En caída libre

A decisión do presidente venezolano Nicolás Maduro, transmitida polo alcalde capitalino Jorge Rodríguez, de ordenar a destitución de 99 altos funcionarios públicos nun prazo de 48 horas por haber asinado a petición de realizar un referendo revogatorio contra o seu mandato, activando unha especie de purga de corte político emulando dalgún xeito ao seu homólogo turco Recep Tayyip Erdoğan, afirma as expectativas sobre a deriva autoritaria dunha presidencia que xa claramente desestima calquera mecanismo de pluralidade democrática amparado constitucionalmente. 

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A decisión do presidente venezolano Nicolás Maduro, transmitida polo alcalde capitalino Jorge Rodríguez, de ordenar a destitución de 99 altos funcionarios públicos nun prazo de 48 horas por haber asinado a petición de realizar un referendo revogatorio contra o seu mandato, activando unha especie de purga de corte político emulando dalgún xeito ao seu homólogo turco Recep Tayyip Erdoğan, afirma as expectativas sobre a deriva autoritaria dunha presidencia que xa claramente desestima calquera mecanismo de pluralidade democrática amparado constitucionalmente. 

No trasfondo, a única finalidade de Maduro e do establishment gobernamental semella estar enfocado en preservar un poder progresivamente erosionado e cada vez mais deslexitimado, incluso dentro das propias filas chavistas, a tenor da enorme impopularidade que lle auguran algunhas enquisas de opinión(1)

Esta perspectiva acelérase ante un contexto hemisférico que xoga cada vez mais en contra de Maduro pero que, ó mesmo tempo, vese incapacitado para propiciar un consenso rexional que permita acadar algún tipo de solución política á interminable crise venezolana. Con especial atención deben observarse as duras declaracións de Luís Almagro, presidente da Organización de Estados Americanos (OEA), cualificando sen ambigüidades a Maduro como un “ditador” e ao chavismo como un “réxime”, moi probablemente utilizando esta categoría política como un evidente descalificativo.

A regresión autoritaria do “post-chavismo” en mans de Maduro revela unha serie de incongruencias e riscos que erosionan a xa deteriorada saúde democrática venezolana. Antes do anuncio de Maduro, o presidente do gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) e ex presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello, considerado o “Nº 2” do chavismo, ameazou con despedir a 4.000 funcionarios que xa habían asinado a petición de revogar o mandato de Maduro. Esta ameaza lanzouse durante a primeira fase de recolección do 1% dos asinamentos requiridos para solicitar este referendo.

Coa recente decisión de Maduro de destituír funcionarios públicos por razóns políticas e incluso ideolóxicas, que afectan aos ministerios de Alimentación, Traballo, Despacho da Presidencia, Empresas Básicas e Finanzas, retrotráense mecanismos xa establecidos polo chavismo no pasado recente, particularmente a polémica “Lista Tascón” impulsada polo desaparecido deputado chavista Luís Tascón xusto despois do referendo revogatorio gañado polo ex presidente Hugo Chávez en agosto de 2004.

Esa publicación, claramente ilegal e violatoria de dereitos humanos(2) básicos como a privacidade, dunha lista cos nomes de decenas de miles de venezolanos que votaron a favor do revogatorio de Chávez, e que provocaron desde a súa perda de empregos ata a negativa de concesión de créditos e axudas financeiras, asestou un impacto moral e social sumamente pernicioso. Incluso o propio Chávez pediu posteriormente a supresión de dita lista.

Con todo, dende a propia Defensoría do Pobo, presidida por unha das figuras mais coñecidas do chavismo, o ex deputado e ex gobernador Tarek William Saab, contrariouse esta medida lanzada por Maduro de destituír aos funcionarios públicos, considerando que “ningún traballador da administración pública debe ser despedido por razóns políticas”. Unha declaración que albisca os síntomas de polarización existentes incluso dentro do propio establishment chavista.

O imprevisible desenlace da crise venezolana vese igualmente reproducido no contexto hemisférico. A discusión sobre a presidencia pro tempore do MERCOSUR, que en principio debía recaer en Venezuela, está levando a fortes discusións no seo deste organismo, principalmente impulsadas por Paraguai, Arxentina e Brasil, cuxos cambios de cor político por mor dos recentes procesos electorais supoñen reveses tácticos para Maduro. Estes gobernos manifestaron claramente ou ben a súa oposición ou seu receo de decidir a presidencia do MERCOSUR en mans de Maduro, aumentando o clima de indefinición e de desconcerto.

Outro aspecto ten que ver co paulatino descoñecemento por parte de Maduro e do poder executivo da clásica división de poderes, particularmente no relativo as súas relacións co poder lexislativo de maioría opositora tralos comicios de decembro pasado.

Neste sentido, o Tribunal Supremo de Xustiza (TSX), acusado de presuntamente estar controlado por maxistrados afectos ao goberno, suprimiu unha serie de medidas lexislativas aprobadas entre abril e xullo pola Asemblea Nacional, confirmando o visible proceso de neutralización do poder lexislativo ó mesmo tempo que manifesta a fractura institucional que paraliza á política venezolana, cada vez mais radicalizada pola confrontación política e o déficit de mecanismos de diálogo.

Revogatorio para 2017?

