Viaxe oficial de Fumio Kishida a Canadá, 12 de xaneiro do 2023. Fonte: Oficina do Primeiro Ministro de Canadá.

Os retos de Xapón no 2023

Reflexionando sobre o pasado, Xapón acadou estabilidade durante o goberno de Shinzo Abe, especialmente desde o seu segundo gabinete no 2012. A súa repentina dimisión como primeiro ministro en 2020 e o seu asasinato en 2022 marcaron un fito na historia de Xapón. Cara a onde se dirixe o Xapón na era posterior a Shinzo Abe?
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Asia

Tres políticas importantes do goberno de Kishida. O Goberno do actual primeiro ministro Fumio Kishida elaborou un borrador do orzamento nacional de 2023 (abril 2023-marzo 2024) que contará cunha contía de 114 billóns de iens, será o maior da historia (aprox. 0,8 billóns de euros). O proxecto orzamentario xa foi aprobado no consello de ministros a finais do ano pasado e agora está a ser discutido na Dieta (Asemblea Lexislativa do Xapón). Hai tres políticas importantes; o aumento do gasto en defensa, o reforzo das políticas para a infancia e a transformación verde (GX, Green Transformation).

Xapón planea aumentar o gasto en defensa entre os anos 2023 e 2027, o que sumará 43 billóns de iens (aproximadamente 0,3 billóns de euros). Xapón freara o gasto en defensa a partir de 1976 e non superou ao longo deste tempo o 1% do PIB. De levarse a cabo este aumento do gasto en defensa, alcanzaría o 2% do PIB e Xapón será o terceiro país que máis gasto en defensa inviste do mundo, despois de EEUU e China. Durante o goberno de Shinzo Abe, impulsouse a política cara á remilitarización de Xapón, e agora o goberno de Kishida segue as súas ideas.

Xapón é unha sociedade de baixa natalidade. A taxa de fecundidade total de Xapón en 2022 será de 1,27 e o número de persoas vai diminuíndo cada ano desde 2011. Mentres que a poboación de entre 15 e 64 anos está a diminuír, a poboación de 65 anos ou máis está a aumentar. Hai varias razóns para este fenómeno, pero os valores que cambian rapidamente entre a poboación moza inflúen nesta tendencia, é dicir, o número de persoas xaponesas que non queren casar está a aumentar. A taxa de solteiros vitalicios era inferior ao 5% en 1990, pero agora chega ao 28,3% (homes) e ao 17,8% (mulleres). Xeralmente dan a luz fillos despois do matrimonio en Xapón, polo que a baixa taxa de nupcialidade significa unha baixa taxa de natalidade. En abril de 2023 establecerase unha Axencia para a Infancia e a Familia, que reforzará a política de parto. Incrementarase a contía do subsidio por parto, e tamén prestaranse novos apoios á familia cando a muller estea embarazada e dea a luz.

En canto á transformación verde (GX) o goberno de Xapón ten previsto investir en GX máis de 150 billóns de iens (aproximadamente 1 billón de euros) con iniciativa pública e privada nos próximos 10 anos. Para acadar este obxectivo, o goberno emitirá un novo tipo de bonos do Tesouro do Estado.

Perspectivas en 2023. Existe un consenso importante en destinar o orzamento nacional a sectores prioritarios para construír unha sociedade sostible. Ao tempo, arredor de Xapón hai tensións na política internacional. Mais tamén, dentro de Xapón hai moitos problemas que resolver, nunha sociedade cada vez máis envellecida e con menos fillos.

Non obstante, para realizar estas políticas, necesítanse recursos financeiros. E como as finanzas públicas de Xapón continúan nunha situación moi grave, existe a posibilidade de que se incrementen os impostos. A maioría dos xaponeses non están de acordo con esta política.

Segundo as enquisas de opinión, o índice de popularidade do goberno de Kishida é inferior ao 30%, o que supón un nivel perigoso para manter o goberno. Polo de agora, ao non ter eleccións nacionais este ano, non está previsto ningún cambio político. Sen embargo, Kishida terá que explicar como facer cos ingresos para levar a cabo as súas políticas e recuperar a súa popularidade antes da renovación do seu mandato como líder do Partido Liberal Democrático (LDP) en 2024.