En definitiva, tutti contenti, aquí paz e , para algúns, por qué non, tamén groria… Despois do rechazo, no 2002, pola pobación xibraltareña dos arranxos hispano-británicos, co Goberno Aznar, de devolución a España previo o período de cincuenta anos de soberanía compartida cos ingleses, o Goberno español actual, sabedor das suas limitacións políticas e xurídicas e confiado en que un futuro europeo unido lime as diferenzas históricas pendentes, parece optar pola vía do posibilismo, pensando máis nos problemas concretos do día a día, aínda que, iso sí, mantendo, en boa medida, para a galería que as cuestións da soberanía “irrenunciabel” sobre Xibraltar, ao marxe do Foro Trilateral (España, Reino Unido e Xibraltar), discútense bilateralmente co Reino Unido no chamado Proceso de Bruxelas (desde 1984, sen ningunha presa polo que se ve…). Anualmente, á súa vez, as Nacións Unidas instan aos Gobernos británico e español para que, tendo en conta os intereses e as aspiracións de Xibraltar, cheguen a unha solución definitiva da cuestión de Xibraltar á luz das resolucións pertinentes da Asemblea Xeral e dos principios aplicabeis, de conformidade co espírito da Carta das Nacións Unidas… (sen atreverse, por certo, éstas a ir cara unha maior institucionalización e solución pacífica dos conflictos aportando novos criterios tanto neste asunto como en materia de autodeterminación en xeral ou máis particularmente de secesión, á luz, entre outros, da Lei sobre a Claridade do Canadá, en relación co Quebec).
Polo demáis, iste impasse no tema de Xibraltar, sen límite temporal, axuda a non soliviantar a Marrocos en relación con Ceuta e Melilla, temas, con todo, con notorias diferenzas do contencioso xibraltareño, non soio xurídicas senón tamén políticas. Fronte a un Reino Unido respetado políticamente no tema xibraltareños, Marrocos atopa, políticamente falando, unha España discutida e discutibel… por máis que o réxime alauita en materia de dereitos humanos sexa manifestamente deficitario tanto a nivel interno como, moi especialmente, a nivel externo pola sua actuación contraria ao Dereito Internacional coa ocupación continuada do Sahara Occidental, impedindo a realización do referéndum de autodeterminación para o pobo saharaui, que, en boa lóxica, habería de conducir a actuación libre da República Árabe Saharaui Democrática.
Good save the Queen… Long to reign over us. Ao noso modo de ver, o maior beneficiario de todos en este envurullo segue sendo, unha vez máis, o Reino Unido e os seus intereses estratéxicos tendo, por unha banda, nunca mellor dito, ben pero que ben enrocada a “Roca”, cunha constitución de Xibraltar que especifica, por unha banda, que Xibraltar “é parte dos dominios da súa Maxestade a menos e ata que unha Lei do Parlamento decida o contrario e que o Goberno nunca entrará en ningún acordo polo que o pobo xibraltareño pase a depender da soberanía doutro Estado en contra dos seus desexos expresados libre e democraticamente”, e, pola outra, acollendo unha interpretación nada desinteresada do Tratado de Utrecht, ao obxecto de axudar tamén a manter o groso do statu quo xibraltareño favorábel aos británicos, coa que di que para os británicos non hai limitación á autodeterminación “salvo que a independencia só sería unha opción para Xibraltar co consentimento de España”. No Decreto de publicación daquela Constitución, o Reino Unido declara “tomar nota” de que Xibraltar non comparte o punto de vista inglés sobre a existencia desa restrición e de que o territorio “acepta esta Constitución sobre esa base” no limitativa. No medio do sándwich está Xibraltar, ben morniño, con menos de 7 kilómetros cadrados e 28.000 habitantes e cunha renda per capita de 30.095 euros, cifra bastante superior á española de 24.000 e a gran distancia da andaluza,18.500 euros, e, por agora, paraíso fiscal con máis de 70.000 empresas registradas. A vivir que son dous días…