Consideradas como un referendo para o presidente Mauricio Funes, da gobernante Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN), as eleccións lexislativas e municipais salvadoreñas celebradas o pasado 11 de marzo confirmaron o avance da dereita en Centroamérica que, no caso salvadoreño, recae en mans da Alianza Republicana Nacionalista (ARENA) e da Gran Alianza de Unidade Nacional (GANA), ambos partidos que comandarán a partir de agora o poder lexislativo.
A incuestionable vitoria electoral de ARENA, conservando igualmente a estratéxica alcaldía da capital San Salvador, afronta un escenario clave de cara ás eleccións presidenciais previstas para marzo de 2014, con claras perspectivas de derrotar á esquerda liderada polo FMLN. Con isto, os comicios lexislativos salvadoreños confirman o avance electoral dos partidos de dereita en América Central, actualmente gobernantes en Panamá, Honduras e Guatemala, nunha rexión seriamente afectada polos elevados índices de criminalidade, pobreza e desigualdades socioeconómicas.
Tras Honduras, O Salvador é o segundo país a nivel centroamericano con maiores índices de criminalidade, con 70 asasinatos por mil habitantes, un aspecto habilmente manexado pola dereita salvadoreña con fins claramente electorais. Ao mesmo tempo, compre considerar unha inusitada campaña electoral do ARENA atizando o presunto “pantasma do comunismo” identificado na xestión política do FMLN. Precisamente, a Comisión Política do FMLN denunciou recentemente un presunto plan de desestabilización denominado Plan Halcón, a fin de crear confusión e accións violentas previo aos comicios lexislativos.
Ao fronte do Congreso salvadoreño, o ARENA liderado polo ex presidente Alfredo Cristiani (1989-1994), un dos principais membros da oligarquía cafeteira e empresarial salvadoreña ligada aos grupos paramilitares de extrema dereita que asolaron no país durante a guerra civil da década de 1980, apunta claramente a retornar ao poder en 2014, complicando así a viabilidade dos programas sociais do presidente Funes e do FMLN en materia de educación e saúde pública. Como no caso guatemalteco nas eleccións presidenciais de 2011, o ARENA establecerá como prioridades o combate á criminalidade e a aplicación dun modelo económico neoliberal, con claras perspectivas de achegamento cara a influencia de Washington.
Por tanto, a “dereitización” centroamericana planeará como posible referencia nun 2012 estratexicamente clave en materia electoral para América Latina. Esta perspectiva semella encamiñada a abrir un novo ciclo político, freando así a orientación progresista e de esquerdas experimentada pola rexión na derradeira década. Expectativas dun retorno conservador na política latinoamericana e que serán clave de cara a outros comicios presidenciais que se levarán a cabo nos próximos meses, principalmente en República Dominicana, México e Venezuela.