Chipre: virtudes e carencias no papel da ONU

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

A semana pasada as negociacións sobre o plan de reunificación das Nacións Unidas terminaron sen acordo entre os políticos greco e turcochipriotas. Agora o poder está nas mans do pobo chipriota, que decidirá sobre este plan nun referendo o vindeiro 24 de abril, unha semana antes da entrada de Chipre na Unión Europea. Se a poboación de calquera das dúas partes vota "non" á reunificación, só ingresará na Unión o 1º de maio próximo a parte grega de Chipre.

A Unión Europea, como a ONU, recoñece o fracaso dos líderes políticos no terreo diplomático; non embargante considera o referendo sobre o "Plan Annan", o tratado segundo o cal se reunificarían as partes greco e turcochipriota, como unha victoria da democracia porque lle da á cidadanía o poder de decidir sobre o seu futuro. Mais, ¿é tan democrático ofrecerlle ó pobo as opcións: ou o plan da ONU ou ningún plan? ¿é lexítimo que unha organización non elixida democraticamente sexa a institución que ofreza a única posibilidade de acabar con máis de trinta anos de división e violencia? E ¿que concepción da democracia é esta que non recoñece o dereito a elixir entre varias opcións coma vector fundamental da súa lexitimidade? E, por último, como pode ser que a ONU teña un papel tan feble, non pola súa falta no uso da forza, senón pola falta de democracia nas súas decisións?

Mahatma Gandhi dixo unha vez que a democracia non pode ser imposta dende fóra. Ten que desenvolverse dende dentro. En 1960 houbo unha primeira tentativa para imporlle un compromiso á illa deseñada polos Estados Unidos e Inglaterra que pouco despois provocou a creación da liña verde, símbolo do enfrontamento entre as dúas partes chipriotas. A situación actual é algo diferente, tanto no que atinxe ao ámbito internacional coma en canto á situación interna de Chipre, e favorece a reunificación: os turcochipriotas (e Turquía) esperan formar parte da eurozona o antes posible, e os grecochipriotas, se excluíren á parte turca polo referendo, recoñecerían á vez ó norte como un estado independente.

A decisión "si ou non" ó "Plan Annan" non pode ser considerada democrática, porque democracia significa, en primeiro lugar, telo dereito a elixir entre varias opcións. Como o formulou Jeannine Luczak, considerada una verdadeira institución no mundo do saber literario: "Democracia significa poder elixir. Dictadura significa ter que elixir". Ademais, a única opción ofrecida non procede dos representantes políticos democraticamente elixidos polos pobos das dúas partes, senón do secretario xeral da ONU, unha organización non democraticamente configurada e abondosa en déficits democráticos. A intención da ONU é probablemente a máis sincera e respectable, pero iso non exclúe analiza-lo papel desta organización que tanto inflúe no devir internacional, aínda que a percepción da súa importancia fora minguada pola política actual dos EEUU.

A ONU non é unha organización democrática, porque non é elixida democraticamente pola sociedade mundial, nin o é no xeito en que se define o acceso á organización (o caso de Suíza que decidiu democraticamente o acceso á ONU hai dous anos foi unha excepción), nin no que afecta aos representantes da ONU nos diferentes gremios en que se configura o peculiar universo onusino. O mesmo Consello de Seguridade é un exemplo da desigualdade e da falta de democracia que existe dentro da organización, cuxas decisións afectan ós pobos de todo o mundo. Johan Galtung, un dos teóricos do ámbito dos conflictos internacionais máis importantes, introduciu a idea da creación dun parlamento na ONU, elixido pola poboación mundial coa fórmula un escano por cada millón de habitantes. Aínda que a idea semella imposible de realizar, sería moi interesante ve-la reacción dos países "desenvolvidos" ante esta realidade democrática, que daría a China máis de 1.200 escanos, case tanto coma o que estes países xuntos poderían obter nun proceso electoral.

O caso de Chipre é só un exemplo que ven a demostrar que a lexitimidade da ONU está en perigo e que é imprescindible cambiar e mellora-los seus órganos e a súa efectividade. O valor da ONU é único neste mundo, pero iso non a converte en sagrada e tampouco xustifica o conservadorismo desta organización, que existe dende hai tan só 60 anos. Necesitamos unha organización que resolva conflictos cun mínimo de violencia e un máximo de mediación, tal e como é o obxectivo da ONU, pero ten que ser unha organización que conte co apoio e a lexitimidade do pobo mundial, non só dos "países avanzados".

Os chipriotas decidirán se a opción presentada pola ONU é mellor para o futuro do seu país, ou dos seus países, no caso de rexeitamento do "Plan Annan", coa consecuencia da división permanente da illa. O "Plan Annan" é unha tentativa de acabar coa longa historia de inimizade entre os dous pobos chipriotas. Pero mesmo se o pobo acepta o plan, os problemas internos non rematarán. A lexislación da Unión Europea outorga aos cidadáns comunitarios o dereito a vivir onde queiran, pero o plan de paz só funcionará se os grecochipriotas respectan á poboación na parte norte e non comezan a sobrepoboar este enclave, que ten un nivel de vida máis alto que a parte grecochipriota. O futuro da illa non depende do plan das Nacións Unidas, senón da boa vontade de ámbalas dúas partes, aviada a convivir pacificamente nun país unido por necesidades políticas.