China e Xapón ante a “crise Senkaku”

O pasado 5 de novembro, un vídeo no que se observa un choque cunha patrulleira da Axencia de Seguridade Marítima de Xapón preto das Illas Senkaku (Diaoyutai en chinés), foi posteriormente publicado no portal Youtube.

Cunha duración de 44 minutos, este vídeo non se deu a coñecer aos xaponeses ata o día seguinte. A súa longa duración  contrastaba con outro anterior de 6 minutos editado pola Fiscalía de Distrito Naha, entregado á Cámara de Representantes e visionado soamente por 30 parlamentarios. Este vídeo estaba en mans da Fiscalía e a Axencia de Seguridade Marítima, por iso existen moitas posibilidades de que fora filtrado por persoal interno destas institucións. O ex primeiro ministro Yukio Hatoyama, comentou ao respecto: “o golpe de estado informativo perpetrado por un funcionario do goberno é un asunto serio para a Administración” xaponesa.

Xapón enfróntase a este novo episodio dos problemas territoriais con China desde setembro pasado, cando unha patrulleira de Axencia de Seguridade Marítima de Xapón e un barco pesqueiro de China chocaron preto das Illas Senkaku e Xapón detivo o capitán do barco chinés. China esixiu inmediatamente a liberación do capitán, reclamando que as Illas Senkaku son territorio chinés. Pola súa banda, Tokio mantén a tese de que as Illas Senkaku son territorio propio xaponés e que, polo tanto, non existe  problema territorial no Mar de China Oriental.

O primeiro ministro chinés, Wen Jiabao, advertiu o pasado 21 de setembro que tomaría medidas contra Xapón. Ao cabo de dous días, China limitou a exportación das denominadas “terras raras” a Xapón, necesarias para a industria en eidos como vehículos de cero emisións, produtos de alta tecnoloxía, etc. Paralelamente, reiterábanse as protestas fronte á Embaixada de Xapón en Beijing e a Escola Xaponesa en China. Ante esta polémica, Tokio liberou ao capitán o 24 de setembro. A Fiscalía explicou entón, “tendo en conta a influencia nos pobos xaponés e chinés e a relación futura entre Xapón e China, sería contraproducente continuar as pescudas co capitán detido”.

Con todo, a pesar da liberación do capitán, a relación entre Xapón e China non mellorou. China continuou aplicando unha política de “liña dura” con respecto a Xapón. O 29 de outubro, foi cancelado de súpeto un cumio en Hanoi (Vietnam) entre Xapón e China. O secretario adxunto de Asuntos Exteriores de China, Hu Zhengyue, explicou que “Xapón estragou o clima bilateral” e que “Xapón debe cargar coa responsabilidade”.

En Tokio multiplícanse as críticas contra o que consideran unha “actitude branda” por parte do goberno xaponés cara China. Ademais, desconfían do gabinete porque ocultou a verdade do choque preto das Illas Senkaku ao non amosar o vídeo publicamente. Por iso, a circulación do vídeo en Youtube sería unha manifestación do enfado interno.

Por mor da filtración, o goberno xaponés xa non poderá ocultar a verdade, “pechando os ollos” da súa sociedade, deixando en suspenso o “problema Senkaku”. Permitindo a publicación deste vídeo de 44 minutos, o goberno xaponés estaría intensificando indirectamente as demandas sociais para que se publique a versión completa deste vídeo, que dura máis de dúas horas. O pasado 5 de novembro a Embaixada de China pediu referencias sobre a filtración deste vídeo, e despois, por conduto diplomático, China informou do seu interese e a súa preocupación.

Por iso, existen dúbidas sobre a realización dun cumio bilateral entre China e Xapón, previsto no Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico, que se celebrará en Yokohama a partir do próximo 13 de novembro. Aínda que se leve a cabo, tardará tempo en mellorar a relación entre ambos países sen antes aclarar a verdade e comprendela mutuamente. Pero para Xapón, o máis preocupante é que os seus respectivos problemas territoriais con Rusia, Corea do Sur e outros países requentaranse de continuar esta actitude “branda” con China.