Silar-Creative Commons Attribution-Share Alike 4.0

Un cambio en Polonia

Tras dúas eleccións parlamentarias consecutivas obtendo maioría absoluta, o partido ultra-conservador PiS (Prawo i Sprawiedliwość; Lei e Xustiza en galego) volvería a gañar as eleccións parlamentarias en Polonia, iso sí perdendo a maioría no Sejm, a Cámara baixa polaca. A perda destes 41 asentos abrirá a posibilidade á oposición polaca de formar un Goberno alternativo no Parlamento que terá que convivir cunha Presidencia do Goberno que seguirá dirixida por PiS ata as eleccións presidenciais do ano 2025.
Liñas de investigación Relacións Internacionais Unión Europea
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Polonia Eleccións 2023
Idiomas Galego

Unha xornada electoral moi longa, que nalgunhas localidades se vería extendida ata as tres da madrugada por mór das extensas colas para votar, equivaldría a un longo reconto de votos, que tras algo máis de vintecatro horas, remata. Estas inmensas colas de polacos ás portas dos colexios electorais foi unha imaxe que se vería repetida tamén no estranxeiro, sendo isto unha mostra da enorme participación cidadá nestes comicios.

As últimas eleccións parlamentarias polacas dende o 2015 viñan marcando unha dinámica clara respecto á participación electoral, en 2015 situabase no 50,92%, aumentando ata o 61,7% no 2019 e situándose nestas últimas eleccións por riba do 74%; a maior participación electoral en Polonia dende 1919 (1). Neste senso, estamos falando dun aumento significativo de 12 puntos, que se ben nos anteriores comicios provocaría a perda da maioría de PiS no Senado, desta vez provoca tamén a perda da maioría parlamentar. Neste proceso electoral, o Goberno engadiría un elemento máis, un referendo, co que pretendían mobilizar aos seus votantes. Ante esta situación, a oposición chamaría aos cidadadáns ao boicote, isto veríase traducido nunha escasa participación, que rozaría o 40%; sendo deste xeito invalidado, posto que era preciso un mínimo do 50% para poder obter carácter vinculante.

Cómpre prestar atención ás cuestións do propio referendo, onde se preguntaría aos polacos sobre a súa opinión en relación a catro temas de actualidade en Polonia. Estes temas estarían relacionados coa privatización de empresas públicas polacas, o aumento da idade de xubilación, o apoio a eliminar o muro recentemente construído entre Polonia e Bielorrusia, e por último, a pregunta máis polémica, o apoio a admitir a miles de inmigrantes ilegais de Oriente Medio e África de acordo co novo mecanismo de reubicación forzosa imposta pola burocracia europea (2).

Este mesmo mecanismo foi empregado xa noutros países por Gobernos como o de Viktor Orbán en Hungría, onde no ano 2022 aproveitando tamén as eleccións parlamentarias, preguntaba aos cidadáns sobre á ensinanza de contidos LGTB no ámbito escolar, este referendo tamén sería invalidado por non chegar ao porcentaxe mínimo de participación (3).

Se poñemos atención de novo no referendo presentado en Polonia e analizamos o xeito no que se formula a última das preguntas, podemos claramente discernir o gran sesgo presente na cuestión. Este xeito de actuar é unha boa mostra do funcionamento do PiS, xa non só a nivel interno, se non externo, mantendo unha posición moi crítica coas políticas migratorias de Unión Europea.

Esta confrontación, non sería a única mantida dun xeito aberto entre o Goberno polaco e a propia Unión nos últimos anos. Tralas eleccións presidenciais e parlamentarias do 2015, o PiS pasaría a controlar tanto o poder lexislativo como o executivo, no que se estreaba dende ese mesmo ano o actual Presidente do Goberno, Andrzej Duda. Neste contexto, o novo Goberno trataría de facerse co control do poder xudicial, a través do Tribunal Constitucional, xerando así un complexo conflito político-xudicial entre Varsovia e Bruxelas que ata a día de hoxe segue aberto. Este proceso comezaría a partires do bloqueo por parte do Parlamento, dos cinco xuízes propostos polo anterior Goberno e a substitución destes por cinco xuíces afíns ao PiS, tendo así control total do Tribunal, que pasaría a estar formado por 15 xuíces elixidos polo Goberno entrante. Ante esta situación a Comisión Europea comezaría unha investigación na que consideraban “unha situación de risco para o Imperio da Lei en Polonia” (4).

Esta situación provocaría dende entón numerosos episodios de enfrontamento coa Unión Europea, debido á implementación de diversas Leis que dende Bruxelas consideraban contrarias á Lexislación Europea.