Todo isto avanza nun momento en que a oposición, principalmente aglutinada na plataforma Mesa pola Unidade Democrática (MUD), avanza con firmeza na recolección de firmas requiridas para solicitar o referendo revogatorio contra o mandato de Maduro. Con todo lograron recoller unhas 400.000 firmas, o Consello Nacional Electoral (CNE), outro organismo acusado polas forzas opositoras de estaren igualmente baixo maioría gobernamental, ven ralentizando os prazos e mecanismos de verificación destas firmas, incluso eventualmente postergando por razóns técnicas e loxísticas a realización deste referendo para 2017.

O pulso político ilustrado neste referendo augura o principal canal de confrontación para os próximos meses. Para convocar este referendo, a MUD debe recoller o mesmo número de firmas que signifiquen o 20% das votos rexistrados por Maduro nas eleccións presidenciais de abril de 2013. O obxectivo da MUD é propiciar a celebración deste referendo no que resta de 2016 (para decembro están pautadas eleccións municipais) e non despois do 10 de xaneiro de 2017, cando o mandato de Maduro pase o seu ecuador.

A razón obedece a que, en caso de realizarse este referendo para 2017 e igualmente no caso de perder Maduro, non se poderían realizar outras eleccións presidenciais ata o remate do actual período presidencial en 2018, sendo este cargo ocupado durante este período polo vicepresidente da República.

Caso contrario, e de realizarse o referendo revogatorio antes de xaneiro, se deben convocar novas eleccións presidenciais nun prazo máximo de 60 días, tal e como estipula a Constitución Bolivariana, con fortes expectativas dunha severa derrota electoral para o chavismo e a consecuente perda de poder tras 17 anos de hexemonía.

Baixo este contexto, a crise política venezolana volverá ás rúas. O próximo 1º de setembro, a MUD convocou a unha gran manifestación de protesta en Caracas para premer ao CNE pola axilización dos trámites e a celebración este ano do referendo. Unha protesta na que Maduro insiste en cualificar de “golpista”, co presunto obxectivo de derrocalo, e para a cal ven preparando estas medidas punitivas, incluso ameazando con activar unha forte represión.

A solución pretoriana

En previsión de acontecementos claramente imprevistos, en xullo pasado Maduro reforzou os poderes políticos do ministro de Defensa e comandante operacional da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), Vladimir Padrino, e do estamento militar, tras decretar o seu control dos mecanismos de distribución de alimentos a través do recen creado Comando Presidencial Cívico-Militar, cuxas atribucións amplíanse a proxectos de seguridade nacional.

Este enroque de Maduro a favor dos militares, observado dende o exterior como a consumación dun réxime de corte pretoriano amparado polos mecanismos legais instaurados polo chavismo en materia de relacións cívico-militares, semella traducir a eventualidade dunha transición post-chavista no que o estamento militar levará a condución decisiva do proceso.

Militarizando o proceso de produción e distribución alimentaria, Maduro anticipa o control político do establishment militar como aparente única solución efectiva da crise socioeconómica venezolana(3), que diversos sectores tanto no país como no exterior cualifican incluso de crise humanitaria.

Pero igualmente existen dúbidas sobre a capacidade real dos militares para establecer un efectivo control da crise económica, tomando en conta que nos derradeiros anos, os militares veñen controlando a maior parte da estrutura económica venezolana en mans do aparato estatal(4). Por tanto, o enroque militarista de Maduro semella prever mais ben unha solución de corte político, incluso previsiblemente represivo, en caso de que a crise socioeconómica derive en incontrolables protestas sociais.

A semana pasada, Maduro xa anunciara que a súa actual purga deixaría a que está realizando Erdoğan en Turquía como un “neno de peito”. Sen comparar o contexto e a dimensión dunha e outra, o que está acontecendo en Caracas encamíñase a certificar un preocupante declive dos mecanismos de diálogo e da confianza democrática en Venezuela, diagnose que ameaza incluso con sepultar ao propio chavismo.

 



(1) Un reporte da firma Datanálisis do 17 de agosto de 2016 cifrou o nivel de popularidade de Maduro nun 21,2%, o mais baixo rexistrado nos derradeiros nove meses. Esa mesma enquisa asegurou que un 75% dos venezolanos desexa a saída de Maduro en 2016, especialmente a través dun referendo revogatorio. En caso de realizarse ese referendo, un 60,3% votaría en contra de Maduro. Ver:  http://www.elimpulso.com/correos-diarios/enterate/datanalisis-popularidad-maduro-la-mas-baja-los-ultimos-nueve-meses

(2) O Informe 2015/2016 de Amnistía Internacional, capítulo Venezuela, publicado en febreiro de 2016, aseguraba que a raíz do estado de excepción imposto por Maduro desde 2015, Venezuela presenta severas deficiencias e abusos en materia de  defensa de dereitos humanos así como casos de detencións arbitrarias e de impunidade xudicial. Ver: https://www.amnesty.org/en/documents/pol10/2552/2016/es/

(3) Á xa crónica escaseza de alimentos, que está levando a un éxodo cada vez mais frecuente de venezolanos ao exterior, principalmente á veciña Colombia, deben engadirse outros síntomas preocupantes da crise socioeconómica, entre os que destacan a incesante hiperinflación (estimacións do FMI para 2016 en 500% e de 1.500 % para 2017), parálise produtiva (o Banco Mundial estima unha caída do 10% do PIB para 2016), a imparable inseguridade cidadá (27.875 asasinatos en 2015, 90 crimes por cada 1.000 habitantesarrow segundo o Observatorio Venezolano da Violencia), o deterioro dos servizos públicos e incluso a reaparición de enfermidades que se estimaban superadas, como é o caso da malaria, sen esquecer os efectos de novas epidemias como o virus do zika.