Diplomacia económica

O presidente Feijóo non é dos que se prodigan nas saídas ao exterior. Por iso cabe atribuír unha especial significación á súa recente viaxe a Panamá e México.

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

O presidente Feijóo non é dos que se prodigan nas saídas ao exterior. Por iso cabe atribuír unha especial significación á súa recente viaxe a Panamá e México. En vésperas electorais podería interpretarse esta iniciativa como un enésimo e perverso intento de involucrar a diáspora na contenda do 20N, pero a xulgar pola súa axenda, o contido económico prevaleceu sobre calquera outro, servindo para clamar as bondades do novo impulso internacionalizador que xira arredor da rede de plataformas empresariais galegas no exterior (PEXGA).

Hai no intento das nosas autoridades unha ruptura evidente con modelos precedentes e aínda vixentes noutras comunidades do Estado. A principal aposta consiste en transferir á CEG (Confederación de Empresarios de Galicia) as capacidades para promover unha internacionalización que da man dos mais directamente interesados debera acertar nunha definición mais proveitosa. A maior sombra deste proceso é a conseguinte descapitalización do savoir faire público neste eido, circunstancia que abonda para seguir de preto a experiencia a fin de poder dilucidar o balance desa contenda final pola eficacia do plan. Veremos que da de si.

A segunda ruptura pendente neste impulso internacionalizador esixiría a definición dun completo modelo de diplomacia económica que tutelara a dimensión empresarial baixo a orientación xerárquica da acción exterior global, procurando unha converxencia de todas as redes existentes agora que, segundo se di, por mor da crise, non podemos darnos luxos exóticos. É por iso que cabería atribuír ao departamento de acción exterior un maior papel neste eido, mais determinante e reitor, cunha significación mais precisa e contrariamente ao establecido en 2008, situándoo nun nivel de liderado mais próximo ao propio presidente, a fin non só de truncar as posibles rivalidades interdepartamentais senón para mellor garantir unha plena coherencia.

As nosas redes, empresariais, culturais, turísticas, migratorias, etcétera, beneficiaríanse desa integración xa que, optimizando as sinerxías, todos sairían gañando. Non é cuestión menor, de segunda orde ou que poida admitir aprazamentos. Se na internacionalización reside unha das claves esenciais para superar a actual crise, cómpre reforzar a diplomacia económica dispoñendo axeitadamente todos os medios complementarios ao noso alcance. Velaí o modelo ao completo.