Fidel abre xogo

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

O modelo cubano xa non funciona, incluso para nós”. Trátase dunha frase tan contundente como lapidaria pronunciada nunha entrevista concedida á publicación estadounidense The Atlantic, na que o ex presidente cubano Fidel Castro abre toda serie de especulacións sobre o acontecer na illa caribeña, en particular sobre a consistencia do modelo socialista.

As recentes e calculadas aparicións públicas de Fidel parecen augurar unha estela de cambios a cámara lenta na Cuba de Raúl Castro, especialmente ante as reformas económicas actualmente en marcha.O inevitable protagonismo político de Fidel marcaría as pautas das reformas a seguir, contando coa perspectiva de Raúl que parece decantarse paulatinamente cara o modelo económico chinés.

Máis que certificar a caducidade do modelo cubano, Fidel insta a unha reforma no intenso “debate das ideas” que actualmente está removendo o escenario da illa. Por exemplo, o recente mea culpa de Fidel pola súa responsabilidade ante a represión do colectivo homosexual coincide cun amplo debate en Cuba sobre os dereitos das minorías sexuais, precisamente impulsado pola súa sobriña Mariela Castro.

Paralelamente, as súas declaracións en The Atlantic apelando ao presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad para que deixe de negar o Holocausto xudeu, incluso defendendo a existencia de Israel, certifican o interese de Fidel por prestar atención á política internacional, especialmente ante as súas advertencias dunha próxima “guerra nuclear” en Oriente Próximo. Unha preocupación confirmada pola autocrítica do propio Fidel, cando declarou que a crise dos mísiles de 1962 “non pagou a pena”.

Como Raúl, Fidel semellar estar convencido da necesidade dun equitativo achegamento nas relacións entre Cuba e EEUU, probablemente persuadido do momento clave que supón a presidencia de Barack Obama e da aparente perda de peso político dos sectores recalcitrantes dentro do exilio cubano en Florida. Fidel tamén outea as eleccións lexislativas en EEUU de novembro próximo, en especial ante o posible reforzamento do Partido Republicano en Washington.

Para diversos sectores da opinión pública internacional, un factor esencial que explica a reaparición do histórico comandante derívase da necesidade de matizar o impacto mundial ante a recente liberación de presos políticos cubanos, tras diversas negociacións entre Raúl, a Igrexa católica cubana e a UE. Concretamente, o retorno de Fidel reforzaría os principios esenciais da revolución socialista, así como ao núcleo histórico da estrutura de poder na Habana.

Non obstante, pode que este repentino retorno tamén simbolice un moderado epílogo triunfal na prolongada carreira política e revolucionaria de Fidel, plasmada na recente presentación da primeira parte das súas memorias. Así, Fidel espera servir de guía política para as novas xeracións de cubanos, encomendados a impulsar as inevitables reformas políticas e económicas, pero cuxas demandas inevitablemente abrirán fendas no tecido social no caso de que se perpetúe o aparente inmobilismo político na Habana.