Feijóo por Cuba

O presidente Feijóo foi a Cuba cunha idea: apoiar o proceso de fusión das entidades galegas presentes na illa caribeña. Pero a viaxe resultou noutra cousa. Primeiro sorprenderon as constantes xustificacións da súa xira co recurso da emigración (as 40.000 razóns!), suponse que coa mirada posta en Madrid e nos sectores mais recalcitrantes do seu propio partido. Segundo, paso a paso foi gañando consistencia a dimensión económica do achegamento ante as oportunidades que poderían abrirse co proceso de transformación que vive a illa, xustamente agora que está collendo certo empuxe. Pero os contactos mantidos non foron con responsables económicos, ou non só, senón políticos e ao máximo nivel. Como debe ser cando pode ser. É a mellor maneira e xa quixeran todos ter as mesmas posibilidades que Galicia ten ao seu dispor, moi superiores á significación da súa dimensión efectiva.

A propia práctica desmente así as posibilidades de desenvolver unha acción exterior económica en sentido puro, “apolítica”, pois as fronteiras entre a economía e a política, como todos sabemos, son finas como o papel de liar. Esa tesitura que nos últimos tempos serviu para demoler o edificio da acción exterior galega, tampouco un palacete pero si relativamente consistente, é pois, claramente desmentido por unha realidade que invita a incorporar as diversas claves e, se me apuran, coa política por diante.

Xa no tramo final da viaxe, diríase que a dimensión política señoreou sobre calquera outra, chegando a aconsellar mesmo aos dirixentes cubanos sobre cómo e de qué maneira poden arbitrarse transicións felices “como a española”, asumindo case a representación in pectore do goberno do Estado. E efectivamente así puidera ser, nada malo hai niso se no Estado houbera un goberno intelixente que soubera tirar proveito das potencialidades que pode ofrecer a paradiplomacia para fortalecer a política exterior común. Pero igual Margallo pensa que se extralimitou.

Tristemente, a visita coincidiu coa presentación por parte da Xunta de Galicia do seu proxecto de Plan Director para a cooperación galega, marxinando, pese a que houbo peticións en sentido contrario, entre os países prioritarios a realidades como Cabo Verde e Cuba, tan importantes por diferentes razóns para Galicia. De aprobarse tal cal, será sen dubida o plan guía da cooperación da Xunta, pero non da cooperación galega.

É sorprendente, en todo caso, a ausencia na comitiva galega do director xeral de relacións exteriores, expresión da súa marxinalidade no organigrama da actual Xunta de Galicia. Ogallá que esta viaxe sirva para facerlle ver ao Presidente, por experiencia propia, que cómpre outro enfoque para que Galicia tire mellor proveito da súa acción exterior. Ou iso ou unha vez mais, todo quedará en nada.