A causa desta realidade política e xudicial, o Goberno polaco aproveitaría a situación para introducir e aprobar unha Lei que se ben promulgaba a “pluralidade, obxectividade e imparcialidade” dos medios de comunicación públicos, remataba por ser unha ferramenta para controlar a TVP, a empresa de radio e televisión pública de Polonia. Esta Lei provocaría a destitución dos altos cargos da TVP, que comezaría a depender directamente do Ministerio de Finanzas. Unha nova Lei aprobada no 2016 substituiría ao Ministerio de Finanzas como responsable do organismo público, creando o Consello Nacional de Medios de Comunicación que estaría formado por cinco membros, escollidos cada seis anos, tres sendo escollidos polo Sejm, e os outros dous polo Presidente. Este movemento foi un claro exemplo das intencións do PiS por controlar os medios de comunicación públicos polacos.

Outra cuestión moi relevante que envolveu de xeito directo ao Tribunal Constitucional e por ende, ao propio Goberno conservador, sería a declaración do propio tibunal no 2021, que consideraba como inconstitucional o aborto en casos onde o feto tivera malformacións xenéticas, posto que vulneraba o dereito á vida. Hai que ter en conta que segundo datos do Ministerio de Saúde polaco, no 2019 serían realizados un total de 1,110 abortos, dos cales 1,074 serían realizados debido á alta probabilidade de defectos fetais graves e irreversibles (5). Deste xeito, o aborto legal quedaría restrinxido a casos de violacións, incesto ou en casos onde a vida da nai correra perigo. Ante esta situación, a cidadanía polaca protestaría durante meses a través de mobilizacións masivas ao longo de todo o país, sen embargo, o Goberno non se retractaría, mantendo a Lei ata día de hoxe. Dende entón veñen rexístrandose casos de neglixencias médicas e vulneración dos dereitos dos pacientes, onde os médicos, a pesares de estar a vida da nai en risco, néganse a realizar abortos. Esta medida provocaría a morte de polo menos catro mulleres en Polonia dende 2021 (6).

O resultado electoral será sen dúbida cuestión de análise nas próximas semanas, nas que veremos cal é a posición do Goberno de Duda ante o novo escenario político. O Presidente polaco, que foi un actor moi relevante ao comezo do reavivamento do conflito na Ucraína, convertiuse nunha figura de referencia durante os primeiros intres da guerra, ofrecendo axuda aos ucraínos que fuxían cara as fronteiras polacas. Isto serviulle a PiS para reforzar a súa posición nas enquisas durante eses primeiros meses de conflito. Sen embargo, quizais a axuda desmedida, sumada ao clima interno no país respecto a continúa e progresiva inflación poderían ter provocado que certos sectores políticos máis conservadores e de corte máis nacionalista, perderan como referencia a PiS.

No que respecta ao novo escenario político, onde a oposición conta con maioría tanto no Sejm como no Senado será de interese ver como tres coalicións de partidos tan diversos chegan a acordos. Todo semella a que será un membro da Coalición Cívica (Koalicja Obywatelska), o principal partido da oposición, de corte liberal conservadora e encabezada polo exprimeiro ministro Donald Tusk, quen propoña un candidato para Primeiro Ministro na segunda ronda. Para isto terá conseguir os apoios das outras dúas coalicións: Terceira Vía (Trzecia Droga), de corte conservador e cunha forte orixe no agrarismo; e por último a Nova Esquerda (Nowa Lewica), dun corte máis marcadamente progresista. As tres coalicións de partidos comparten a forte oposición ao Goberno e a perspectiva de achegamento a Bruxelas e neste senso terán a obriga de chegar a acordos se queren un cambio de rumbo en Polonia.

Todo isto ocorrerá ante a atenta mirada dun Andrzej Duda que se ben perde moito poder, xa que coa formación do novo Parlamento perderá o control do Tribunal Constitucional, non lle porá as cousas sinxelas ao novo poder lexislativo, posto que aínda conta cun poder de veto co que poderá ralentizar os cambios que de seguro chegarán nesta nova lexislatura.

Recursos

  1. https://wybory.gov.pl/sejmsenat2023/en/frekwencja/pl
  2. https://referendum.gov.pl/referendum2023/en/wyniki/pl
  3. https://www.valasztas.hu/web/national-election-office/parliamentary-elections-2022
  4. https://ec.europa.eu/commission/presscorner/detail/en/ip_16_2015
  5. https://sejm.gov.pl/Sejm9.nsf/InterpelacjaTresc.xsp?key=BZK9UR#:~:text=Z%20danych%20Ministerstwa%20Zdrowia%20wynika,ci%C4%99%C5%BCkich%20i%20nieodwracalnych%20wad%20p%C5%82odu
  6. https://apnews.com/article/poland-abortion-death-sepsis-protests-8b6a8b9451cb7cdfb0325a5c0a67c1d3
  7. https://www.politico.eu/article/law-vs-justice-poland-constitution-judges/