, pola que se condena a Moscova, por ter feito un uso desproporcionado da forza utilizado pola forzas de seguridade e polas insuficientes medidas tomadas para erradicar os abusos en Chechenia.
Segundo esta instancia internacional Moscova non ten dado resposta satisfactoria ás demandas expostas pola Comisión, durante o ano pasado, e demandan a constitución dunha Comisión de Investigación Nacional, da que formen parte personalidades de recoñecido prestixio internacional.
Suave retórica diplomática para denominar a barbarie coa que Putín se consolidou no poder masacrando nos rebeldes chechenos.
A violencia indiscriminada non é só patrimonio dos rusos. Ao día seguinte desta resolución, seis policías eran asasinados e cinco gravemente feridos nunha acción armada en Gudermes, onde un comando da guerrilla chechena (composta por uns 7.000 homes), voou un edificio. Nesa mesma semana, os partes do conflicto redactados polo estado maior da tropas federais, documentaban 142 ataques e emboscadas, e 150 casos de colocación de explosivos ou minas.
Pero non hai comparación imposíbel. A limpeza étnica practicada por Milosevíc no Kosovo, multiplícase por dez na república norcaucásica.
Acumúlanse as testemuñas da limpeza practicada polo exército ruso ou polas mercenarias Kontrakniki, pese a ter prohibida a presencia de xornalistas na fronte, da censura militar á información por Razóns de Estado e de ter rexeitado en diversas ocasións a petición da HRW ( Organización na defensa dos Dereitos Humanos) para poder comprobar a situación In situ.
Atácase con artillería, na máis absoluta impunidade, ata os enterros. Os campos de concentración, que reciben o eufémico nome de Campos de Filtración, tanto agora, como na guerra do 94-96 son unha dramática realidade. O roubo, o saqueo, a pillaxe acompañan a cada acción militar ou as visitas a civís que nada teñen que ver co conflicto.
Quizais sexa unha lixeira condena para masacre de tal magnitude, caseque desapercibida na opinión pública mundial, pero é un raio de esperanza para os que propugnan a vixencia dun código de actuación universal na a persecución da vulneración dos Dereitos Humanos, alí onde se produza o incumprimento. E os datos aparecidos nas últimas semanas apuntan cara á boa dirección. Un último dato para a esperanza, o xoves 3 de maio eran os EE UU os que perdían o seu posto na Comisión dos Dereitos do Home na ONU, no que permanecía dende 1947. A nefasta política aplicada no Oriente-Medio, a decisión do unilateral de crear un escudo antimisís, a oposición ao Tribunal Penal Internacional, o desmarque do protocolo de Kioto ou o rexeitamento ao acceso universal aos medicamentos contra do SIDA…pasaron factura aos EE UU, por primeira vez dende dende hai máis de medio século.