Darfur e Khartum falan

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Darfur, rexión de tres estados federados dentro de Sudán, rebelouse en 2003 contra o goberno de Khartum porque coidaban seren marxinados por aquel e por opresión  á poboación negra.  A ONU mantén que o conflito custou 300.000 mortos e máis de 3.000.000 de desprazados.

Como consecuencia dese conflito foi acusado o presidente, Omar al-Bashir, por crimes de guerra e de lesa humanidade, e o ano pasado a Corte Penal Internacional  cursou contra el unha orde de arresto, o que, por agora, lle impediu viaxar a moitos países estranxeiros.

O mesmo Omar al-Bashir acaba de anunciar que se chegou a un acordo co exército rebelde de Darfur, ao que tería contribuído de maneira moi significativa o veciño Chad, ata agora país inimigo de Sudán porque un e outro se acusaban de axudar a opostos grupos rebeldes.

Ese acordo parece que tería o seguinte contido: 1) Cese das hostilidades entre Darfur e Khartum; 2) Conmutación dunhas cen penas de morte a membros do exército rebelde; 3) Retorno a Sudán dos refuxiados orixinados por ese conflito, e 4) Mellor reparto do poder e da riqueza.

O acordo semella xustificar unha certa esperanza, se ben algúns pensan que, por estaren previstas en Sudán eleccións para abril, Al-Bashir forzou este acordo con fins electorais. De todas as maneiras, non parece que tal cousa lle importe moito a quen é por esencia corrupto e criminal. Sen dúbida que lle importa máis procurar unha mellor aparencia no exterior e resolver os seus problemas coa xustiza internacional. Pero unha certa esperanza non parece desavida.