A importancia do sector pesqueiro na actividade internacional de Galicia
2018 12 28

Conxemar, unha gran feira internacional organizada en Galicia

Durante a 1ª semana de outubro, e xa van 24 anos, Vigo convértese na capital mundial dos produtos do mar conxelados, a través da feira organizada pola Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (CONXEMAR).
Liñas de investigación Paradiplomacia Economía
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave marketing territorial
Idiomas Galego

Trátase dunha reunión de empresas e institucións que congregaron na última edición a 767 expositores de 110 países diferentes(1) en 40.000 m2 de espazo expositivo no Instituto Feiral de Vigo, situándose como un dos referentes a nivel global canda outras feiras como a Seafood Expo Global (actualmente en Barcelona), a Seafood Expo North America (en Boston) ou a China Fisheries & Seafood Expo (en Qingdao)(2).Calcúlase que o impacto económico que deixa na Comarca de Vigo e arredores ascende a uns 50 millóns de euros(3), sobre todo na hostalaría, e confírelle á cidade un ambiente multinacional que se nota ben na rúa.

O feito de que se celebre en Vigo reflicte a importancia histórica da industria pesqueira galega, condición que se viu recoñecida no ano 2005 coa asignación a esa cidade da sede da Axencia Europea do Control da Pesca(4).

Conxemar tamén implica a realización de simposios e encontros paralelos con profesionais e expertos internacionais que debaten sobre cuestións concretas relacionadas cos produtos do mar conxelados, por exemplo nos ámbitos técnico ou xurídico, e permiten coñecer as últimas tendencias e innovacións que se veñen desenvolvendo no mercado internacional.

A transcendencia de Conxemar é que se está consolidando como lugar de encontro de provedores, clientes e institucións do sector a nivel mundial, tal como acredita a celebración periódica do Congreso da FAO(5) (que xa vai por 11 edicións) ou a presencia habitual de ministros de pesca doutros países, como Italia ou Namibia neste ano, o cal supón un reforzamento de Galicia como marca-país polo prestixio, visibilidade e recoñecemento internacional que leva aparellados.

2018 12 28 1

Organizar unha feira destas características é moi necesaria nun territorio pequeno coma o noso por razóns económicas, pero tamén por alicerzar a nosa autoestima colectiva. Ademais, nun tempo no que existe o risco de que o capital de moitas das empresas insignes neste sector remate en mans foráneas (Pescanova, Iberconsa..), a celebración de Conxemar axuda a mantelo vencello con Galicia. Aínda que se di que o diñeiro non coñece fronteiras, é importante que os propietarios do capital comprendan o ámbito de actuación das súas firmas e que saiban de onde proceden.

Alén da importancia de Conxemar per se, supón un fito que unha feira galega compita con tanto éxito no circuíto internacional de eventos sectoriais, co interese engadido de que se celebra anualmente, non só de maneira puntual, o cal axuda a amplialas nosas capacidades organizativas a base de aprender coa experiencia. Ademais, permite contactar con moitas compañías inseridas no circuíto global de aprovisionamentos de materias primas e de venda de produtos do mar, facilitando a realización de negocios futuros das nosas empresas.

Non deixa de resultar curioso que Vigo, porta tradicional de saída da emigración galega a América, se convirta grazas a Conxemar nun lugar de entrada de persoas e empresas de distintas latitudes. Ademais, a feira celébrase a carón do aeroporto de Vigo, coñecido polo nome dun empresario (Enrique Peinador(6)) que exemplificou na súa vida a vinculación e compromiso coa nosa terra. Anecdoticamente é de salientar que o nome da asociación de maioristas a nivel estatal estea en galego (Conxemar), circunstancia que é difícil de ver en calquera outro ámbito. Neste éxito cómpre lembrar a figuras como Valentín Paz-Andrade, que durante moitos anos traballaron arreo no campo organizativo a prol do progreso da pesca de altura.

Como conclusión cabería dicir que, para a mellora da autoestima colectiva e para reforzar Galicia como unha potencia pesqueira malia os movementos do capital, a existencia e consolidación de Conxemar constitúen unha ferramenta moi útil que debe seguir medrando co apoio das propias empresas asociadas, e tamén das administracións implicadas, dotando ao IFEVI do espazo e recursos necesarios e apoiando ao sector en tódolos ámbitos, nomeadamente no estatal e no da UE.


Referencias bibliográficas:

  1. https://www.conxemar.com/es/conxemar-2023-reune-a-26-736-compradores-y-proveedores-de-110-paises-en-una-nueva-edicion-historica/
  2. https://www.krustagroup.com/en/seafood-exhibitions/
  3. https://industriaspesqueras.com/noticia-77076-seccion-ferias_y_Exposiciones
  4. https://european-union.europa.eu/institutions-law-budget/institutions-and-bodies/search-all-eu-institutions-and-bodies/european-fisheries-control-agency-efca_en
  5. https://www.conxemar.com/es/el-xi-congreso-internacional-conxemar-fao-pone-el-foco-en-los-productos-del-mar-por-su-contribucion-a-una-mejor-produccion-nutricion-y-medio-ambiente/
  6. http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/99959-enrique-peinador-lines-memoria-dun-empresario-galeguista